Xeiteiros


A Virxe Do Carme entre finais de maio e setembro adicábase á pesca da xouba e da sardiña, nesta tempada a tripulación das xeiteiras medraba. Ó patrón e mariñeiro víñase a engadir o rapas. Enrolábase con pouco máis de seis anos e en algúns casos con algo menos, xa que nas casas había moitas bocas que acomerar e tódolos xornais eran poucos por cativos que foran. Coa dorna na mallante da praia, erguido e de punteiras, non era quen de ollar o plan da embarcación e moito menos saltar a bordo sen axuda.

Dende ben noviños forxábanse os homes no nobre e duro oficio de mariñeiro, afortalando corpos e caracteres, sen escola, sabían de navegación e comprendían a linguaxe dos faros, coñecían os fondos mellor que ninguén e os perigos dos baixíos e farallóns.

Contaban con coñecemento dos comedeiros das distintas clases de peixe, e os seus comportamentos nas diferentes tempadas do ano. No lugar axeitado tomaba a decisión de largar e meter abordo o aparello. Nin asomo de dúbida, nin indecisión no ánimo.

Naquel ano pola ría non atracaba rabo de peixe, xa andiveran ó axexo por preto do Campelo e punta Cabalo, a lúa xa está minguada e debían aproveitar o tempo en chegar á costa.

De Xidoiros puxeron proa ás Lobeiras e daló ó Carreiro para tirar cara a punta de Corrubedo.

Xa estaban pola metade da tempada e as ganancias ainda non foran o que debían ser. O peixe xa estaba contratado dende primeiros de ano polos salgadores, que logo se encargarían da súa elaboración e distribución nos afastados mercados, nos tratos interviña o patrón.

Algunhas das sardiñas dispúñanse para xantar na invernía, cando o alimento encomezaba a escasear, tratábase primeiro en salmoira ó longo de vintecatro horas, despois levábana en cestos mesturada co sal, afumábase nun alboio sen cheminea con pólas de loureiro, carballo e piñeiro, escollíanse as que daban máis fume, o proceso viña a durar entre unha e dúas semanas, no xantar deixa un gusto no padal e arrecendo nas ulideiras.

Aló pola tardiña chegaron preto de Monte Louro, o corazón saíalles pola boca, o axexo estaba a dar resultado, ao lonxe albiscaron unha bandada de mascatos e carráns que non cansaban de chupar no mar. Eles sabían moi ben que ese era un sinal inequívoco de que alí había peixe, seguiron aos paxaros a unha distancia prudente. O mariñeiro no cufiño ía quitando as pezas para fóra, listas e preparadas para largar pola noite. O sol estábase poñendo e os paxaros ían abandonando as súas persecucións. Ao escurecer botaron as pezas ao mar, catro caceas, e deixáronse ir, levados pola corrente, tiñan sorte, a noite estaba escura, non se vían nin as mans.

Non tiñan acougo. Alí estábanse a xogar se a viaxe ate tan lonxe pagara a pena e chegar á casa cun xornal aínda que fora cativo. A media noite empezaron a bater nos costados coas escoras, de súpeto unha lucería de dimensións extraordinarias: o mar parecía que prendera lume; era a sardiña fuxindo do estrondo, a barría, a tan cacheada e esperada e tamén moi desexada barría, pensaron que tódolos esforzos pagaban a pena, pois alí polos resplandores que se ollaban tiña que andar moito peixe e eles estaban preparados para metelo abordo, tiñan no mar unha cacea de catro pezas. Esta ía ser unha marea de moita fortuna. Sempre dependía da habilidade ó largar e da feitura das mallas.

Pola mañá comezaron a meter a bordo a cacea. As sardiñas aparecían a milleiros. Arrombaron o peixe e traían corenta e catro cestas.

Agora cumpría limpa-las pezas, había que lavalas, e mentres un as quitaba polo costado sacudíaas contra o mar o outro íaas cobrando para abordo.

O mar estaba tan calmo que tiveron que poñerse a bogar. O vento nen tan sequera sacudía a vela. As longas horas aos remos non facían mella neles, non sentían o cansanzo, estaban acostumados a iso e a moito mais. O rapas durmía asemellando un Anxo, levaban dúas noites sen pegar ollo, unha de axexo e a outra de ardentía.

Movían os remos mentres levaban á boca un cacho de pan de millo con touciño, no medio da noite e da soidade que somente empresta o mar.