Voltemos falar da lingua


O pasado 15 de xullo, coincidindo co 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, a Mesa pola Normalización Lingüística conseguiu unha foto xa esquecida no noso país: a foto da unidade dos partidos políticos a prol da nosa lingua. Ou falemos concretando: o Partido Popular adheríndose a unha “Declaración de Unidade a Prol da Normalización da Lingua Galega”.

É verdade que polo de agora só é unha foto; mais debemos valorar o seu significado e máis o que vale de novo punto de partida para o relanzo do galego e do seu uso. Mérito tamén da Mesa, pois estou certo de que houbo que medir cada verba empregada para conseguir esta unión e non dar escusas para botarse fóra.

Na Declaración teñen valor de futuro expresións como “abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega”, tomar como base o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, ou “devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno”

Non vai ser neste artigo no que lembremos como chegamos a esta situación, só lembrar que a anterior foto da unión foi en 2007, cando se aprobou o decreto de aplicación do Plan de Normalización Lingüística de 2004, e que foi logo manipulada por Feijóo para chegar a presidencia da Xunta aducindo a “imposición do galego”, que tanto dano lle fixo á normalización da nosa lingua. Cómpre máis ben vermos a situación na que estamos e cales poderían ser os primeiros pasos que desde os poderes lexislativo e executivo se deberían dar para avanzarmos.

Onde estamos é doado de analizar saíndo á rúa ou acendendo a televisión, ou navegando pola rede. Non cómpren sesudos estudos. Logo de tantos anos, segue a ser moi difícil vivir con normalidade na nosa lingua. Das dúcias de canles de televisión que dispoñemos actualmente, cantas son en galego? Cantos debuxos animados ou programas infantís se poden ver en galego? Cantos contidos en internet temos dispoñíbeis en galego? Cantos vídeos? E internet? Prensa? Revistas? Xogos? Filmes no cine?

Calquera podería seguramente contar unha anécdota esperpéntica relacionada coa lingua no noso país que mostraría o lugar no que colocamos ao galego e aos galegos. A aplicación nos centros de ensino do Decreto de Feijóo do Plurilingüismo de 2010 podería dar para múltiples anécdotas da exaltación do desatino. Que veña el aos institutos a equilibrar as porcentaxes de sesións semanais de aulas en galego e en castelán por alumno ou alumna!

Eu son moi fan da inscrición colocada na entrada do pavillón de Baiona logo da última reforma en 2013, na que xogan coa sílaba que diferencia Pavillón de Pabellón, para poñelo nos dous idiomas, non vaia ser que alguén non entenda. Un fenómeno ao que se lle ocurriu. Debemos ser únicos no mundo nestas habilidades. Canto talento desperdiciado!

En que lugar está actualmente a língua nos discursos e nas axendas dos partidos políticos, especialmente dos que semellan estar de moda, e incluso naqueles que algún día se declaraban ante todo nacionalistas? Como mínimo en segundo plano, e se estorba moito... na “actual situación de emerxencia”...

E pasemos xa polo ensino. Que recursos de aprendizaxe temos en galego? Incluso nas materias que o decreto indica que se deben impartir en galego, que parte dos repositorios está en galego? Que atopamos en Internet? Que libros e material de apoio? Que vídeos didácticos? Que documentais?

Intentando que as ensinanzas científico tecnolóxicas chegaran tamén ao alumnado en galego, e dado que na ESO non hai marxe legal de manobra, de cara ao curso que vén conseguimos no meu instituto que se aprobara que as Físicas e Químicas do Bacharelato se impartiran en galego. Deste xeito, xa podemos poñer o libro de texto legalmente en galego... se houbese. Ningunha editorial (se me equivoco, por favor, avisádeme!) ten publicado ningún libro de texto de Física e/ou Química en galego, nin na ESO (podería ter algún sentido, xa que está prohibido impartila pola Xunta; non ocorre ao revés por certo), nin en Bacharelato. Xa dan por suposto que non se ía nin se vai impartir. Non hai materiais en galego actualizados.

Eu non podo evitar ás veces certa sensación que no ensino, e tamén noutros eidos, a língua galega vive a paz dos cemiterios: non molestes moito, facede o que queirades nas vosas aulas, total a realidade de recursos e materiais é a que é, así que o tempo xa porá cada língua no seu sitio...

O ensino e a mocidade son sen dúbida o fulcro da normalización. Que para que funcione nestes eidos ten que ter reflexo no resto da sociedade e das súas actividades. Pero poden ser sen dúbida estes os primeiros lugares nos que é urxente actuar, pedíndolle ao Partido Popular, en coherencia coa Declaración que acaban de asinar, que derrogue o mal chamado Decreto do Plurilingüismo de 2010.

Todos podemos entender que unha Declaración pode ficar só niso. Pode que o PP fixera a foto e xa está. Mais paga a pena deixar aberta a porta á ilusión. Cando menos unha firgoa, para que se dan portazo non nos pillen moi forte os dedos.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.