A actividade pesqueira extractiva en Galicia

A actividade pesqueira extractiva en Galicia
A normativa europea de xestión de cotas de pesca, segue sendo un agravio para as empresas galegas que traballan na actividade pesqueira extractiva

Un estudo do Comité Económico e Social Europeo denunciou en febreiro os desequilibrios existentes na repartición de cotas en Gran Sol, caladoiro no que a flota galega posúe as tres cuartas partes de toda a cota asignada ao estado español.

A normativa Europea de xestión de cotas de pesca, ao igual que outras normas que regularizan as explotacións agraria e gandeira segue sendo un agravio para as empresas galegas que traballan, neste caso, na actividade pesqueira extractiva. España esgota todos os anos as súas cotas de pescada e rape, inferiores por exemplo ás concedidas a Francia, e que este país non gasta. Actualmente si unha armadora desexa comprar dereitos de pesca en outro pais comunitario deberá comprar o barco alí abandeirado para poder facer uso desas cotas.

A revisión deste sistema de reparto de cotas de pesca e unha das máximas aspiracións da pesca industrial galega, o actual principio de estabilidade relativa, definido xa fai 26 anos, asigna un tope fixo por país sen discusión e sen contemplar a incidencia da actividade na economía. Ao non poder pescar as cotas excedentarias, polas que outros países non se interesan, está a aumentar a importación de peixe de países terceiros para abastecer os mercados de especies con moita demanda, como a pescada. A este problema engádense o dos descartes, xa que, cando, por exemplo, se acaba a cota de pesca de rape, séguese pescando pescada e o rape que se captura hai que tiralo ao mar. Como solución a esta situación moitas das empresas armadoras apostan pola incorporación de dereitos transferibles (ITQ), de modo que empresas de diferentes estados membros poidan alugar ou comprar parte das cotas que non todos chegan a esgotar.

Unha vez definida a nova política europea de reparto de cotas de pesca é tamén necesario un cambio na xestión que as propias empresas armadoras realizan destas cotas. Dende o ano 2007, establécese que cada buque pertencente ao censo de altura, gran altura ou palangreiros de máis  100 TRB  que  opera  nas divisións CIEM Vb, VIN, VII e VIIIabd, caso da frota de Gran Sol, ten recoñecidas  a distribución  individual de especies. Ata este momento a existencia dos coeficientes de acceso supuña un límite dentro do esforzo  total a exercer, pero promovía unha carreira por pescar aquelas especies cuxa cota española (incluíndo transvasamentos) prevíase que se ía a esgotar antes. Ao considerarse que a cota é individual esta "carreira por pescar" desaparece e  permite  a  flota  axustar  as súas  capturas  ao longo do ano, podendo mesmo manter un remanente de cota nas épocas do ano que maior prezo alcanza. Pero aínda que con unha xestión de cota individual se realice unha pesca mais responsable, non é unha medida suficiente por si soa para rendibilizar a inversión en cotas de pesca de cada barco.

A optimización de cada quilo de cota concedido pasa por un maior rendibilidade das capturas, que cada peza de peixe que sube ao barco se poida vender e que se venda a un prezo que faga sostible a actividade. Isto so se pode conseguir si os produtores interveñen dalgunha maneira na regulación da oferta ao mercado, e é aquí onde a xestión das cotas xoga un papel importante. Si un armador decide deixar un remanente de cota para determinada época na que cre que se vai vender mellor e todos os armadores que venden na mesma lonxa deciden individualmente facer o mesmo, finalmente os prezos non van ser os esperados por un exceso de oferta. E necesario, polo tanto, a creación de organizacións fortes de produtores, asociacións e incluso colaboracións interprofesionais (sector extractivo, industria, distribución) que poidan conseguir un xestión eficaz da cota de maneira que se axude a sostenibilidade medioambiental e económica da actividade pesqueira.