A crise da socialdemocracia

A crise da socialdemocracia
A única resposta posíbel ten que vir dunha coordinación das organizacións políticas de esquerdas e dos sindicatos dos distintos pobos europeos

Chama a atención como cando a maioría sociolóxica do Estado español a forman asalariados proclives a unha ideoloxía de esquerda, os partidos presuntamente situados nesa banda adoitan perder perante o PP. Resulta aínda máis curioso este fenómeno cando o PP non se caracteriza precisamente por ser unha organización política moderada, se non por todo o contrario, por ser absolutamente neoliberal no plano económico, moi integrista no relixioso, partidaria da contención e mesmo da restricción absoluta das liberdades individuais e das liberdades das entidades nacionais que compoñen o Estado. Causa sorpresa que, malia os millóns de desempregados que existen, gañe moitos procesos electorais o grupo político que defende sen vergoña as ideas que levaron á maior crise da historia do capitalismo, e que perante os gravísimos problemas económicos e sociais do presente, ofrece como receita máis do mesmo e empeorado.

O medo ao agravamento da crise non explica eses resultados, senón o desconcerto e a desilusión de boa parte dos cidadáns das nacións de Europa, que conforman unha crecente abstención. Mentres todos os electores de dereitas cumpren de xeito mecánico, depositando os seus votos sen lles importar o máis mínimo as numerosas corruptelas de membros dos seus partidos -o caso Gürtel do PP ou os escándalos de Berlusconi-, os votantes de esquerda, moi esixentes coa praxe política, fican na casa decepcionados cos seus partidos.

Isto explícase por varias causas. Unha, o aparvamento social continuo provocado por algúns medios de comunicación, que converten aos cidadáns en analfabetos funcionais para a política. Dúas, a crise absoluta dos partidos socialdemócratas e das outras organizacións políticas que os quixeron imitar ou seren subalternas, comprensíbel ao abandonaren os principios de esquerda e ao se mudaren case en estruturas parasitarias de intermediación política, que ao cidadán só lle producen manifesto desprezo. Tres, pola indefinición na que vive a esquerda europea desde que comezou a globalización, incapaz de elaborar alternativas sólidas e reais que volvan ilusionar aos votantes. Catro, polas arteiras campañas neoconservadoras para desmobilizar aos votantes progresistas con graves acusacións -a maioría falsas- nas que se cuestiona a ética e o malgasto dos cargos públicos de esquerda, igualando á baixa as actuacións de todos os políticos con representacion institucional.

A recuperación da esquerda pasa pola réplica de cada unha das acusacións formuladas pola dereita e pola súa defensa, mesmo xudicial, ante cada unha das falsidades demagóxicas que se lle atribúan desde o eido político ultraconservador. Se a esquerda perde a credibilidade, perde por completo a súa razón de ser. Necesita xa un rearme ético que evidencie que non todos os políticos son iguais, que tamén hai algúns que non están ao servizo dos intereses mesquiños de determinados grupos económicos nin que buscan o enriquecemento persoal e o goce de privilexios asociados ao exercicio do poder, e que si pensan e traballan polo benestar xeral da sociedade e do país no que viven.

A política non se pode reducir só unha loita por unha simple ocupación do poder. Nos programas políticos débese desbotar o pensamento politicamente correcto do neoliberalismo, procurar políticas máis ambiciosas, transformadoras e sociais, regulando a economía, e mesmo defendendo sen medo a construción dunha economía mixta -que cada vez vai ser máis reclamada polos cidadáns e cidadás-, con bancos e empresas do sector enerxético e do transporte nacionalizadas e autoxestinadas.

Os votos para a mal chamada socialdemocracia baixan en case toda Europa. A Terceira Vía preconizada por Anthony Giddens -da que Felipe González xa fora un alumno avantaxado- resultou contraproducente, porque contribuíu a desmantelar o estado de benestar que había nalgúns países europeos. A socialdemocracia, coas súas inercias actuais, é incapaz de dar unha resposta política e económica á crise sen prexudicar ás maiorías sociais. Actúa cada vez de forma máis evidente ao servizo dos poderes financeiros, da banca e das grandes corporacións empresariais. E apoia con insolencia -do mesmo xeito que a dereita- as medidas antisociais e antilaborais do neoliberalismo. A socialdemocracia deuse no pasado de xeito principal nos países do Norte de Europa, porque por aquí nin naquelas conxunturas económicas favorábeis do capitalismo se desenvolveu máis que ao nivel demagóxico das promesas electorais. No presente, xa non existe máis que nominalmente, agochando no seu cerne un liberalismo puro e duro.

Nese laboratorio de ideas que sempre foi Alemaña, sacándolle arreo espazo ao socialdemócrata SPD, avanza con paso firme ese interesante e novedoso partido que é Die Linke -A Esquerda-, baixo o liderato de Oskar Lafontaine e de Gregor Gysi. Nel integráronse membros desencantados coas políticas neoliberais do SPD, xunto con antigos membros do partido comunista da RDA. Die Linke obtivo nas pasadas eleccións xerais o 22,6% dos votos, deixando ao SPD nun 23%. Lafontaine xa contou en 1999, cando era ministro de Finanzas do chanceler Schröeder, coa clarividencia da transformación da natureza da socialdemocracia e da súa crise posterior, decatándose do avance do neoliberalismo no seu partido e da imposibilidade de ser de esquerda nesas condicións, abandonando valentemente o seu posto de ministro e os importantes os cargos que mantiña no partido.

Tamén en Portugal tivo un extraordinario éxito nas pasadas eleccións europeas e nas xerais o Bloco de Esquerda, superando en ambas as dúas ao PCP. O Bloco, nado hai dez anos da unión de tres pequenos partidos e da  incorporación posterior de varios colectivos, inspirouse no modelo primixenio do BNG. O economista Francisco Louçá diríxeo, facendo que triplicase o número de votos e converténdoo no referente da nova esquerda portuguesa.

Na Franza apareceu hai moi pouco o Novo Partido Anticapitalista (NPA) de Olivier Besancenot, herdeiro, entre outros, dos aportes intelectuais do filósofo recentemente falecido Daniel Bensaïd. O Partido Socialista Escocés colabora con todos eles defendendo na súa nación de orixe celta o independentismo e un socialismo en clave marxista.

Está claro que unha nova esquerda alternativa, que no canto de rexeitar o marxismo se apoia nel, agroma en Europa. Diversas organizacións políticas xurden no noso continente tentando reconstituír a esquerda, logo do fracaso estrepitoso do socialismo burocrático do mundo soviético, da crise das tentativas reformistas de centro-esquerda da socialdemocracia e da consecuente ofensiva imparábel en todos os ámbitos do capitalismo na súa bárbara expresión neoliberal.

Necesítase unha esquerda que leve adiante unha defensa intransixente dos dereitos sociais (saúde, educación, emprego e vivenda) perante a refundación antisocial esixida polas patronais. Unha esquerda que se opoña á privatización das xubilacións e da saúde, que loite polo contrato colectivo laboral e pola flexibilidade do tempo de traballo. Unha esquerda que se achegue por medio de novas formas de democracia participativa aos representados, que desprofesionalice a política, evitando a acumulación de mandatos e implantando un estatuto do electo. Unha esquerda respectosa cos dereitos dos pobos e nacións de Europa, partidara da defensa da súa autodeterminación. Unha esquerda con pretensión de ser maioriotaria e non subalterna de ninguén, e que só pacte para gobernar co que quede da chamada socialdemocracia, se esta se compromete a cumprir estrictamente con programas ambiciosamente transformadores e en beneficio da maioría social.

Poucas veces na historia foi tan necesaria unha esquerda forte para  resistir a mundalización capitalista. Lévase padecendo unha década de retrocesos constantes no estado de benestar e nos dereitos laborais. As desigualdades sociais, a precariedade, o desemprego e a pobreza aumentaron por millóns no vello continente. Son moitos anos sen unha política verdadeiramente de esquerdas, recuando perante a ofensiva neoliberal. A economía globalizouse. As directrices antisociais da UE impoñénse aos estados e aos pobos. Do mesmo xeito que os grandes poderes económicos están coordinados para desmantelar o estado de benestar e privatizar todo, a única resposta posíbel ten que vir dunha coordinación das organizacións políticas de esquerdas e dos sindicatos dos distintos pobos europeos, para organizaren unha oposición forte, recuperaren o ámbito público fronte á privatización xeralizada e aplicaren políticas redistributivas e verdadeiramente de esquerda.