A claudicación do Pacto de Toledo

A claudicación do Pacto de Toledo
A sesión plenaria que abriu a porta á ampliación da idade de xubilación foi surrealista e francamente insultante

O debate e votación do Informe de Avaliación e  Reforma do Pacto de Toledo no Pleno do Congreso de onte foi un momento revelador e descorazoador para quen se sitúa na beira contraposta á dereita. Ter un pensamento e unha ideoloxía de esquerdas comeza a ser unha auténtica heroicidade nun mundo político plano, onde ser discordante e ir contracorrente é definido como "antigo" polos "reformistas do neoliberalismo radical".

A sesión plenaria que abriu a porta á ampliación da idade de xubilación foi surrealista e francamente insultante. Debatíase o Informe sobre as pensións do Pacto de Toledo, de por si amplo e nada concreto. Máis todo é susceptíbel de empiorar, e iso foi o que sucedeu. O que non se atreveron a aprobar na Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo a pesar das insistencias do PSOE, e a pesar de xornadas enteiras de debate, e grazas á oposición dos grupos discordantes (BNG, IU-ICV e ERC), esbozouse nunha simple tarde de Pleno como quen bebe un  vaso de auga. Un voto particular de CIU deu pé a un pacto transaccional co PSOE cun texto ameazador para o futuro de todos. Un acordo que di cousas como que "o obxectivo de retrasar a idade efectiva de retiro esixe promover un novo marco legal da idade de xubilación máis baseado na flexibilidade e a gradualidade e no mantemento de estímulos á prolongación da vida laboral ...". Todo un salvoconduto para un Goberno ansioso de perpetrar o crime sobre as pensións.

Máis a sesión tivo elementos ofensivos cando ambas formacións trataron de presentar este acordo de última hora como "unha corrección de erros" da emenda dos converxentes. Calquer espectador podía sentirse insultado por semellante tomadura de pelo. E o PP que alzou o brazo para falar, envaiñouse o discurso, titubeou e calou. Así que os populares que tanta causa fixeron co da idade de xubilación, que incluso presentaron un voto particular, non votaron en contra de semellante atropelo. Só o BNG e as forzas da esquerda parlamentar se opuxeron á manobra case nocturna que empiorou o Informe do Pacto de Toledo. Que permitiu a Zapatero abandonar o hemiciclo cunha faciana de satisfacción evidente.

Para todos os que loitan pola supervivencia do sistema público de pensións, foi como se o xélido inverno que se respiraba fóra entrase de súpeto na Cámara. Un frío terríbel misturado coa frustración dunha soidade enorme.

A bautizada mediaticamente como esquerda parlamentar: BNG, IU-ICV, ERC e Nafarroa Bai, ficou soa na defensa do Sistema Público de Pensións, sós na defensa de reformas na dirección oposta á que pretende o Goberno español. Soidade política na oposición aos vindeiros recurtes en materia de pensións, soidade total no rexeitamento dun Informe que acredita novas tropelias en materia de pensións.

A voz discordante reduciuse ao BNG e ás outras formacións coas que se uniu á hora de presentar os votos particulares ao aludido Informe. Algo así como emendas ao texto, para que nos entendamos.

Unhas emendas que pedían un pronunciamento claro do Pacto de Toledo en temas de grande calado. Un pronunciamento en contra de aumentar o período de carencia para obter a pensión ou cobrar o 100%, en contra de incrementar a idade legal de xubilación, en contra de aumentar o cómputo de anos para calcular a pensión, e demandando a revalorización das pensións, melloras na protección social para as mulleres, e para os mozos investigadores que traballan a base de bolsas cando deberían contar con contratos laborais, e pedindo a separación e clarificación das fontes de financiamento.  

Propostas comprometidas co sistema público de pensións que deixaron en evidencia a falla de compromiso do resto de formacións políticas, porosas e abertas ás inxeccións de botox que o Goberno vai efectuar nas pensións. Máis non se cortan nos seus comentarios prepotentes, seguros do que fan. O deputado de CIU intervinte no debate, Carles Campuzano, chamou ás forzas políticas discordantes "esquerda conservadora". Algo así como "pasados de moda" porque o moderno é acabar con todo o que respire levemente a público ou teña unha compoñente relacionada co benestar social. Puro thatcherismo, simple  entreguismo aos que manexan o carto. Son os "modernos reformistas" que non fan nada para asegurar a pervivencia das pensións públicas, mais non paran de alimentar á insaciábel besta chamada mercado que agora pide a cabeza do sistema público de pensións.