A conservación cultural da natureza
O monte arde porque non forma parte do noso mundo existencial
Conducía un día caloroso de verán por unha estrada da Costa da Morte. Estaba deixando atrás unha vila destas onde o urbanismo deixa moito que desexar, ten de todo, pero non ten urbanidade, pois é algo onde as boas maneiras non se ven por ningures. Un gran cartel publicitario chama a miña atención, pero só son capaz de ler unha liña: “compramos madeira”. Non logro ler máis e déixame intrigado. Quedei pensando a que madeira se refire, porque entendo que xa non hai madeira nos nosos montes para mercar, árbores que sirvan para serrar.
Por madeira, no contexto da miña educación rural, entendiamos a que se vendía e mercaba para serrar, é dicir, íase ao monte a cortar, especialmente piñeiros, tamén eucaliptos, pero moito menos, para logo serrar. Na miña infancia o eucalipto era unha árbore case exótica, os labregos non o querían nos montes, tan só os plantaban nos cornechos dalgunha leira e nas beiras, pero sempre un ou unha ringleira deles. Si, lembro tamén un par deles, xa grandes, xunto á casa. E lembro ben cando se empezou a estender, cando se plantou totalmente en dúas leiras, onde se deron tamén os primeiros lumes que lembro.
Esa madeira podía ser vendida polos propietarios dos montes, ás veces cando había unha necesidade urxente, ou era serrada para uso propio, para facer mobles, pór os sobrados á casa, etc. Os serradoiros eran as fábricas onde as toradas sufrían a primeira transformación para convertenrse en táboas e despois poder traballar a madeira. Os serradoiros son un paso adiante na industrialización dos antigos serranchíns que percorrían a nosa xeografía coa serra portuguesa e a de aire ao lombo. E lembro a cruz que hai cerca de Santa Cristina, indo de Berdoias cara a Vimianzo, unha cruz colocada para lembrar a Manuel Cardoso Pedroso, de 28 anos, portugués morto ao caerlle enriba unha torada cando a estaban serrando nun maio de hai noventa e oito anos.
As fábricas de serrar abundaban pola xeografía da miña infancia. No meu concello, Muxía, lembro cando menos oito destas industrias, unha delas de certo relevo; ademais había os compradores que mercaban pola súa conta e despois vendían aos serradoiros. Ían coa súa machadiña que levaba na cota un relevo co que se marcaban as toradas para saber a que comprador pertencían. Hoxe quedan aínda catro serradoiros, pero penso que só dous teñen algunha actividade. O mesmo panorama dáse polo resto da xeografía, van pechando un tras outro, abandonados e comestos polas silvas. A maquinaria desaparece e toda unha memoria relacionada con esta actividade, económica e social, vai esmorecendo, unha actividade que foi importante en certos momentos históricos. Mesmo chegou a haber unha tecnoloxía galega aplicada a esta industria. Así, fabricáronse unhas camionetas para baixar os piñeiros dos montes, camionetas que eran unha evolución do carro tradicional.
Cando chegaron as motoserras, nunca lle chamamos así porque usáronse, en principio e durante moito tempo, para cortar piñeiros, polo tanto a motoserra era “a máquina dos pinos”. Despois o seu uso xeneralizouse e emprégase para todo, menos para cortar piñeiros, porque cada vez hai menos. E na pondaliana Morpeguite, onde hai aínda un serradoiro, o encargado de limar as serras desa fábrica era o limador, alcume segue existindo.
A razón de que houbese tantos serradoiros era que había moito piñeiro, pero tamén demanda, por exemplo de puntal para as minas de Asturias, mais tamén terá que ver co minifundio empresarial e coa especial xeografía e falta de comunicacións. Hoxe o areal de Nemiña é coñecido polos surfistas, pero mirando cara o extremo occidental do mesmo aínda podemos ver os restos dunha construción sobre un cantil. Pois desde este punto cargábase madeira en barcos por medio dun cabrestante. Ninguén o pensaría hoxe.
Así, tiven oportunidade de consultar o arquivo dunha mina de caolín que houbo nunha vila da Costa da Morte. A dicir verdade o sistema de explotación da mesma era algo rudimentario, nada que se poida comparar coa tecnoloxía que se quer aplicar en Corcoesto, moito máis eficaz desde o punto da explotación capitalista, pero menos efectiva socialmente. Nesta mina o secado do caolín facíase cun sistema aparentemente rudimentario e había que comprar piñas, casca de piñeiro, serraduras, casqueiros. Moitos destes produtos había que ir buscalos aos serradoiros e chegou un momento en que a demanda era tanta que o prezo da serradura pasou de cero, é dicir, que era regalado a 300 pesetas no ano 1959. Os labregos tamén ían buscar os serradoiros serraduras para queimar na lareira e ter a auga do pote quente cando se erguesen pola mañá.
Polo tanto, os serradoiros formaban parte da nosa xeografía e da nosa memoria, un patrimonio que perdemos.
Había monte con piñeiros e monte baixo, e estaban as brañas, brañeiras, lagoas (topónimo bastante abundante) e, como non, as gándaras cantadas por Pondal e López Abente, que no remate do verán se enchían de gando diverso que andaba polo monte pastando ceibe e, cando a seca era máis aguda, buscaban nestes lugares máis brañentos herba máis fresca e auga. O gando, ao adaptarse ás condicións ambientais e ás formas locais de explotación, estaba construíndo paisaxe, facendo territorio, un territorio que estaba todo ocupado, todo mapeado culturalmente, aínda que non todo cultivado. Tíñamos así o natural da natureza impregnado do cultural, e como resultado un medio totalmente antropizado. O que vemos hoxe como paisaxe é o resultado dunha relación entre medio ecolóxico e actores sociais, un retrato da vida duns protagonistas, escenario de vivenzas das xentes que fan dese marco un territorio obxecto da súa existencia, porque esta paisaxe tiña vida mentres houbo unha economía que lle deu unha configuración. Pero esa fotografía está cada día máis borrosa e acabará por facerse ilexible, porque en moitos lugares xa non queda ninguén para aguantar sequera dos nomes e xa non poderemos entender un xeito de habitar milenario que se nos vai, que se nos foi.
Mais hoxe as gándaras son inmensos eucaliptais e o gando xa non forma parte da memoria do territorio. Xa non fala a paisaxe montesía de gando, xa non se escoita pacer as vacas e rinchar os cabalos. Agora a paisaxe é monolingüe, é unha paisaxe enferma de eucaliptitis, unha enfermidade que vai comendo os terreos agrarios e deixa sen comida aos lobos, que non teñen que comer, mentres medran especies oportunistas, como o xabaril e outros boicoteadores, tanto animais como vexetais. Isto pasa porque o territorio pasou de estar totalmente ocupado a estar totalmente abandonado e, neste contexto de abandono, arde o monte e chámase madeira ao que nunca se lle chamou así. Si, xa sei que nos dicionarios se define madeira, por exemplo, como a parte compacta que está debaixo da casca das árbores. Pero para todo hai un tempo, e unha árbore para chegar a dar madeira tamén. Si, xa sei que hai gando no monte, grandes praderías e granxas industriais, pero o sistema tradicional de pastoreo mixto foi substituído por prácticas desvinculadas da estrutura do territorio. Isto leva consigo a desaparición de diversidade, de diversidade biolóxica e de ecosistemas, pero tamén toponímica, patrimonial, información e coñecemento. Todo incide, penso, nunha baixa da autoestima, de aprezo polo territorio e de caos na estrutura social, cando o que necesitaríamos sería esa información do territorio para convertela en coñecemento e que, este, puidese transformarse en coñecemento aplicado e axudar á economía e a mellorar a vida das comunidades locais rurais. E non renuncio ao coñecemento global, pero si creo na autoestima como forma de valorar o propio, de consciencia do que vale o que temos.
Outro día volvín pasar pola mesma vila e puiden ler xa todo o cartel. A segunda liña que non lin a primeira vez dicía “de eucalipto. Coidamos o teu monte”. Debaixo un teléfono ao que chamar coa promesa de que “axudarémosche” e a firma de Ence. Non entendo moito das regras que rexen o mundo da publicidade, pero nos meus pequenos entendementos sobre este tema vin unha lectura perversa na colocación desta segunda liña, algo que vai contra a nosa historia e contra un xeito de construír a paisaxe, dun habitar histórico. Non se pode coidar o monte se non se atende e coida a sociedade que creou ese monte. Ten que haber produción, pero tamén condicións para a produción social que permita continuidade histórica e mellor calidade.
No rebufo dun verán queimado non quixen escribir un artigo sobre os lumes, si sobre a conservación cultural do monte, título que lle tomei prestado ao asturiano Jaime Izquierdo Vallina.