Xaime Illa Couto na misa por Rosalía

Xaime Illa Couto na misa por Rosalía

A misa por Rosalía, que comezara en 1932, hai agora 80 anos, converteuse nalgúns momentos da ditadura franquista, nun moderado acto de afirmación galeguista. Aínda así a policía e os servizos de información franquistas seguían moi de perto este tipo de acontecementos. O escritor Manuel María (1929-2004) ten publicado nun especial de A Nosa Terra (xullo 1990) dedicado a Rosalía de Castro un interesante artigo titulado “Pequena historia da Misa de Rosalía”.

O galeguista Xaime Illa Couto (Compostela 1915, Vigo 2012), participante do Seminario de Estudos Galegos, membro das Mocidades Galeguistas e que fora un dos cofundadores da editorial Galaxia (1950), de SEPT (1965), de Grial así como da Revista de Economía, foi acusado en 1969 pola policía de ter berrado consignas separatistas, a saída da citada misa por Rosalía en San Domingos de Bonaval. Máis concretamente “Viva Galicia Ceibe”. Formalmente non foi por saír cantando o “venceremos nós”. A policía necesitaba algo máis consistente xuridicamente: “Viva Galicia Ceibe”.

Foi xulgado e condenado a tres meses de arresto polo Tribunal de Orden Público como autor dun delito “de desordenes públicos”. Defendido polo avogado Ramón Chaves González, o asunto chegou a sala segunda do Tribunal Supremo, con resultado de absolución (o Tribunal Supremo considera “que su grito de ¡Viva Galicia Ceibe! no perturbó la paz ciudadana”), anulando a do TOP. A policía realizou un durísimo informe criticando dita resolución, como mostro no presente documento da policía secreta. O gobernador civil da época calificaba a Illa Couto como “galleguista maligno”.