Xente moza e leña... nun agosto quente

Xente moza e leña... nun agosto quente

Non se debe mirar para outro lado. Hai o que hai e cómpre facerlle fronte. Heteroxéneo acontecer que entra na casa como unha noticia máis para contribuír á anormalidade ó borde de calquera drama. Crise de identidade, anomia, incultura, logo deshumanización, insensibilidade, desnorte, tolemia individual e colectiva tuneada. A tan cantada política do benestar: traballo, pensións, educación sanidade tamén está hipotecada. Histeria nos salóns das Bolsas, entre plasmas cos afiados e devoradores dentes de serras gráficas e os brokers desguedellados, eufóricos. A crise é global coas súas causas e os seus efectos. Don Carlos, "o filósofo de Tréveris" como di o historiador Barreiro Fernández, tiña razón: a economía, as relacións de produción, propician abismais desencontros entre os que máis queren -a conta de que os demais non saben- e que se chaman a sí mesmos "políticos" e ate "intelectuais", iso dicíao Pío Baroja. A crise non a curarán os que a propician, nin se parchea momentaneamente con beneficencia.

Cómpre poñer os sentidos no futuro, na xente moza, auténticos "brotes verdes", potencial, futuro de casas, de vilas, de cidades ou de países, do porvir do mundo. Saber sábeno, ateos, laicos e relixiosos, pero a teoría é outra cousa. Cómpre poñer os sentidos na forza da comunicación, dilucidar as verdades das mentiras que circulan polas novas canles, as redes sociais. Neste labirinto de todo tipo de buscas e novas experiencias, acentuadas pola inxestión de apócemas, aceleran ritmos e haberá quen non poida seguir na competición, quedará nas cunetas das vías rápidas, na porta dunha discoteca, nun portal escuro, nunha latrina ou nun vertedoiro de lixo. Pretérito imperfecto, presente que se fai Historia, a que para algo debe servir. A todo movemento ideolóxico lle interesa o seu fronte de xuventudes, domesticar, adoutrinar á forza bruta da mocidade.

Seguimos a organizar a vida por códigos militares, conta a idade, os galóns, as estrelas de latón dourado e as medallas das batallas e nesas... "leña verde e xente moza todo é fume". Fumata e lume de esperanza. O paternalismo das batalliñas do avó, a ensinanza das vellas fábulas non entran na didáctica do noso tempo. A educación está en crise. Son consellos, recomendacións que soan a rancio entre as presas mozas. E xa hai moito do que arrepentirse. A xuventude é experimentación, risco, namentres que a madurez é experiencia. Sabio elixir de porvir o cóctel que mesture experimentación e experiencia. Sabemos que calquera tempo pasado foi peor, pois o verbo e a comunicación maduraron, dous pasos adiante e un atrás: dende as tribos ó fracaso do imperio global.

Xente moza ocupa postos decisorios, de poder, e axiña sofren a metamorfose, sucumben entre a púrpura, as adulacións e a lumeirada das vaidades. Perden medida de si mesmos e do que os arrodea. Na súa odisea esquécense de Itaca entre os cantos se serea... Algúns entenderon os seus reinos como o cuarto de xogos para os seus caprichos infantís e os dos seus amigos, de xoguete a escala real; envelleceron consentidos no seu particular e inservible imperio Disney Comics e provocaron o rudo encono actual... e seguen sendo laureados.

Arde agosto, saltan chispas, os gobernos sen vacacións. O adiñeirado inversor e filántropo de Nebraska, Warrem Buffet, o terceiro home máis rico do mundo, desacostumadamente, recórdalle a Obama que os megaloricos pagan a metade menos de impostos que os seus simples traballadores ou que os que loitan polos multimillonarios en Afganistán... Neste agosto subiron os grados no barrio londinense de Tottenham e en moitas cidades inglesas... tras convocatorias internáuticas, asalto a tendas de roupa de marca, de tecnoloxía dixital, de música... os mitos dos nosos días. Non había detrás ningún manifesto, nin bandeira, nin siglas, pero si o instinto incontrolado do touro da indignación global. David Cameron, o primeiro ministro inglés descarta cuestións de pobreza ou de raza (as que tamén entran no cóctel da convivencia) e repite a vella sentencia de que o problema é de educación e das familias. Faise a pregunta acaída ¿onde están os pais dos pequenos delincuentes? Pero, entre tanto desgaste das palabras ¿que é educación? ¿quen educa? Edúcase educando, a cada intre, co exemplo, con todo iso que se propaga mediaticamente. Os modelos globais, imperiais, a imitar entran no corazón da casa, nos cuartos dos nenos, a través de pantallas de plasma. O medio xera mensaxe: o trunfa como sexa, individualismo, cinismo, violencia, sexismo, consumismo... revestidos de glamour. Namentres por acolá, no Corno de África, a miseria adobada en fame, moscas, armas, guerra... e por aquí a indixencia e o dispendio confitado, entre a endogamia, repelotazo chaqués, papier couché, sombreiros Ascot, altas gamas...

E por suposto, o de sempre, debera educar a escola, nas aulas e fora delas, cuns medios e cuns profesores estimulados, apoiados pola sociedade e polo claustro, contrastados, na busca da tolerancia, da democracia, da liberdade... palabras con límites confusos cando se esquece o testo no que regar, iso que chamamos nación, fronte a imperio. Para algo está tanta historia de humanismo, que non é máis que a insatisfacción na busca da perfección ética e estética, a través de infindos camiños, os códigos de comunicación, a palabra, a arte... apreciar e complementarse co universo que se atopa no ser humano, no humus, na singularidade, na sociedade e en canto nos arrodea... "Galiza célula de universalidade" iniciábase o estatuto galego do 36. Nacionalismo é humanismo fronte á globalización ou imperio. Como exemplo o esforzo didáctico, o maxisterio de Castelao abrindo camiños.

Na mente está o acaecido en Noruega, o seu civismo e súa policía desacostumada ante o asasinato masivo, por un iluminado, de mozos do Partido Laborista no campamento de verao da illa de Utoya, berce de políticos noruegueses, entre eles do primeiro ministro Jens Stoltenberg. A resposta foi seguir politicamente activos, incrementar o compromiso dos máis novos co debate político, que cómpre perder o medo e que a paz constrúese co exemplo da paz.

Outro flashback de agosto: a cambio de cincuenta euros, corrupción de menores cada noitiña dos sábados nalgunhas discotecas madrileñas. Rapazas saen da casa co seu casto uniforme vaqueiro que axiña mudan pola mínima expresión indumentaria e plumas de marabú, abaloiros, música baile e sobeo... E outro flash: turismo barato, de litrona e borracheira que atopa en LLoret del Mar desfogadeiro, provocación e incerteza ... E máis: mozos reclaman por Celtiberia o aluguer da forza bruta e criminal do touro Ratón, cunha curricula de mortos en Sagunto, Benifairó e Xátiva, con entrada propia en Wikipedia e seguidores en Facebbok... todo un símbolo: a forza brava da irracionalidade acomételle á insensatez suicida.

Namentres o Papa Bieito XVI chega a Madrid, arrodeado de toda unha nova práctica de marketing publicitario, propio das campañas electorais: MJM 2011, o encontro Mundial da Xuventude en Madrid. Marea branca e marela. As redes sociais dan pra iso e pra moito máis. Ábrense igrexas, pavillóns de deportes, colexios.... Mobilización masiva, desguedellada, como Festa do Orgullo Católico e Romano, con indulxencias papais incluídas, entre chiringuitos, Feira das Vocacións... kit do peregrino incluido, tumulto de bandeiras, cruces, hábitos, sotanas, castrenses, minisaias, procesións, faise a ola... Mestura de Entroido e de Semana Santa en agosto, catequese, rezos, cánticos, flamenco, danzas ó estilo das cherleaders girls, golpes de peito, incienso, rosarios, velas, viacrucis e papamóvil... Pola outra banda ateos, laicos, cristianos de base, indignados e etc. Contestaron con contramarcha, a golpe de batucada, baixo pancartas, co lema "De mis impuestos al Papa cero. Por un Estado laico". Acontecer de perfomances ó borde da liorta: a feira é a feira, instantáneas do acontecer global, a golpes, de porra e de beato cinismo no madrileño "Quilómetro Cero" e no Escorial da águias, no que sigue sendo Centro dun imperio "por la Gracia de Diós".

Ponse a proba que, cada día, os mozos asumen o seu potencial e son máis ousados, usan e abusan de vellos legados. Un debe saber os seus límites, situarse, con quen comparte, o qué mercadea, onde se perde e se confunde... Educación, con punto de partida e de retorno, identidade que é distinción. "Ser diferente é ser existente", "arredor de si", "inadaptados", abrirse ó mundo, crear, resistir. Ser ou non ser, velaí a cuestión. Un, outro e máis, coas súas decisións, pode contribuír a mudar o mundo.