Unha reflexión no tempo encol da galeguidade

Unha reflexión no tempo encol da galeguidade

Na miña nenez, alá pola década dos sesenta, cando toda unha xeración aldeá aínda axudabamos nas tarefas máis sinxelas da casa, ao tempo que construíamos barquiñas de xunco a carón daqueles regatos cheos de vida que facían verdegar os eidos, ou artellabamos ducias de trebellos a partires dos recursos naturais da contorna, a cultura popular, transmitida desde a fonda humanidade dos nosos devanceiros, era a principal fonte da que bebía o noso espírito. Aquela xeración, a pesares da feroz opresión da ditadura franquista ao traveso da escola e da actitude cómplice da igrexa, vivía a nenez nun medio ateigado dunha vasta cultura de seu que paseniñamente ía asolagando os nosos espíritus dunha sólida identidade, ao tempo que tamén, o ía facendo medrar en humanidade. Sería desde todo un abano de aconteceres populares que acotío enchía de vida as nosas aldeas, onde os antergos nos anegaron do máis esencial do noso patrimonio inmaterial. Transfundíronos nas nosas almas de rapaces todo o que tiñan de seu: a súa galeguidade, expresada ao traveso dunha cultura secular.

Aquilo que era moito, pois embebera as nosas almas dunha fonda e singular humanidade, resultaba insuficiente. Eramos tamén fillos dunha sociedade sen liderato, frustrada no seu desenvolvemento endóxeno, acomplexada da súa idiosincrasia e sen conciencia de seu como pobo diferenciado. Unha sociedade que seguía a vivir de costas ao futuro e demasiado preocupada de non perder o pasado, única realidade na que confiaba a nosa xente. Todo isto reflectía, sen dúbida, a inseguridade que aniñaba na alma daquel pobo, a falta de confianza en si mesmo para afrontar con resolución a realidade de opresión e dependencia que tanto estragou a nosa identidade e estancou o noso desenvolvemento. Perante esta situación, cumpría construír, alén dos nosos lares, un proxecto persoal que ateigara de esperanza a nosa vida de rapaces.

Empurrados, pois, por unha realidade oprimida e marxinada por poderes alleos aos intereses do país, pero poseedora dunha vasta cultura aínda non presionada pola forza do aparello posmoderno, un tras doutro, asolagados pola tristura e a incertidume, fomos deixando os nosos eidos co único fin de abrirmos camiño deica novas realidades.

Paseniñamente, xa lonxe dos nosos lares, principiabamos asistir abraiados á constante deturpación da nosa galeguidade, mentras outra cultura, a cultura do poder establecido imposta desde a escola, ía colonizando as nosa almas de rapaces. Ao tempo, unha morea de contradiccións xermolaban no noso cerne. Era o inicio dunha longa etapa de desacougo que agromaba dunha nova realidade ferreamente imposta, na que semellaba como que nada do que eramos encaixara nese novo mundo que estabamos a descubrir. Unha constante sensación de extrañamento enchíanos de anguria e dunha fonda tristura e sensación de soedade que mancaba con forza o noso ser. Pero cando figuraba que un se escorregaba naquel novo chan tan montesío, de súpeto, medrarían con forza, desde o fondal da nosa alma, as raigames prendidas nos eidos da nenez, que, como dornas en mar aberto, acubillaban aqueles desacougados espíritus.

Aquela galeguidade expresada polas nosas xentes ao traveso da cultura popular, historicamente tan marxinada polo poder e rexeitada desde os prexuízos que aniñaban en moitos dos seus fillos, deunos a moitos de nós os azos necesarios para facer a travesía da nosa mocidade e chegar a terra firme coa conciencia clara da nosa identidade de galegos; pero tamén, as arelas para converter o sentimento de galeguidade que enchoupaba o noso espíritu no cerne do noso cobizado proxecto de futuro.

Sen embargo, a situación de hoxe trocou sustancialmente a realidade na que vive a nosa mocidade. Ás propias eivas, case que seculares, das que xa falamos por enriba e que seguen a condicionar o desenvolvemento da nosa galeguidade; cómpre engadir a fonda crise na que viven todas as grandes significacións sociais que deron sentido á historia moderna e moitas delas, eu diría, á propia humanidade. Este feito vén condicionado polo tremendo efecto deshumanizador e anestésico que está a producir o actual sistema capitalista sobre as sociedades occidentais, ao abandonar as limitacións das forzas productivas e económicas para invadir todo o espazo intersubxetivo, onde realmente se constrúen os valores e se humanizan as persoas, converténdose, xa que logo, nun proxecto global que todo o degrada e o deshumaniza. Hoxe xa se fai moi difícil delimitar o seu poder á esfera estrictamente económica e abrir outros espazos alternativos onde o ser humano poida enxergar maiores posibilidades para o seu desenvolvemento como persoa. A vida foi vaciándose de tantas significacións humanas, que moitas das lexítimas arelas das persoas e dos pobos están a quedar absolutamente frustradas, afogadas pola materialización de todos os campos da vida e tamén, polo esmorecemento progresivo da soberanía popular que está a producir este capitalismo salvaxe, degradante e ilimitado no seu poder. Esta situación tan alienante, afecta así mesmo e dunha maneira salientable ao desenvolvemento social do noso espírito galego, que se encontra ademais, indefenso, xa que non estamos a ser capaces de construírmos un país cos recursos axeitados para defender e promover os valores culturais que nos singularizan, nos enriquecen e, á súa vez, nos humanizan. Este feito desgaleguizador está a afondar aínda máis na desustancialización cultural de moitos dos nosos mozos e mozas, ademáis de seguir debilitando o propio ser de Galicia. Polo que, a nosa singular realidade non pode seguir estando constrinxida pola irresponsabilidade dunha parte dos nosos dirixentes, senón que tería que ser dignificada e potenciada para poder afortalar a espiritualidade dos máis novos e en definitiva, o futuro dunha galeguidade que segue a encarnar todos os latexos espirituais dos nosos devanceiros ao traveso dunha cultura única e extraordinaria, capaz de dar sentido colectivo a todo un pobo. Do contrario, a superficialidade, o consumismo e a barbarie seguirán degradando a vida dun segmento importante da nosa mocidade e, xa que logo, a identidade cultural da nosa Terra.