Unha mostra pra ver na Coruña: PICASSO GALEGO

Unha mostra pra ver na Coruña: PICASSO GALEGO

Por canto diremos abaixo mellor sería falar do Picasso coruñés que galego. O caso é que na cidade -que noutrora foi máis capital e sucursal- vaise facendo o que xa se debera ter feito, cumprindo unha débeda que a Coruña tiña co nome universal de Picasso (Málaga 1881- Mougins 1973). A partir de agora as biografías do xenio non saltarán de Málaga a Barcelona. Por fin asúmense prioridades, realidades en relación coa Historia da cidade, máis alá das virtualidades encargadas por catálogo. Un dos asuntos pendentes é asociar a cidade herculina e polo tanto Galiza á vida e obra do xenio Pablo Diego José Francisco de Paula Juan Nepomuceno María de los Remedios Crispiano de la Santísima Trinidad Ruiz Picasso, período que vai de outubro de 1886 a abril de 1890, dos dez ós quince anos, cando tantas cousas se gravan no disco duro da cahola: a odisea do rapaz xunto coas súas dúas irmáns e a nai, seguindo ó pai dende Málaga á Coruña, periplo en barco nuns aventados días do mes de outubro. Non aturan máis e baixan no porto de Vigo, parada e fonda, collen a carrilana de cabalos, deixan na banda esquerda o mar de San Simón, pra quizais subir no novo tren na estación de Redondela, deixar Pontevedra, seguir pola beiramar de Vilagarcía, Catoira, Padrón, Compostela, parada e transbordo no Obradoiro pra subir nunha nova carrilana... parada en Ordes, as curvas de Herves... e no serán, ó lonxe, sobre antigo altares o muiñar da luz do Faro, a rebozar a cidade que, na noite, compite co Ceo. Quizais os primeiros días de pensión, denantes de acomodarse no segundo piso dun edificio novo da autoría do gran arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gay, no número 14 da rúa de Paio Gómez no flamante Ensanche de Marineda. O chuviñar e o vento, os paraugas, a enfermidade e a morte da irmá, Conchita, con sete aniños; a novísima escola, feita por obra e graza dos filántropos da Guarda.

Todo era novo ante os ollos espreitantes do neno. Os selectos profesores, os compañeiros... as merendiñas, café ou té, as prácticas de pintura de cabalete baixo o pirulí desa milenaria Torre “de caramelo”, arrodeada de lendas de xigantes e heroes. Os mediodías de sesión vermú con sifón e “pajilla” nas terrazas dos Cantóns... a chegada dos grandes veleiros das Américas, co ir e vir de carretillas a carrexar fardos, tíos raros doutros mundos, os pescadores e as pescantinas descalzas coas patelas ou as sellas á cabeza, os vellos patrucios fumando pipas interminables... desfile de señoras almidonadas cubertas por sombrilla, outras de loito, mozas con pano de Cachimir, leiteiras, barbudos e bigotudos señores, uns de chaleque e leontina, cubertos cun canotier, outros de remendos, coa boina calada... un país de foros e obleas, o do “Catecimo do Labrego”, sumido en desfeita e camiño das américas.

A cidade vista a través das cuadrículas dos “quitapesares"... os muiños de vento a xirar, o rodar dos carromatos dos arrieiros e dos maragatos, os cacaharreiros de Buño, as lavandeiras do río Monelos, os pobres, os toliños e os paveros en cada recuncho... as fogueiras de San Xoán nas campas, as festas de María Pita, os titiriteiros, os desfiles militares a carón de Capitanía, a cabaleiría, os touros, as primeiras sesións de cine e teatro, o Circo de Artesáns, as estrañas máscaras do museo de curiosidades de Romero Ortiz, o taller do fotógrafo Sellier, as meigas e magos, a sorte do paxariño... o paseo dos clásicos coruñeses: a repoluda Condesa de Pardo Bazán, o frasquiño de esencia que era Murguía de ganchete de Rosalía, camiño da “Cova Céltica”... ministros, deputados e senadores, Romero Ortiz, Perez Costales, os Linares Rivas, Sanchez Bregua... As teimas dun pai afanado en pintar o voo das aves, as pombas e pombais, tentando pintar o etéreo, o espírito... Os primeiros valedores na primeira exposición do raparigo nunha paraugueiría da rúa Real. Os grandes lenzos comentados: as “Catro Estacións de Modesto Brocos”; os cabalos de Román Navarro ... os laureados novos mozos, Ovidio Murguía, pintor dos silencios dos montes, dos lugares arqueolóxicos, das tradicións, tal cal lle recomendaba con teimosía o seu pai, “pinta comomAvendaño”; os óleos de nostalxia de Parada Justel, de Genaro Carrero, Alfredo Souto, Pardo Reguera...

Era aquela unha Coruña que cheiraba máis a chicolate e a tabaco que ó incenso dos templo . Confíns do mundo envoltos nun devalar de nubes miguelanxelescas preñadas da morriña. Cousas así non pasan desapercibidas a un neno cos sentidos ben abertos, pra enxergar ó milagre de vida E a cidade que cría xenios merece contarse. Cousas que semellan arrolarse no colo e na mirada lonxana da “Nena dos pes descalzos”, unha de tantas obras dos anos coruñeses, a que Picasso levou sempre consigo. O tema da nena humilde, quizais xa traballadora, no marisqueo, nas piñas, leiteira, na fábrica de tabacos... insignia da dignidade, da morriña envolta en roxo, como túnica para un espolio... e esa postura, á que, entre arrepentimentos, sempre retorna.

Por fin semella querer levarse adiante o tema do Picasso Coruñés, comezando por ampliar o “Museo” na casa que viviu, a uns metros da praza de Pontevedra, daquela campas de xogos, presidida polas da flamantes Escolas dos da Garda. Un museo é sempre algo inacabado, que pon a proba a capacidade de contaxiar entusiasmo dos seus xestores, e que non debe cinguirse a un piso histórico. Un museo é un punto de encontro, co seu centro de visitantes no que concentrar o que lle compre ó visitante antes e despois da visita, para xerar vida arredor do recurso. E ese intocable segundo piso que sempre lembrou Picasso: a galería, o retrete, o longo corredor, os armarios empotrados, os cuartos veneciáns de braseiro e mesacamilla... E outros espazos de futuro nos que desenvolver a museoloxía: estudar, documentar, expoñer, ensinar, conservar...e o Concello de Málaga, fíxoo en moi pouco tempo, mentres por aquí estábamos noutras historietas.

Tal necesidade queda patente na exposición de “O PRIMEIRO PICASSO” no Museo de Belas Artes da Coruña, algo nacido dende o Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, comisariada por Malen Gual, conservadora do Museo Picasso de Barcelona, supoñemos que como concesión imprescindible para garantir, como fora, o resultado ansiado. A cousa ten lecturas máis fondas . Traballo perfectamente artillado a través do persoal técnico do museo coruñés, comandado pola súa directora Anxos Penas Truque. En evidencia quedan as limitacións espaciais dun centro que debe cavilar en ir formulando a súa ampliación a edificios históricos do mesmo contexto. Nun subir e baixar discorre o discurso expositivo: 1º- o contexto histórico, a familia, a cidade de 1890 a 1895/ 2º- 3 a escola e o estudante/ e 4º- a primeira madurez. Ilustrado paseo a través de pezas orixinais cedidas por coleccionistas, polos museos Picasso de París e de Barcelona, para concluír o espectador sobre a importancia dunha cidade que do historicismo romántico se abre a un Modernismo que enguedella tastos “ ismos”, sumando as teimas dun singular pai e dos mestres coruñeses, ambiente que prende no neno: a pomba da paz, as leccións sobre mitos arredor dos modelos de escaiola, o bestiario, a caricatura, o periódico, os cadernos, a esixencia do debuxo, a incidencia da luz e da sombra sobre as esculturas arqueolóxicas almacenadas nos corredores e no claustro da Escola pra servir de modelo, pintar o “natural”, os temas costumistas... e sempre o monte, cambiante segundo a luz de cada hora, estación ou perspectivas... e reaproveitar e decorar o material de desfeito, as madeiriñas das caixas de puros, os pratos, os vidros, un coio da praia... non se buscaba, xa se atopaba. E o descubrimento daquel Cezanne de Aix en Provence, veciño e íntimo de Emile Zola, introducido na península pola Pardo Bazán. Cezanne que pintou de tódolos xeitos o Monte de Santa Vitoria no corazón desa Provenza, tan común a Galiza en castros celtas, tarascas, entroidos, trobeiros, adegas de viño e mimosas... onde, como tantos outros artistas, Picasso mercará o Castelo de Vauvenargues, pra decidir que sexa seu particular cemiterio e erguer na entrada o túmulo pras súas cinzas, e sobre del a figura celtibérica, dunha Gran Dama de bronce que sobre as negras sombras ergue ó ceo un facho, como para prendelo da luz solar...

Picasso xurou non pisar a España da ditadura franquista, aínda así na Coruña dos anos sesenta houbo intelectuais que petaron na súa porta. O Instituto Cornide de Estudos Coruñeses fíxoo, non recibiu contestación, pero algún outro si recibiu un pequeno agasallo. A exiliada coruñesa María Casares compartiría lembranzas, como si o fixo Antonio D´Olano, Cela, Juan Pardo.... Asuntos retomados polo periodista Angel Padín Panizo, alma mater da Asociación Pablo Picasso para chegar até onde agora chegamos. E como resultado tamén o libro “Picasso Azul y Blanco : A Coruña (El nacimiento de un pintor)” de Rubén Ventureira e Elena Pardo. Marea Picasso que fecunda a primavera coruñesa, imprescindible de ver para enxergar e concluír sobre a forza inspiradora dun tempo e dunha terra. Polas esencias e as ausencias destra mostra o espectador intelixente saberá enxergar, que é moito máis que ver e conseguintemente concluír.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.