Uxía, Ugia Pedreira, Sés..., aínda seguimos aquí
Sen sermos especialistas na materia, todo o máis afeccionados, seguramente coincidiremos á hora de apreciar as dificultades polas que atravesa a música galega. Falta de apoio de todo tipo, cun público e mercado tan limitados como para calquera outra manifestación da cultura galega, sobrevive de puro milagre ou grazas a vontade e o esforzo duns poucos. Por parte dos chamados medios de comunicación de masas, nomeadamente os de titularidade pública galega, non existe espazo para a visibilidade ou audibilidade do que neste eido se produce desde Galiza. Porén infórmase puntual e profusamente das novidades e actuacións dos grupos musicais estranxeiros que recalan por aquí.
Chama a atención que, malia todas estas dificultades, exista potencialidade e exista xenio por parte dos e das artistas do ramo para intentar saír adiante e lograr un futuro mellor. Queremos invitar a comprobalo aos lectores a través de tres voces femininas, que hoxe eliximos, dun xeito un tanto caprichoso quizais, que editaron discos recentemente e que aquí comentaremos cunhas breves e dispersas notas. Coinciden as tres, dentro da singularidade de cada unha, na alma galega que as inspira, nesa confianza nun proxecto cultural propio que teña a lingua galega como eixo aglutinador.
Seguramente haberá moita xente que ignore olimpicamente a existencia dunha música galega, que mesmo cuestione a necesidade dela e que non se preocupe pola súa sorte no futuro. Mais tamén haberá moito pobo que se recoñeza abertamente nela e que precise das emocións e sentimentos que transmite desde a súa especificidade. Non podemos deixar lugar ao desánimo. Existen camiños abertos na área afrolusobrasileira que deben seguir explorándose. Chama a atención particularmente o potencial demográfico e musical de Brasil, non á hora de imitar a grandes mestres daquel país, senón á hora de colaborarmos e establecermos pontes de unión. O colectivo musical brasilego inspírase nesta filosofía e demostra que, malia sermos unha pequena nación, sabemos ter o don de converter brasileiros en galegos ou polo menos en brasilegos.
Uxía, Andando a terra
Neste disco, feito público a fins deste verán, Uxía canta poemas de Manuel María. Nunha coidada iniciativa da Fundación Manuel María, realizouse a edición conxunta do poemario inédito de Manuel María Os lonxes do solpor, o CD de Uxía Andando a terra e o DVD De amor e cantería. O pasado 13 de setembro tivemos a oportunidade de asistir no teatro Colón da Coruña á estrea do espectáculo Lúas de outono. Cun aforo ateigado de público, a voz dunha Uxía entregada ao público, foi a protagonista verdadeira, para regalía de todos os presentes, interpretando todo o repertorio de temas incluído no CD e mais algún outro como agasallo ao remate da actuación. A alianza entre música e poesía volveu a funcionar con excelentes resultados. Sempre fica a mágoa de que non se explore máis esta posibilidade con moitos máis textos da literatura galega, tamén como unha forma de dála a coñecer entre a xente.
No CD recóllense versións moi popularizadas como “O carro” de Fuxan os Ventos, do libro Terrachá ou o “Manual do señorito” de María Manuela, de carácter moi irónico. Outros, como o “Señor Gato”, temos que consideralos dos máis lúdicos.
É de xustiza recoñecermos o labor tan profesional e compenetrado dos músicos brasileiros ou “brasilegos” que acompañan a cantante: o multiinstrumentista Sérgio Tannus, o Serginho Sales (acordeón, caipira…), o violín de Quim Farinha, etc.
É de agardar que o espectáculo, neste mesmo ou nun formato similar, se leve a todas as cidades galegas.
Ugia Pedreira, Manual de sedución
A grande protagonista deste disco de Marful, editado na primavera de 2010, é a voz de Ugia Pedreira. Ten todos os ingredientes dunha proposta musical moi lúdica e variada, onde se fusionan ritmos diferentes (populares galegos, afrocubanos, flamenco…), onde se xoga a mesturar linguas (galego, portugués, español, italiano, francés…), e onde se procuran sensacións psicodélicas e mesmo algo surrealistas. As letras da propia Ugia teñen acenos máxicos cando invocan, de xeito iconoclasta e ao modo rosaliano, as figuras do noso santoral, en clave moderna e para intereses materiais: “Santa Águeda para os peitos caídos e cirurgia plástica”. Os santos acaban convertidos en trasgos que se meten por debaixo das saias das mulleres. Pídeselles poderes máxicos como os que circulan nas crenzas populares: “Salustianinha me faça meiga”. A carón deles mesmo chega a aparecer o Zeca Afonso. Apélase a Santiago para que pida perdón aos mouros. A psicodelia acada o seu máis alto nivel na segunda composición, “De Vigo vuelvo” e na versión da popular “Yo te daré”.
Parécennos especialmente logradas e representativas “Maria Ninguén”, “Airiños Mambo” e “Pasodoble Universal”, ademais das mencionadas arriba.
Habendo lugar para percorridos aparentemente cosmopolitas nas suxestións rítmicas (Madrid, Lisboa; Granada, Canarias, Francia, Brasil…), existe tamén a vontade de recoñecemento do propio, do punto de partida ao que hai que volver sempre. Como mostra máis senlleira este variopinto “Pasodoble Universal”, o último do repertorio, que remata cun “Galiza eu volto a ti”, ao son da Alborada de Veiga.
Sés, Admirando a condición
Sés é o nome artístico de María Xosé Silvar. O seu disco Admirando a condición conta xa, en moi pouco tempo, con dúas edicións (1ª de xuño de 2011 e 2ª de marzo de 2012). Esta moza ten unha voz chea de xenio e carraxe e ademais ten o non pequeno mérito artístico de compoñer todos os seus temas poéticos. A súa é unha ollada irónica, na que se mesturan as inquedanzas íntimas e as rebeldías. Non se considera nin fada nin princesa e non ten reparos en desexarlle “a morte aos reis”. Curiosamente, son minoría as composicións que podemos considerar de carácter combativo en todo o repertorio. Porén, algunha delas como “Tempestades de sal”, cantada ante grandes auditorios, acadou grande proxección e tivo a virtualidade de permitir combinar a lectura feminista, predominante no disco, con outra patriótica. Resultan ambiguas ou mesmo contraditorias referencias tan contundentes como: “só forxa patrias a historia/ fabríqueas quen quixer”.
A grande devoción pola música de Sés, fica patente nunha proclama súa que acompaña o CD:
“A música é o que a min máis me gusta nesta vida desde que nacín. Os meus discos son os meus tesouros, as miñas pílulas e as miñas drogas. Grazas a eles bailei, durmín, erguinme, renacín…”
En fin, agardamos que estas notas sirvan de recoñecemento dun traballo que interesa á nosa cultura. E sobre todo, que sirvan de invitación a escoitar estas tres voces, a mellor maneira de xulgalas.