Vixencia do pensamento lingüístico de Carvalho Calero aos vinte anos do seu pasamento

Vixencia do pensamento lingüístico de Carvalho Calero aos vinte anos do seu pasamento

Van aló xa máis de dúas décadas desde a morte de Ricardo Carvalho Calero e aínda non houbo un oco para lle dedicar o Día das Letras Galegas a quen as simbolizou durante case medio século. Nin tampouco o Goberno galego achou tempo e vagar suficientes para honrar no ano 2010 -centenario do seu nacemento e vixésimo aniversario do pasamento- unha das figuras máis relevantes da Galiza contemporánea.

Carvalho asumiu desde o inicio o compromiso persoal de traballar en prol da lingua galega, con plena consciencia do esforzo que iso supuña. Así como durante a guerra civil loitou disciplinadamente a favor da causa da liberdade e da democracia, pagando a súa entrega e coherencia coa privación da liberdade, unha vez conseguida esta e incorporado á vida civil na súa propia terra, traballou co mesmo esforzo e sacrificio ao servizo da causa galeguista, simbolizada no seu caso na defensa, estudo e dignificación do idioma propio e da literatura por el vehiculizada. De certo que non foi o único da súa xeración en dedicar a súa vida a tan nobre causa, mais ninguén o puido facer con máis responsabilidade e disciplina, como demostra o epistolario con Fernández del Riego publicado en 2006 pola editora Galaxia. Por iso ocupa un lugar indiscutíbel na estirpe dos bos e xenerosos; e por iso é merecente dun mellor trato institucional e do recoñecemento de todos os galegos e galegas.

Desde o momento presente, a personalidade de Carvalho emerxe con forza como un dos pensadores galegos máis importantes do século XX e talvez o primeiro no relativo ao desenvolvemento dun pensamento lingüístico profundo e intenso durante a segunda metade desa centuria. Brillante universitario con inquietudes culturais e políticas na Compostela de preguerra, comprometido coa República e coa liberdade durante o período bélico, pagou co cárcere na inmediata posguerra a súa coherencia na defensa da legalidade democrática e o seu galeguismo consciente e militante. Escritor multifacetado -poesía, ensaio, narrativa, teatro-, profesor de maxisterio dilatado, estudoso da nosa literatura e da nosa lingua, conferencista de variada temática e maxistral oratoria, o seu percurso intelectual, docente e investigador, ben como o seu alento ético, impregnou toda a segunda metade do século XX dunha Galiza á procura da súa propia identidade política, cultural e lingüística. Carvalho é a memoria dun século, mais tamén a memoria dunha nación, pois ninguén mellor do que el soubo perscrutar "nas linhas mestras da Galiza do pasado e do presente, com vista a construir a Galiza magna, a grande Galiza do futuro", como dixera o profesor José Luís Rodríguez na conferencia inaugural do simposio que a Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña organizara no ano 2000 precisamente so o rótulo de "Ricardo Carvalho Calero, memoria do século".

Son moitos os contributos de Carvalho como creador e como ensaísta. No traballo de investigación legounos dúas obras básicas, a monumental e imprescindíbel Historia da literatura galega contemporánea e a Gramática elemental del gallego común -coas súas sete edicións que marcan tamén o percurso da súa propia evolución lingüística-, sen as cales non sería posíbel explicármonos o avanzo dos estudos filolóxicos galegos. Porén, non podemos tampouco esquecer obras como Problemas da língua galega, Da fala e da escrita, Letras Galegas, Do Galego e da Galiza ou Umha voz na Galiza, que colixen artigos de ensaio e divulgación publicados maioritariamente na última década da súa vida e que demostran a grande lucidez intelectual do autor, a se converteren ao mesmo tempo en ensaios xa clásicos de lingüística e sociolingüística galega, embora tamén inclúan temas literarios. Neles fica patente a fidelidade de Carvalho ao compromiso galeguista de defensa e dignificación do galego como o noso principal sinal de identidade e asemade como lingua extensa e útil proxectada polo mundo a través do portugués.

É certo que a estratexia reintegracionista por el deseñada para a lingua galega non só non avanzou como mesmo recuou nalgúns aspectos. Mais non por iso podemos dar por fracasados os seus obxectivos nin a doutrina en que sustentan. Déronse algúns pasos atrás motivados por razóns conxunturais e estratéxicas, mais posibelmente servisen para tomar o impulso que permitiu comezarmos o século XXI cun acordo normativo que, sen cumprir as metas propostas por Carvalho, supón un avanzo importante na dirección por el tracexada. Digamos que aínda non chegaron os tempos de maduración das ideas de Carvalho na sociedade, mais a semente está botada e paseniñamente ha de ir agromando até dar os froitos por el soñados. Porque esas ideas nacen dun profundo coñecemento da historia, da caracterización interna da nosa lingua e dun intenso amor e compromiso con ela e coa nación que a creou. E porque o propio evoluír da sociedade galega nun novo contexto peninsular, europeo e mundial vén cada vez máis a reforzar o seu proxecto lingüístico de futuro para o noso idioma, pondo en relevo unha das súas afirmacións máis reiteradas, que no actual percurso de globalización -ou mellor, glocalización- cobran especial transparencia: o galego ou é galego-castelán ou é galego-portugués; non caben outras posibilidades intermedias.

Neste sentido, o pensamento lingüístico reintegracionista de Carvalho está aínda vigorante, como o está en tantos outros aspectos, de que é unha mostra ben actual o relativo á falsa doutrina do pretenso equilibrio entre as dúas linguas que o actual Goberno galego inventou para substituír aqueloutra do bilingüismo harmónico. O que Carvalho escribiu hai unhas tres décadas continúa a ter total validez: "Porque agora sabemos que umha equiparaçom legal de ambas línguas pode conduzir ao encurralamento do galego se nom vai acompanhada da oportuna prática política de promoçom social, que corrija o desequilíbrio histórico que o galego padece". Plena actualidade teñen tamén estoutras palabras, nomeadamente após algúns debates nos medios de comunicación a respecto do bilingüismo: "Do que se trata é da restauraçom da língua do país. Esta seria a língua normal. Nom haveria umha língua alta e umha língua baixa. O galego seria língua alta e baixa, e ademais todos os galegos possuiriam o castelhano como meio de comunicaçom dentro do mundo dos castelhano-falantes, mundo no qual por tantas razons históricas e sociais estám fortemente implicados. Assi os galegos dominariam os dous romanços mais estendidos pola terra, e poderiam comunicar-se sem esforço com quase quinhentos milhons de indivíduos".

E aínda podemos continuar a falar de cooficialidade subalterna -para cando unha reforma estatutaria que estabeleza o deber de coñecermos o galego?-, de Aquiles e a tartaruga -pode existir un real equilibrio entre a lingua A e B sen medidas protectoras desta?-, do país "qui n'ose pas dire son nom" -por que eses reparos ao recoñecemento de 'Galiza' como denominación tradicional e lexítima do país?- e de tantos outros temas pendentes dunha resolución favorábel para o noso idioma. Entre eles, a ligazón do futuro da lingua coa presenza do portugués na Galiza. É esta unha cuestión que, trinta anos após a enunciar Carvalho, comeza a ter agora eco social, tanto desde o propio movemento reintegracionista, que orienta o seu discurso cara á potenciación do ensino do portugués na Galiza, como desde esferas oficiais: o Consello da Cultura Galega solicitou a entrada como entidade observadora na comunidade de países que teñen o portugués como lingua oficial e algúns lingüistas do Instituto da Lingua Galega xa formulan abertamente a necesidade de dar pasos -devagariño- nese mesmo sentido.

En conclusión, hai dous aspectos do pensamento lingüístico de Carvalho Calero que hoxe se mostran especialmente vigorantes: por unha parte, a necesidade da protección do galego como lingua do país, tanto no que afecta a súa autenticidade e calidade -a descastelanización das estruturas internas- como no relativo ás medidas legais que garantan a súa condición de lingua propia e oficial; e por outra parte, a súa inserción clara no dominio lingüístico galego-portugués estendido polo mundo, que a faga aparecer perante a sociedade galega menos comprometida como unha lingua extensa e útil, capaz de abrir novas portas nun mundo cada vez máis interdependente. Así pois, o pensamento lingüístico de Carvalho Calero aínda ten plena vixencia porque, infelizmente, os males do galego persisten e as propostas de curación do ilustre profesor fican pendentes de aplicación. Se o ano 2010 foi unha ocasión perdida para pormos en valor todo o seu legado de pensamento sobre o futuro da nosa lingua, o 2011 non é un mal momento para o revitalizarmos.