VEIGA : Unha manchea de topónimos con ese nome

VEIGA : Unha manchea de topónimos con ese nome
O diccionario de Estraviz, recolle os seguintes significados para VEIGA:

(1) Planície ou vale suave e fértil.
(2) Terreno plano, bom, de lavradio.
(3) Grande chaira de terreno comunal.
(4) Leira destinada à sementeira de milho, batatas, etc.
(5) Lavradio onde vários vizinhos têm uma parcela.
(6) Terreno sempre húmido, normalmente com outono.

estar na veiga
: o mesmo que estar na horta, não tomar consciência ou perceber o que sucede.

veiga com fame: veiga ou terreno pouco estercada.

veiga da porta
: veiga que está junto à casa. Eixido.

[pré-romana, baika]

Estraviz recolle a etimoloxia de BAIKA que recoñece como pré-romana, se cadra, ibérica, ou do vasco IBAI ( o rio ); ainda que outros etimoloxistas deriban do latino VADICA ( terra de paso transitábel), de VADERE e VADUM. Non obstante non hai consenso para certificar unha orixe certa da nosa extendidísima VEIGA.

O lugar chamado de VEIGA que millor coñezo é unha parroquia veciña do Carballiño, na que meu pai foi mestre por moitos anos.

Na procura das orixens deste poboamento, atopamos o seguinte documento do ano 1445 asinado polo abade do poderoso mosteiro de Oseira:

“Anno do nasçemento do noso Sennor Jhesu Christo de mil e quatroçentos et quoreenta et çinco annos, o postromeyro dia do mes de dezenbro.

Sabeam quantos esta carta viren como eu, Alvaro de Senorin, morador en a fregesya de San Ioanne d’Arcos, que presente soon, por min e por minnas vozes et segundo que o eu tenno aforado de Gonçalo Sanches, o lugar de Paaço et do Canpo, que estan e andan de pan, que estan na dita fregesya,……………………

…….Nos, dom frey Ares, abbade d’Oseyra”

É ben curioso que nesas datas non aparece o nome da que hoxe é a parroquia de VEIGA, ainda que sí se nomean os actuáis lugares de, O PAAZO, e, O CAMPO, dos que se detalla que están a pan, ou sexa os seus cultivos son de centeo e trigo, ambos de secano.

Nós, sustemos a idea de que o significado orixinal da palabra VEIGA está unido á presenza de agua no lugar.

O sentido de “chaira”, “ terreno plano”, “lavradio compartido” ou “ leira de millo e patacas ” que se apontan no diccionario deberon ser posteriores ao sentido determinante que é, ser terra de regas, húmeda e abondosa en aguas.

En Castela temos moitas terras chairas, pero só merecen o nome de VEGAS aquelas que están á beira dos ríos e por tanto poden ser regadas.

Volvendo á VEIGA da miña infancia, observamos que no documento do ano 1445 non aparece chamada por tal nome polo abade de Oseira, e especifica que son terras de “pan ” e polo tanto non precisaba de ser regadas.

Sempre está na miña lembranza cando chegaba o mes de xuño os camiños da aldea ficaban transformados nuns provisorios ríos ao abrirlle as comportas a uns reservoiros de agua que, na parte alta da aldea se xuntaban ; era o rudimentario sistema de rega daqueles tempos !

O caso era que a agua chegaba para fecundar os lavradios , cuase todos de millo.

Aí, era onde a aldea mereceria o seu nome actual, ou sexa, A VEIGA.

Imaxinamos pois, que no ano do documento, 1445, eran terras de séca, pero depois da descuberta de América, ao chegar o novo cereal, o “maíz”, que loguiño desplazou ao antigo “painzo” que ficou co nome de “millo miúdo ”, para distinguilo do recén chegado, millo americano, ou “ millo graúdo”.

Imaxinamos que coa chegada do cereal americano deberon inzar polo País unha chea de topónimos VEIGA, para atender os novos cultivos de alén do mar.

Chegados aquí, e dado que os académicos non atinan coa orixe certa da verba, é onde imos ser tan ousados de propor a orixe etimolóxica das nosas VEIGAS, no verbo latino BIBO, BIBERE no sentido de terras suceptíveis de seren EMBEBIDAS ou humedecidas.

TERRA BÍBICA > BÉBIGA > BÉUIGA > BEIGA

A vocalización do segundo -B- foi históricamente posíbel se pensamos en BÉBEDO > BEUDO > BEODO.

Hai uns días, no parlamento asturián , un diputado, nativo do concello da VEIGA do Eo, hoxe chamado de VEGADEO, foi quen de expresarse no seu galego natal diante da incomprensión xeral para aceitar as falas naturais das xentes.

Asimesmo ao pé, está o lugar de, AS FIGUEIRAS , hoxe castrapeado en FIGUERAS; porque non completar a deturpación a LAS HIGUERAS ?

Qué forte é a ánsia de laminar todo o que poida soar a galego !

Qué haberá de desacougante en recoñecer a galaica orixe ? Non será que se cadra faise evidente algunha falsedade histórica?

Na mesma liña de pensamento, o VIVIGO de Cudillero, ou o VIVIÑO de Cedeira, il non procederán de un terreno BIBICO ou BIBINIO ?, mallando na mesma idea de terras “embebidas ”, ou cheas de “lentura”.

Se tivermos atinado nesta orixe, a cousa non fica por aquí, pois daría a explicación de outros topónimos controvertidos como VIVEIRO ou VIVEIRÓ;

Mas, deixemos o conto para o próximo mes….!