Unha dúbida a loor da orixe da “muiñeira”

Unha dúbida a loor da orixe da “muiñeira”
Todos sabemos o relato que se nos conta encol da orixe da nosa popular danza: Que naceu a carón dos traballos da xente nas noitadas dos muíños; que o ritmo do “tarabelo” por onde vai escoando o grao e mais o ronco que fai a moa no seu monótono voltar, xa inspiran ao sentido musical da xente para tirar daí a música do mais coñecido baile galego: a “MUIÑEIRA ”.

A verdade é que, se reparamos na feitura dos nosos muíños, parécenos o lugar mais inconveniente para alí por-se a danzar media ducia de parellas, ou aínda unha só.

Estou pensando nos muíños das LOUSAS do meu Carballiño natal, nos muíños de TOBA, por terras da Fisterra, que aínda visitei iste verán, nos muíños do FOLÓN e mesmo reparade nos muíños que moeron na vosa contorna.

Os muíños galegos, están sempre en lugares fragosos, para aproveitar a pendente da caída da auga; son pequenos; non cabería alí moita xente.

Naquelas noitadas de muiñada poderíase cantar uns alalás ou bater unas pandeiradas pero danzar, danzar… a verdade é…que non daría xeito ningún.

A “muiñeira” entendémola, mais ben, como una danza de verán, do tempo da malla,ou da vendima; e tería lugar de día, nunha superficie chan e espaciosa, como a eira do trigo ou o “turreiro” da festa; alí si, tería lugar a danza entre varias parellas á vista de todos os membros da parroquia, disfroitando a tribu do remate dos traballos e da ledicia da súa mocidade.

Isto lévanos a matinar na orixe da danza e da palabra, MUIÑEIRA, que a nomea.

Imos ser tan ousados de pensar que a verba nada ten a ver cos muíños e os traballos da moenda do grao.

Propomos que a orixe debe vir do verbo latino ADMONERE, no sentido de avisar, ou proclamar.

Iste verbo xa foi moi produtivo na toponimia; está na base do nome de vilas como MONÇAO, ou as nosas penas “mosqueiras”, que xunto co apelido MOSQUEIRA, derivamos das “monescarias”, penelas vixías ou avisadoras.

O verbo MUÑIR, quer dicir :“ chamar á xuntanza”, e os casteláns chaman de “muñidor”, ao que concerta, compón ou arruma os encontros.

Nas igrexas, anunciaban un próximo casamento facendo as ADMONICIÓNS, avisos ou proclamas, como din os ingleses : “ Speak now or for ever hold your peace”, ou sexa, se alguén ten algo en contra, que fale agora ou senón, que cale para sempre.

A nosa MUIÑEIRA, procedería, mais ben que do muíño, dunha música *ADMONIARIA ou * ADMONINARIA.

Daí tería saído a nosa AMUIÑEIRA, ou ritmo avisador dalgún evento importante prá colectividade.

Iste sentido avisador da gaita percebémolo cada 25 de Xullo en Compostela, cando ollamos ao Xosé Manuel Sánchez Rei , na Alameda compostelá, co seu elegante fato preto, facendo soar o noso instrumento nacional, convocando aos galegos para proclamar a Pátria.

Deixamos por aquí a nosa teoría de que as nosas AMUIÑEIRAS, mais que debidas ás muiñadas, son unha “admonición”, chamada ou proclamación do AMOR e a LIBERDADE!