A colocación do microchip nos cabalos ou a caída da careta de certa tropa (xa que de cabalos se trata)

A colocación do microchip nos cabalos ou a caída da careta de certa tropa (xa que de cabalos se trata)
As comunidades de montes veciñais en mao común, levan anos loitando para que o aproveitamento do gando equino, se faga de xeito ordenado

As comunidades de montes veciñais en mao común, levan anos loitando para que o aproveitamento do gando equino, se faga de xeito ordenado e que os animais estean identificados, autorizados e saneados, co fin de que este aproveitamento sexa compatible cos outros aproveitamentos do monte. O proceso de ordenación de este gando, iníciase durante o goberno bipartito e ven de rematar (non de xeito adecuado) coa promulgación, a primeiros de mes, do Decreto polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galiza .           

Dende o mesmo momento que se inicia o proceso de esta ordenación, as asociacións de propietarios de gando equino, algunha que outra asociación medioambiental (a sección no Val Miñor de Galiza non se Vende), e algún que outro grupo político (escindidos do BNG do Val Miñor, que xa criticaran publicamente e fixeran ostentación de esta critica, ao decreto do aproveitamento eólico do goberno bipartito), puxéronse de fronte e levantáronse de patas (xa que de cabalos, falamos).  

Para levar este enfrontamento adiante, había que buscar unha escusa. Había que crear un falso debate (táctica moi practicada pola dereita ideolóxica). Esta escusa foi o custe dos microchips, que terían que colocarse nos animais para a súa identificación. Porque o problema verdadeiro non era a colocación do microchip. Primeiro porque as comunidades de montes, que esixen que o gando que paste nos seus montes veciñais, ten que estar identificado, non apostan por ningún tipo de identificación concreta. Segundo porque o custe da colocación do microchip nos animais, está subvencionado (mesmo houbo anos que estaba subvencionado ao 100%). O verdadeiro problema e que  a maioría das asociacións propietarias de gando equino non queren unha explotación ordenada  para non facerse responsables dos danos que poida producir o gando (estrago nos aproveitamentos dos montes, estragos nos cultivos, accidentes...). O verdadeiro problema e que a maioría das asociacións propietarias do gando equino, e os seus compañeiros de viaxe, non admiten que os montes veciñais en mao común, sexan titularidades da veciñanza comuneira e que polo tanto a súa xestión correspóndelle as comunidades de montes. Teñen pois, unha postura idéntica a da ideoloxía franquista. E dicir, sacarlle os montes veciñais a veciñanza comuneira, para entregarllos a calquera das Administracións Publicas.             

Como pola boca morre o peixe, que o verdadeiro problema non era o custe da colocación do microchip, mesmo o corroboran estas asociacións de propietarios do gando equino  cando, ante unha proposta da Consellaria de Medio Rural e Mar de voltar a subvencionar ao 100% o custe da colocación do microchip, manifestan publicamente: "O problema non é o microchip. O problema e que o decreto obríganos a levar unha explotación gandeira ordenada. O problema é que o decreto faculta as comunidades de montes para autorizar ou non autorizar a presenza do gando nos seus montes ". Por fin tiran a careta e amosan a súa verdadeira faciana.             

A maioría das comunidades de montes veciñais en mao común, entenden que o aproveitamento do gando, o dos cabalos tamén, é un aproveitamento interesante para os montes, no camiño de acadar un monte multifuncional e sustentábel. Entenden que a presenza do gando, os cabalos tamén, nos montes e unha ferramenta mais para loitar contra os lumes forestais. Mais para que isto sexa así, o aproveitamento do gando ten que estar ordenado e os animais teñen que estar saneados, identificados e autorizados polos titulares das terras. Senón é a lei da selva. Se as asociacións de propietarios do gando equino, entendesen que os montes veciñais son titularidades comunitarias, poderían traballar conxuntamente. E deste traballo conxunto beneficiaríanse os habitantes do medio rural. Xa que, poderíase potenciar o consumo da carne de cabalo, o uso dos cabalos para actividades lúdicas, turísticas e terapéuticas. Mais, lamentablemente, os propietarios do gando equino, non estan pola laboura.          

Mentres as comunidades de montes teñen que facer fronte a esta nova agresión contra os montes veciñais (un mais, das moitas), o Partido Popular, coa súa táctica de "parecer que fai algo, para non facer nada ", aproba o decreto polo que se establecen as normas de identificación e ordenación sanitaria dos animais equinos en Galiza, que é de imposible cumprimento. Porque se ben e certo que o decreto contén cousas positivas (os cabalos teñen que estar saneados, identificados e autorizados polos titulares das terras), impón aos concellos a obriga de retirar o gando que non cumpra estas condicións. E é sabido que a inmensa maioría dos concellos rurais, non teñen nin medios económicos, nin persoal, para cumprir con esta obriga. O decreto, na practica é pois, fume de cana.             

Puidera parecer curioso que o Partido Popular que, aproveitando o sambenito da crise, ten proxectado eliminar concellos rurais, sacarlles competencias e reducir a representación democrática, non para reducir custes, como afirma, senón para eliminar servizos públicos e camiñar cara o bipartidismo perfecto, impoña agora, novas competencias os concellos rurais. Mais, non é curioso porque, precisamente ese é o seu obxectivo. Non dar alternativas aos posibles conflitos e votar leña no lume entre sectores que, obxectivamente, teñen que ser aliados.