Xurxo Lourenzo: un home no esquecemento

Xurxo Lourenzo: un home no esquecemento

Unha pequena exposición, baixo o título "Debuxos de Lobeira", sérvenos para recordar a figura de Xurxo Lourenzo, o irmán pequeno de Xaquín Lourenzo "Xocas", no ano no que se fan cen do seu nacemento. A exposición, organizada pola Fundación Vicente Risco, está este inverno en Compostela nunha sala do Museo do Pobo Galego.

Tres anos despois de que vira a luz Xaquín, o que logo sería un dos etnógrafos máis destacados de Galiza, nace Xurxo Lourenzo o 11 de febreiro de 1910 na ourensá rúa da Paz, outrora dos Zapateiros, nunha casa fronteira á de Otero Pedrayo e na que tamén vivira un tempo Vicente Risco. Despois de facer o bacharelato chega a Santiago para estudar Ciencias, pero ao curso seguinte marcha a Madrid coa intención de estudar arquitectura, mais acaba matriculándose en Filosofía e Letras. Non continúa os seus estudos en Madrid senón que regresa a Santiago, onde estará só dous cursos, pois ao inicio do de 1933-34 trasládase, xunto co irmán, á Zaragoza, onde en abril o sorprenderá a morte cando só tiña vintecatro anos de idade. Ao chegar a Ourense o seu cadáver foi velado "no fogar dos galeguistas", ou sexa, na sede do Partido Galeguista.

Segundo Vicente Risco, quen escribe en Nós entón unha lembranza do Xurxo, tivo inquedanzas pola cultura exipcia, pola astronomía e pola literatura de viaxes, até que descobre Galiza e chega a súa "conversión de cheo ao galeguismo". Esta conversión parece que se dá cando está en Madrid grazas ás cartas do seu irmán Xaquín, conversión que o levará a traballar con ganas en diversos proxectos e entrará no Seminario de Estudos Galego cun estudo sobre os brasóns de Ourense. Aparece como coautor da catalogación dos castros de Lobeira xunto a Florentino López Cuevillas (outro esquecido), ou con Fermín Bouza-Brey nun traballo etnográfico sobre Pías (Ponteareas), e sempre traballando uns ao carón dos outros, compartindo proxectos e inquedanzas colectivas.

Pero como dixera Otero Pedrayo "o xoven amigo meu Xurxo Lourenzo traballou con amor e finura as artes do dibuxo e das letras antigas", pois a Xurxo apaixonábanlle os documentos medievais e na súa curta vida publicou varios traballos froito das súas inquedanzas paleográficas. Segundo Vicente Risco intentaba elaborar unha etnografía galega da alta Idade Media, período no que cría que empezaba a nosa verdadeira historia como pobo cunha realidade diferenciada. Tamén foi colaborador da revista Nós (agora de noventa aniversario, igualmente esquecido) ou participou nas incipientes emisións de radio que se facían en galego desde a emisora de Unión Radio situada en San Domingos de Bonaval.

Outro dos aspectos de Xurxo foi a súa militancia a prol da galeguización da Universidade. O traballo cultural e científico, o seu activismo galeguista nas aulas e o enfrontamento cos profesores antigaleguistas e antiestudiantís, nomeadamente Carmelo Viñas Mey mais non o único, levan aos irmáns Lourenzo fóra do país. O dedo acusador de Viñas Mey seguirá sinalando despois da guerra desde Madrid, mesmo desde os tribunais de oposicións. E no desterro encontrará a morte, truncando unha vida inqueda.

Xurxo foi un dos homes de Nós que traballou para demostrar que non éramos unha realidade histórica subalterna, que Galiza tiña unha personalidade cultural propia; xente que intentou facer unha investigación que servise a esa causa e erguendo as estruturas necesarias para facela, pois as oficiais eran belixerantes con esta realidade propia. Unha investigación que servise para dar voz aos que non a tiveran, unha investigación que quería ser moderna e servir para forxar o futuro: a cultura e o país de hoxe.

Ben merecía que coñecéramos algo máis a súa obra e o seu traballo e este aniversario ben servía para iso, para ter argumentos críticos que nos leven a revisitar a súa obra e valorala no seu contexto.