13 DE MARZO EN COMPOSTELA
Nun editorial anterior temos falado de que Galiza vive unha situación de emerxencia do punto de vista económico e social. Para o nacionalismo galego esta situación ten que ser enfrontada con decisión, iniciativa e mobilización. Así o está a facer o Bloque Nacionalista Galego, sexa coadxuvando ao éxito das folgas xerais na Galiza contra a política involucionista, en materia laboral e social, do Goberno español, sexa contestando medidas claramente discriminatorias cos intereses do país, como o decreto do carbón, sexa defendendo iniciativas que impidan ou dificulten os deseños financeiros prexudiciais para Galiza, como no caso da liquidación do modelo de caixas. O nacionalismo galego en xeral, tanto o político como o sindical, non permaneceu pasivo desde que se albiscou o que nos viña enriba. Non se acomodou nin predicou resignación. Levamos varios meses de combate institucional e social contra unhas políticas gravemente lesivas para as maiorías sociais e para o futuro de Galiza como pobo, como nación, como colectividade. Estámolo a facer practicamente en solitario.
A Xunta de Galiza, cando non é totalmente conivente coa política do Goberno central do PSOE, limítase a responsabilizalo sen tomar ningunha iniciativa de seu ou emitindo discursos que non se corresponden coa práctica real do partido que a sustenta nos foros onde ten voz e voto. O Partido Popular fai todo o máis un duplo xogo político ou mantén unha pasividade conducente a que a resignación coas medidas que se toman na Unión Europea ou no Estado español contra Galiza se instale na conciencia popular. Se por eles fora, non tería habido sequera a fusión das caixas galegas, aceptando as fusións externas e a desterritorialización. Comparten as reformas laborais e sociais do Goberno español. Limítanse a contemplar, como un destino fatídico, o proceso de destrución do sector pesqueiro e agrogandeiro. Cinicamente din estar contra un decreto do carbón sen expresar esta oposición con contundencia en ningures ou defendéndoo nas zonas do Estado beneficiadas por el. Na culminación do uso de Galiza con fins exclusivamente electoralistas, empregan o seu nome para denunciar a discriminación do goberno central ou a falta de competencias para solucionar problemas, mentres son abertamente contrarios e alérxicos a aumentar o noso autogoberno, afirmando sempre que o actual marco é máis que suficiente e o que importa é o interese común de España. A verdade é que nunca como agora foi tan coincidente a política de fondo, a económica e a social, do PP e do PSOE, malia os balbordos teatrais nos que se lean, coa consabida cobertura mediática, desviando a atención dos problemas centrais da nosa sociedade.
O nacionalismo galego non se resigna e con el amplos sectores da sociedade que teñen consciencia da gravidade da situación e non están dispostos a permanecer inermes contemplando como se nos quere roubar o noso aforro, como se nos deterioran os sectores económicos estratéxicos -enerxético, naval, agrogandeiro e pesqueiro, ...- por mor de decisións discriminatorias e inxustas tomadas no exterior que contan co respaldo activo ou a pasividade conivente das forzas políticas e sindicais de ámbito estatal que actúan na Galiza.
Están a pór en perigo o futuro de Galiza negándolle o seu dereito a producir e a posibilidade de poderen os galegos e galegas vivir do traballo na súa terra. Non aceptamos que se interiorice como normal este proceso tan destrutivo. Galiza ten dereitos, o pobo galego ten dereito a existir. Non se pode limitar a ser un criadeiro de carne humana para a emigración, como diría Castelao. A forma en que o Goberno PSOE está a encarar a crise económica está a provocar un paro que na Galiza se acentúa por políticas discriminatorias co país como o decreto do carbón, os intentos de privatización da caixa, a redución imposta de actividade pesqueira e do sector lácteo, a prohibición da construción naval civil de gran tonelaxe... Así é imposíbel levantar cabeza. Un proceso semellante, nun momento incisivo de tal calibre, debe ser respostado continuamente e con dilixencia. Por iso compartimos a decisión que o BNG e a CIG tomaron de convocar conxuntamente unha gran mobilización, para o día 13 de marzo, en Santiago de Compostela, en defensa do dereito de Galiza a producir, a vivir do seu traballo, contra a privatización da caixa e o roubo dos nosos aforros, contra o decreto do carbón e a redución da nosa capacidade produtiva en sectores estratéxicos. En definitiva, a favor do emprego e da dignidade política de Galiza.