Unha lingua en movemento
En pouco máis dunha semana será o primeiro aniversario daquel domingo 18 de outubro de 2009, o particular Día da Dignidade da nosa lingua e da nosa cultura, cando unha inxente maré humana de moi diversas condicións, procedencias e biografías decidiu tomar as rúas da capital da Nación para berrar ben forte algo tan obvio, tan evidente, mais tan necesario nestes tempos de destrución que estamos a vivir, como que o galego é a nosa lingua propia.
Porque o di o artigo 5 do Estatuto, si, certo. Porque o di a Lei de Normalización, tamén, é verdade. Porén, é lingua propia porque o pobo galego, colectivamente, así o quixo, así o quere, así o reinvindicou no seu día e así o segue a reivindicar cando fai máis falta que nunca clamar polo obvio, por aquilo polo que había quen pensaba que xa non cumpría ou non pagaba a pena clamar.
Saímos e saímos á rúa para recordarlle á empresa de demolición que nos (mal)goberna que aquelas leis cuxo cumprimento reivindicamos e a cuxa observancia están estatutariamente obrigados non é máis que o correlato obvio dunha realidade que non crea a lei en si, como ás veces xa acaba parecendo. Reivindiquemos con orgullo as evidencias: se o galego é lingua propia, se hai Lei de Normalización, se hai galego no ensino, nos medios de comunicación públicos (mal que ben) e nas institucións (coas limitacións e eivas que ben coñecemos) é porque neste país, xa hai moitas lúas, houbo quen pelexou e quen se mobilizou, revitalizando unha historia que xa vén de moi atrás. Porque a historia contemporánea do galego non é outra que a historia do movemento social na súa defensa, a das mulleres e os homes, a dos colectivos sociais, que fixeron do seu uso, da súa práctica desacomplexada, a mellor estratexia normalizadora.
Como non podía ser doutro xeito, e porque ademais sería unha grande inxustiza non o recoñecer, a Historia pode ser anónima, mais non tanto. Nela aparecen siglas, proxectos políticos concretos, asociacións culturais nacidas en ocasións na clandestinidade ou con millenta conflitos coa "autoridade civil (in)competente", persoas con nomes e apelidos represaliadas, etc. A espectacular (re)organización do nacionalismo político e a súa decidida aposta pola lingua algo terán a ver nesta empresa.
Aquel domingo 18 de outubro de 2009 tivo lugar a primeira mobilización organizada como tal pola recén nada Plataforma Queremos Galego, que baixo o impulso e a coordinación da Mesa pola Normalización Lingüística vivira o seu acto constituínte uns poucos meses antes, concretamente un 14 de xullo, no auditorio do Museo do Pobo Galego, após algunhas outras reunións previas máis ou menos "numerosas". Na práctica, o traballo real da plataforma activárase en setembro, aproximadamente un mes antes da primeira manifestación: o tempo xusto a aproveitar para alargar a estrutura organizativa por todas as comarcas galegas, incluídos algúns puntos da emigración, e asemade dar a coñecer todo o posíbel, contrarreloxio, a convocatoria, para alén de sumar o apoio de todos os colectivos posíbeis.
Logo daquela histórica aínda haberían de vir outras: a concentración -logo manifestación -do 30 de decembro contra a aprobación do anteproxecto de decretazo contra o galego no ensino, convocada con escasas vinte e catro horas de antelación a golpe de chamada telefónica e correo electrónico. Ou a histórica xornada de folga xeral no sistema educativo do 21 de xaneiro, tamén contra o decretazo, que non só rexistrou un seguimento histórico nos centros de ensino, senón tamén a estampa dunha Praza do Obradoiro a rebentar de xente en día laborábel. Imaxe que se habería de repetir aínda o 17 de maio de novo, aquel día baixo un sol de xustiza.
A memoria visual lévanos, inevitabelmente, ao recordo e comparación co que foi esoutra maré nacional da dignidade colectiva surxida coa Plataforma Nunca Máis. Por suposto, comparación relativa, porén cun substrato común: o noso pobo erguéndose fronte á constatación dunha terríbel inxustiza, contra o desgoberno e contra os plans de liquidación con que algúns teiman sentenciarnos.
Seguimos e seguiremos. Enganados andan os que pensaren que a aprobación e vixencia do decretazo contra o galego nas aulas acabe por nos desmobilizar. Moi ao contrario, as consecuencias da súa aplicación, en toda a súa crueza, están xa a serviren de acicate para profesorado, alumnado e familias que queren galego no ensino con todas as da lei e queren seguir a empregar a súa lingua con toda a normalidade que supón ser o galego a nosa lingua. Mesmo a sectores e colectivos, por certo, que nunca sentiran o problema da desgaleguización como agora. Que llelo pregunten, se non, á altísima porcentaxe de familias en contornas castelán-falantes que desexan ensino en galego para as súas crianzas, mesmo cando no ámbito familiar non sempre o usan.
Cada docente que seguir a empregar o galego con normalidade para dar as súas aulas ou para usar e recomendar bibliografía ou materiais escolares de apoio sabe que ten na Plataforma Queremos Galego e nas organizacións que a integran un apoio decidido que converterá cada ameaza, cada expediente e cada sanción, de estas se produciren, no que realmente é: un problema social non reducíbel soamente ao ámbito do ensino. A cada agresión virá a resposta contundente da nosa dignidade. No en tanto, e como sempre, sigamos a denunciar e a evidenciar que o verdadeiro "problema" do decretazo non vai ser, non está a ser, só o da prohibición do noso idioma, senón tamén que esta vai ser outra norma na que se incumpra a xa de seu exigua porcentaxe que lle teñen asignada á nosa lingua os outrora sociolingüistas hoxe reconvertidos non se sabe xa ben en que.
O "laboratorio" de Queremos Galego segue a bulir, segue a bailar, segue a camiñar: a través de iniciativas como O Circo da Lingua, o vindeiro sábado 16 de outubro durante toda a xornada en Soutomaior, concello que no seu día foi pioneiro na normalización da lingua no eido da administración local, no que vos convidamos a participar activamente; e no Camiño pola Lingua, iniciativa que desde a comarca de Ourense até a mesma Compostela pretende facernos mover e camiñar durante as mañás dos domingos de outubro, a partir xa deste vindeiro día 10. Unha lingua que se move, que camiña, que vai de festa, que non caduca, que ten futuro. A historia do galego continúa e facémola nós.