A actividade pesqueira extractiva en Galicia

A actividade pesqueira extractiva en Galicia
O caso do marisqueo a pé na Mariña e Ortegal, un exemplo de perda de valor produtivo.

A análise da situación de crise e do futuro da actividade pesqueira en Galicia e altamente complexo, esta complexidade provén principalmente da variedade de actividades que presenta, dende a pesca artesanal realizada cerca das zonas costeiras do país ata a actividade de pesca industrial realizada en calquera lugar do mundo. A pesar desta variedade, tódalas actividades que se desenvolven neste sector comparten a mesma orixe nesta crise, a escasa rendibilidade das capturas, derivada da incapacidade das empresas de regular, en primeira venda, os prezos dos seus produtos.

Especialmente grave é a situación en subsectores da pesca como o marisqueo a pé en bancos naturais nas rías altas, onde a perda de traballadoras e de produción nos últimos anos é alarmante. Dous exemplos claros e extrapolables a tódalas confrarías da zona son a Confraría de Celeiro e a Confraría de Espasante, no ano 1996 había 59 mariscadoras adscritas a Confraría de Celeiro e 75 na confraría de Espasante, a día de hoxe son 2 e 16 respectivamente. A maior parte destas mulleres maiores de 45 anos e con escasas posibilidades de relevo xeracional. Este nivel de perda de emprego nunha zona como na que nos estamos subscribindo e moi significativa xa que as alternativas de ocupación laboral para estas mulleres e practicamente nula. Ademais disto, perdemos un oficio e unha variedade de produtos que o propio mercado substitúe por outros moi rapidamente.

Dende o ano 96 ata agora e a pesar das inversións realizadas ata o momento na maioría das confrarías, cambiaron moi pouco as cousas para estas mulleres. Realizan un oficio moi pouco dado a evolucións tecnolóxicas e o que conseguiron nestes anos foi algo mais de cobertura social e médica, un nave onde vender o seu produto, e pouco mais.

O produto que marisquean véndeno practicamente o mesmo que prezo que no ano 96 e os custes para manterse na actividade son bastante maiores. A perda continua de mariscadoras agravou aínda mais un dos motivos principais da perda de rendibilidade, a atomización da oferta. Na actualidade dependen dun número cada vez mais pequeno de compradores, que manexan facilmente os prezos de compra, ata o punto que son os que sinalan os días de marea que as mariscadoras poden traballar. No caso de Confrarías coma a de Celeiro á problemática dos prezos de venda engádese a redución das capturas pola contaminación da ría.

Podíamos pensar que coma toda empresa que vende un produto están obrigadas a traballar para colocalo dalgunha outra forma no mercado, pero, Como soportar os custes loxísticos de levar 100 kilos de ameixa a depurar a unha hora do lugar de extracción (a mais cércana) e volver a buscala, para podela vender directamente a peixerías, restaurantes ou transformadores?

Actualmente as posibilidades de emendar a situación son moi escasas, necesitan inversións nunha pequena depuradora (a única forma de controlar o seu produto), básculas, empaquetadoras, etiquetaxe, formación en comercialización, colaboración entre asociacións,..., e nin tan sequera teñen capacidade de recorrer a subvencións, hai que xustificar antes de recibir o pago e para isto necesitarían dun apoio financeiro, apoio co que, como a maioría da pemes, non contan.

Estamos polo tanto fronte a outro exemplo mais de perda de valores produtivos do noso país, dificilmente recuperable. As cifras económicas dun subsector como do que estamos falando, son moi pouco significativas en cifras globais, pero afecta notablemente a sostenibilidade económica local. A súa desaparición, ou non, vai depender finalmente do arraigo dunhas mulleres a unha actividade na que levan toda unha vida.