A austeridade de Feixóo non funciona

A austeridade de Feixóo non funciona
O réxime da Xunta feixoniana parece batir os seus propios récords de mala xestión, desgoberno e improvisación semana a semana

A mediocrecracia do Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo está no seu máximo apoxeo. O primeiro de maio, día do Traballo, o Presidente conseguiu a honra de que Galiza encabece a destrución do emprego no Estado, xunto coa maior baixada da porcentaxe de ocupados de todas as Comunidades Autónomas.

O réxime da Xunta feixoniana parece batir os seus propios récords de mala xestión, desgoberno e improvisación semana a semana. A política no primeiro ano de goberno do PP estivo marcada polo retroceso manifesto de todos e cada un dos avances sociais acadados polo bipartito. Había moitos antes aos que eses avances sociais do bipartito lles parecían tímidos e insuficientes, sen embargo agora moitos máis entonan o arrepentimento do que votaron, ou do que non votaron.

Os 32.000 parados máis do mes de marzo de 2010 contradín a autocomplaciencia galopante da censurada Televisión de Galiza, moi ocupada en ensalzar as poses do Presidente mentras se reúne con empresarios galego-mexicanos para fuxir das explicacións da tremenda vergoña da cifras do desemprego en Galiza.

Na Xunta de Feixóo hai erros de bulto, que se chaman clamorosos, polo clamor en contra que producen. Na desmontaxe da labor do bipartito a dilapidación do Banco de Terras e a paralización das UXFOR  (Unidades de Xestión Forestal) son un delicto de lesa economía ao truncar de golpe as esperanzas dos habitantes do rural que dispuñan así de instrumentos para superar o lastre do minifundio.

Os cálculos non resultaron e o que ía ser un paraíso 6 meses despois do cambio, son agora ruínas dunha política económica baseada na austeridade no gasto, é dicir, na paralización da administración e da acción do goberno.

A revolución industrial que ía ser a implantación duns 2.300 megawatios eólicos que levaban aparellados proxectos industriais importantes pola acción de goberno da Consellería de Industria do BNG está en suspenso (Outra cousa serían os consabidos impactos ambientais que xeraría tanta infraestructura productiva).

Recentemente o actual concurso eólico feixoniano foi ralentizado 3 meses, ampliándose o período de presentación de solicitudes das empresas interesadas porque o Ministerio de Industria pensa rebaixar as primas pola producción de enerxía renovable.

Os motivos son claros e concisos, hai que recortar o gasto en producción enerxética porque coa crise económica o descenso do consumo eléctrico está provocando que se teñan que parar durante longos periodos de tempo as centrais térmicas e de ciclo combinado. Nesta situación de debilidade económica sobra electricidade que ademais costa aos contribuíntes enormes sumas de diñeiro en subvencións ás grandes compañías.

O recorte das primas por parte do Ministerio de Industria está asegurado, queda por saber se a cuantía vai ser maior ou menor. Esta situación cambiou radicalmente  o panorama eólico en Galiza, xa non hai seguridade de outorgar concesións pola totalidade dos megawatios ofertados.

Outro caso do que non volveremos a ouvir falar durante unha boa temporadiña son as tan temidas piscifactorías industriais. Este sector por si mesmo ten unha escuálida influencia na economía galega porque produce moi pouco emprego, aínda que tivo unha enorme capacidade de captación de recursos económicos provenientes da Unión Europea para o fomento da acuicultura sustentable.

De novo bastou a suspensión das inxentes subvencións de cartos públicos para que o sector estea en franca retirada. O motivo disto non é outro que a carencia de sustentabilidade da acuicultura que se pretendía en Galiza, de grandes plantas con poucos traballadores en primeira liña da valiosa costa. Actualmente mantéñense as subvencións para a acuicultura de pequenas plantas e cun menor impacto ambiental pero claro, ese é un modelo que non interesa á Xunta de Galiza.

Recentemente en conversacións entre un grupo ecoloxista e o ínclito Agustín Hernández, Conselleiro de Infraestructuras (e Medio Ambiente), este manifestou que nestes momentos non existe en Galiza ningunha empresa que solicitara a concesión de terreo para aumentar a producción. Máis ben habería que preguntarse cantos postos de traballo está destruíndo nestes momentos o sector xa que moitos eran precarios (facilmente prescindibles).

Na mesma afectación notable pola crise económica atópase o sector da navegación de ocio. Entre os primeiros efectos das crises económicas pasadas, presentes e futuras temos con claridade que a venta e construcción de embarcacións deportivas é sempre un sector moi damnificado por ser unha actividade superflua cando hai que apretarse o cinturón. O Plan Director de Portos Deportivos pretendía a construcción esaxerada dos mesmos baseándose nunha arriscada predicción de demanda que como sabemos non chegou a cumplirse, e hoxe é papel mollado. Gastar en portos deportivos agora é tirar cos cartos.

O que aínda non se decatou a Xunta de Galiza é que esta crise non é o clásico exemplo de crise de demanda que se pretende superar coas tradicionais recetas do neoliberalismo económico (recorte do gasto público e redución de impostos). Trátase sen embargo dunha crise do modelo económico, como coinciden en sinalar numerosos expertos en economía, que debe ser superada cun cambio do modelo productivo. Os máis avezados sinalan que ese cambio deberá estar baseado na sustentabilidade medioambiental, na extensión da sociedade da información e no aumento da productividade.

Sen embargo Feixóo non se dá por aludido é aumenta as axudas á compra de coches, unha nova burbulla económica que vai estourar a fin de ano como moi tarde, porque a Unión Europea prohibe seguir subvencionando nesa data un artifical crecemento da demanda. Na mesma liña a Xunta outorgou a fondo perdido 30 millóns de euros a Citroën e non se sabe moi ben en concepto de qué nin con motivo de qué.

 Decatémonos que ese gasto é 5 veces superior ao suposto aforro de 6 millóns de euros en recorte dos chiringuitos que na maioría simplemente van ser cambiados de nome.

Os tempos son chegados dos bardos das idades que as nosas vaguedades cumprido fin terán. Agora é cando, en Galiza, é onde, hai que manifestar o profundo descontento coa política dereitista de Feixóo. A primeira oportunidade será o 17 de maio, Día das Letras Galegas, para pedir a derogación do Decreto que favorece ao castelán na educación, eu estarei aí, vós tamén debedes estar.