A crise do rural chamada abandono

A crise do rural chamada abandono
"O primeiro que hai que facer para saír do pozo é deixar de cavar"

Mentres a crise económica e financeira afonda aínda máis nas incongruencias do mundo urbano; no noso rural ábrese unha crise moito máis profunda que ten por referencia o abandono na súa máis ampla extensión.

Segundo estre proverbio chino e poñéndoo no contexto actual, se queremos saír da crise teremos que probar cousas distintas ás que estamos a facer, xa que do contrario seguiremos a mergullarnos nun buraco cada vez máis fondo.

O eslavón máis feble do actual Capitalismo Global é a súa dimensión financeira, aínda que durante décadas parecera o máis potente. A banca privada prestou máis diñeiro do que tiña, xerando diñeiro en base á débeda, e isto non formula ningún problema se a economía está en constante crecemento. Pero se esta premisa non se cumpre (máis alá dun certo tempo), o sistema colapsa. De feito, os principais Estados centrais están a dedicar cantidades inxentes de diñeiro, obtidos a través da emisión de débeda ou a través de mecanismos monetarios, a salvar os seus sistemas financeiros e a conter a toda consta a depreciación de activos de todo tipo (bursátiles, inmobiliarios, financeiros, etc). Todo o contrario que ocorre coa crise do mundo rural, onde ninguén está a facer nada de nada, e incluso hai quen como Juárez que afirma que non ten solución. Recordo neste punto que Samuel Juárez é o actual conselleiro do Medio Rural, a pesar da incongruencia nas súas declaracións.

Así, en tanto nunha análise centro/periferia o mundo urbano (centro) ten que acometer propostas ligadas ao decrecemento, o rural (periferia) ten que apostar por medidas que concentren os esforzos en loitar contra o abandono.

A proposta do decrecemento

Este crecemento ilimitado que o Capitalismo Global nos vende, sen ter en conta que os recursos son limitados, está a provocar unha dobre fractura: por un lado a perda de recursos e por outra o seu reparto inxusto e desequilibrado.

En apenas cen anos, a humanidade consumiu máis enerxía que todas as xeracións precedentes e se apropiou do 40% da biomasa do planeta. Segundo diferentes cálculos, á Terra hoxe custaríalle ao redor de 1,3 anos reproducir os recursos que a sociedade, principalmente as poboacións enriquecidas, consome ao longo de un ano. Neste punto indicar que un 20% da poboación mundial consome o 80% dos recursos, tendo pola contra, máis de 1.200 millóns de persoas que vivir con menos de un euro ao día.

Desde o ámbito social a torta dos recursos cada vez está máis desequilibrada no seu reparto. Así, acontece que os 225 habitantes máis ricos do planeta teñen a mesma renda anual que 2.500 millóns de habitantes do planeta (equivalente ao 47% da poboación mundial máis pobre). Se amais poñemos os datos no ámbito do mercado, o 40% do mercado mundial está dominado unicamente por 325 empresas (paradoxas da teoría económica liberal imperante que non se cansa de repetir das bondades da liberdade do mercado para favorecer a competitividade, e nunca en termos históricos asistimos a tal cantidade de oligopolios nos distintos sectores).

A aposta por un novo camiño conducido polas propostas do decrecemento comporta a posta en valor de moitos dos valores presentes ata fai poucos anos no noso rural: primacía da vida social (fronte á competitividade), ocio creativo (fronte ao ocio mercantil), reparto do traballo (recuperación de tarefas colectivas), establecemento da renda básica das iguais, redución das infraestruturas, recuperación do local, economía de círculos concéntricos primando o máis próximo, sobreidade e austeridade individual, economía dos coidados, . . .

O AVE, a infraestrutura que distancia máis o noso rural

De chegarmos a Madrid en menos de dúas horas e media, mellorará a situación de abandono do noso rural? A resposta é contundente e negativa. Mais ben, ao contrario, é outra oportunidade perdida para tratar de achegar os mundos do rural e o urbano.

Para a integración do territorio é imprescindible que a comunicación entre os núcleos de poboación sexa áxil, barata e funcional. O noso país ten unha estrutura poboacional que é a expresión da nosa peculiar maneira de espallarmonos polo medio. Non temos que renunciar a ela. Teremos que adaptar as comunicacións á estructura das nosas poboacións, non ao revés, como parece que se está a indicar unha e outra vez.

Non pode ser que teñamos camiños de ferro que tarden máis de dúas horas en comunicar dous puntos da mesma provincia, que non existan variedade de horarios nos distintos traxectos, que nunha gran parte do noso país non estean electrificados e non dispoñan de dobre vía.

Polo tanto no noso país, precisamos camiños de ferro que unan os distintos núcleos de poboación con carácter interno, electrificados, con dobre vía para axilizar as comunicacións e que permitan o transporte de persoas e mercadorías. Esa tecnoloxía existe e tan só unha decisión política nos está conducindo a ter camiños de ferro centralistas (o AVE fronte ao Talgo) que tan só benefician a comunicación entre a capital do estado e as capitais de provincia periféricas e que benefician aos galegos e galegas que queiran ir e volver a Madrid no mesmo día e se poidan pagar o custe elevado da viaxe en AVE (en termos porcentuais sobran os dedos da man para indicar canta poboación en Galicia se beneficiará desta vía de comunicación).

O AVE é unha infraestrutura do mundo urbano para o mundo urbano, que elimina outras posibles opcións de comunicación por camiño de ferro para o noso rural e que consome recursos que non temos e que se poderían empregar para solucionar o gran problema do abandono (non sei se alguén se preguntou que outras cousas se poderían facer no noso rural cos máis de 6.000 millóns de euros que esta nova incomunicación para máis do 99% do territorio nos vai custar).

O debate non é se o AVE chega ou non no ano 2015. O verdadeiro debate debera ser se esta infraestrutura tal e como está pensada vai resolver os nosos problemas ou os vai a incrementar. Desde logo para unha gran parte do noso territorio e da nosa poboación non vai ser máis que a perda dunha nova oportunidade.

Vacinas contra o abandono

A gran crise do rural é a do abandono da xestión e do manexo, que comporta despois o abandono da terra e con elo a desaparición do capital humano, peza clave para que o territorio sega vivo. Neste sentido, entre os anos 1991 e 2001 a poboación activa agraria descendeu un 55%, feito que é paralelo á continua baixada no número de explotacións agrarias que descenden sen parar desde o ano 1962 no que contabamos con 433.000 explotacións ata as 270.000 de principios do século XXI.

Parte da nosa sociedade considera que o abandono do rural forma parte do progreso e da modernidade dos tempos. Moito máis aló desta visión, o abandono da terra ten consecuencias ambientais, paisaxísticas, culturais e económicas.

O idiograma chino de crise é tamén o de oportunidade, indicativo que detrás das dificultades se esconden tamén as vías para construír alternativas. Temos que tomar medidas antes de que o abandono sexa unha situación irreversible e non teña marcha atrás. As medidas teñen que ter carácter preventivo e anticiparse á evolución dos tempos, e nesta liña son fundamentais accións encamiñadas á comunicación proactiva entre poboacións que favorezan o desenvolvemento local.

Polo tanto, a gran vacina contra o abandono é a vertebración social e territorial do noso rural, todo o contrario do que nos ofrece o AVE.