Vilamor


Nunca ponderaremos, como se merece, o inxente esforzo de Ignacio Vilar para Galiza contar cun cinema de seu, nos tempos que corren. Só unha vontade de ferro pode arreporse ás circunstancias adversas que dificultan a realización de filmes que merezan o adxectivo de galegos. O máis que estamos habituados a contemplar, de forma residual, son filmes españois na súa versión orixinal que, recorrendo á nosa paisaxe, a algúns actores e técnicos de aquí, e contando con financiamento de institucións públicas galegas, son exhibidos en versión dobrada ao noso idioma, de forma marxinal, nalgúns cinemas da Galiza. Estaremos de acordo en que a denominación de cinema galego, nestes casos, é un abuso, unha impostura.

O empeño e os resultados conseguidos por Ignacio Vilar pertencen a outra categoría: o desenvolvemento dun cinema nacional galego por lingua de rodaxe, equipa técnica e artística, financiamento, ambientación, historia e perspectiva da mesma, e exhibición exclusiva da versión orixinal na Galiza, co recurso á lendaxe para exhibición no exterior. Resulta, pois, a recuperación do empeño que, nos anos oitenta do século XX, representou o cinema de Chano Piñeiro, infelizmente desaparecido nun momento de madurez. Agora, a comezos do século XXI, nunhas circunstancias políticas, económicas e culturais máis complexas o empeño esixe aínda maior esforzo, convicción e perseveranza, se cabe. Neste esforzo, alén da capacidade artística e o acerto na procura de temas, non é menor a predisposición a procurar espectadores para o produto, logrando unha exhibición adecuada, que recolla os efectos dunha campaña de propaganda incisiva baseada na promoción social do filme. Ignacio Vilar consegue, contra vento e marea, que a estrea dos seus filmes se converta nun fenómeno de interacción e axitación social, comprometendo tamén aos actores no esforzo de procurar o achegamento aos potenciais espectadores. Logra así que sexan un acontecemento, un fito, na batalla por cimentar a existencia do nosos cinema, impactando na conciencia social dentro de forma práctica, apurando tamén as posibilidades do seu espallamento fóra. Se todos os anos houbese a estrea dun filme galego, a conciencia da nosa sociedade sobre a súa capacidade, a súa aspiración á normalidade, incluída a lingüística, sería maior, alén de contribuír á consolidación dunha industria audiovisual propia.

Cómpre facermos este prolegómenos antes de entrarmos a valorar Vilamor. Lembremos que de Pradolongo admirounos a perfecta harmonía entre intención social, ideolóxica, e resultado artístico. O éxito da fita deveu da naturalidade con que se contaba unha historia que, na súa sinxeleza, sintetizaba algúns dos problemas esenciais da sociedade galega actual, con especial coidado por prender, por enganchar coa mocidade. O recurso a actores noveles, e a perfecta simbiose dun espazo xeográfico e económico-social, o mundo das louseiras de Valdeorras, coa esencia da narración, dáballe un ar de autenticidade. Non había discordancia entre o psicoloxicamente específico e o social e típico nas personaxes. Xustamente o cinema que necesitamos.
,Vilamor, o segundo produto relevante do director, produtor e guionista, pretende ser máis complexo en todos os sensos. Os recursos técnicos e artísticos, polo tanto tamén económicos, empregados son de maior envergadura. Non falta a intención social nin ideolóxica, plenamente consciente. Empata con Pradolongo na presenza e defensa da dignidade do mundo rural, a súa cultura e a súa tradición, incidindo na necesidade de non deixalo morrer por causa dunha modernización destrutiva e empobrecedora, alienante, que padeceu e padece Galiza. A este punto de partida superponse outra problemática dominante, sen que acaben de formar un todo coherente, significativo e auténtico. Non é a impericia técnica nin a falta de sensibilidade artística as que impiden que Vilamor sexa un produto redondo. É un filme interesante, digno de ser contemplado, que padece dunha limitación previa: a dificultade, xa evidente no guión, para plasmar como un retrato social sentido, vivido como experiencia colectiva galega, contrastábel, que é sintomática do que somos e como somos, a dunha comuna hippy nas montañas dos Ancares no momento da transición (1976). Dotar personaxes e situacións de atractivo e veracidade necesita de compromisos emocionais máis fortes. A visión da comuna non acaba de superar o nivel do ideolóxico ou o discursivo, do moral; as personaxes non acaban de vivir situacións que comuniquen o dramatismo e a tensión suficiente. A correcta forma cinematográfica adecúase a este ton discursivo, con algún excurso costumista, de marcada idealización. A factura xeral de dignidade técnica e artística supérase, curiosamente, en momentos nos que se contempla a natureza, con presenza simbólica do home. Lembra, entón, Ignacio Vilar os grandes clásicos do cinema, especialmente os que foron quen de aliar o intimismo e o espectáculo, como David Lean. Os montes con gran nevada e a aparición da figura animal, o cabalo, e a humana, unha rapaza, para abrir e cerra a secuencia; a cámara á procura, a través dun esplendoroso campo de centeo, da parella, ou mesmo o intento de vincular a realización do acto sexual con amor á contemplación dunha paisaxe fermosa ou á auga derretida da xeada... A forma benévola, contemplativa, coa que se enfronta a historia, pode testemuñarse en dúas secuencias. Unha delas, a dos corpos nus, amoreados no dormitorio colectivo, coa parella que fode á vista de todos: parece un cadro cunha iluminación case relixiosa, dunha impasibilidade, que só rompe discursivamente o protagonista. Por certo, Rubén Riós, outórgalle unha intensidade moi relevante á súa personaxe, demostrando que é un moi bo actor; como Sabela Arán préstalle matices psicolóxicos ao seu con acenos, xestos e rexistros de voz que o enriquecen máis aló da súa fundamentación ideolóxica e moral en contra do matrimonio, como filla de pais separados. Diríamos que a perspectiva para contar a historia debeu situarse nun ton máis duro, menos edulcorado. A este respecto, o final paréceme especialmente excesivo por ampuloso e retórico, artificioso. Cal sería o efecto do filme de rematar cando a protagonista intenta ler a carta que lle deixa Breixo e non pode ao ser a letra esborranchada pola chuvia? Como cambiaría o sentido da historia se o regreso á aldea do protagonista, convertido en escritor, se centrase na observación dun medio totalmente abandonado e desolado, sen rastro tampouco da experiencia hippy, coas casas novamente cubertas polo mato? O modelo de vida hippy, e a experiencia dos Ancares en 1976, non foi unha alternativa nin social nin galega. Intentar subliñar o seu carácter de anticipo a modos de vida e alternativas actuais, unha pretendida procura dun mundo diferente, é lexítimo. Mais alén do inxenuo que resulte darlle a experiencias deste tipo unha significación especial desde a perspectiva da sociedade galega, o conflito dramático non podemos centralo nunha dialéctica ideolóxica sobre o aborto, o amor libre ou a negación da propiedade privada ou a alternativa entre ocupar as casas deshabitadas ou alugalas... Sen discursos ideolóxicos, de forma implícita, Ignacio Vilar, evidencia que, na nosa tradición, estaban xa moitos coñecementos para solucionar problemas da xente, á marxe da moral e da ideoloxía dominante... A personaxe de Mela Casal, sen apenas falar, cumpre o seu cometido de forma tan insinuante como efectiva..

Após o dito, espero que o lector teña claro que Vilamor é un moi estimábel produto, mesmo polas súas deficiencias. Elas evidencian a magnitude do empeño. É a obra dun director ambicioso, dotado de capacidade, obsesionado con impactar a conciencia colectiva dos galegos e galegas con historias de nós que, precisamente por tratarnos como un pobo normal, con dereito á existencia, resultan universais. Unha forma de facer cinema que reivindica que é posíbel e necesaria unha modernidade que non negue ou prescinda da nosa tradición, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua. Esta vez, unha versión dialectal da mesma que terá a súa maior efectividade social no caso de proxectarse Vilamor na franxa administrativamente asturiana de fala galega. Axudaría a convencer a esta poboación da súa pertenza prístina á nosa comunidade lingüística e cultural, fronte á impostura forzada oficialmente de que falan non sei que asturiano...

Colaboremos coa nosa contribución entusiasta como espectadores a que Vilamor teña unha ampla difusión. Comentémola socialmente e criticamente. Ten interese e calidade para merecelo. Debemos sentirnos comprometidos coa perspectiva de ir construíndo un cinema galego, tarefa na que Ignacio Vilar desempeña unha función tan relevante como única.