Un novo semanario entra en mercado hostil
Onte, despois de mes e pico de vida como xornal dixital, fixo a súa entrada nos quioscos un novo periódico de tirada semanal baixo a cabeceira de Sermos Galiza. Íano sacar o día das nosas letras, pero pasoulle o mesmo que ao saio e demorou ata o corenta de maio. Vaian por diante os meus parabéns pola ledicia que supón o nacemento dun medio de comunicación na nosa lingua.
Falar da importancia dun medio de comunicación escrito é tan orixinal como repetir que o osíxeno vén ben para a respiración. Xa as mentes lúcidas do racionalismo ilustrado, asistentes e partícipes da aparición da prensa escrita, se decataron da importancia que este medio de comunicación ía desempeñar na nova sociedade que se estaba a xestar nos derradeiros intres do Antigo Réxime. Con respecto a ela, dixo Voltaire, en “Le Sottisier”, que “non houbo autenticidade ata os tempos en que as gacetas e os periódicos, contradicíndose uns aos outros, deron ocasión de examinar os feitos para que logo fosen discutidos polos contemporáneos”. Concordaremos en que este cántico á pluralidade é dunha total contemporaneidade. Precisamente por iso, porque en Galicia hai unha case total descompensación informativa son necesarios medios de comunicación nacionalistas que contrarresten a presión xacobina, o centralismo que brota desde os medios madrileños e que utiliza como amplificadores a case totalidade dos editados en Galicia e, sen dúbida, os de maior tirada.
Sempre se fala da liberdade dos medios escritos, cando, xa desde o seu nacemento, se puxeron ao servizo dunha clase, dunha ideoloxía ou dun partido político. Estou lembrando a Lenin coa súa Iskra (Chispa), así como aos seus colaboradores, os chamados “iskrovitas”, que durante anos xogaron a vida para introducila. enxeñosamente, na Rusia tsarista ou para reproducir os artigos en imprentas clandestinas, o que ocasionou que houbese verdadeiros mártires. Nas colaboracións en Terra e Tempo teño empregado, e empregarei, frases e ideas de Julio Senador, hoxe practicamente ignorado, pero ben coñecido por Castelao, quen tamén o cita en varias ocasións. Para Senador, a prensa nunca foi nin poderá ser libre, pois “Por unha banda padece as intimidacións do poder e dos códigos. Por outra a das entidades burguesas donas do instrumental”. Concordo absolutamente co anterior, ao tempo que recomendo, aínda que non comparta a totalidade, a lectura sosegada dos monólogos que sobre a prensa escribiu Marañón nos seus “Ensayos liberales”. É evidente que o semanario que agora nace non será unha excepción e, conseguintemente, tampouco será libre. As mesmas persoas que un día se xuntaron e decidiron a pertinencia de facelo fixeron un manifesto de intencións que deixa ben ás claras cal é a finalidade e, por conseguinte, os lindeiros, dos contidos do mesmo. Non fai falla insistir en que tódolos nacionalistas non podemos menos que estar de acordo coa idea do fortalecemento da nosa lingua, da nosa nación e da soberanía que reclamamos. Dicía Unamuno que a prensa xogaba un papel de “apostolado social”. É certo, pero eu dubido que este novo apóstolo converta a ninguén, e penso que, máis ben, non pasará de ser a epístola para lectura e comentario en cenáculos de iniciados.
“E é que (...) nace co obxectivo prioritario de informar, de conta-lo que pasa e cómo e por qué pasa en Galicia, de analizar criticamente o que preocupa a tódolos homes deste país. Había que facer isto xa porque Galicia non contaba cun medio así da súa propiedade, por dicilo dalgunha maneira. No tempo do “boom” das revistas de información xeral, Galicia tiña que botar man do que se lle ofrecía –como tantas outras veces- desde Madrid.
Faltaba, porén, a perspectiva galega, faltaba un medio que dun xeito sistemático presentase, sintetizase e analizase as diferentes caras das realidades e dos problemas galegos”.
“(...) xurde tamén da man irrenunciable do galego, do idioma do país”
Estou copiando parágrafos non de Sermos Galiza, senón da primeira editorial da revista Teima, cuxos 35 números saídos ao longo de oito meses obran encadernados nun volume na miña biblioteca. Que se era creación do PSG, que se chegaba con ver os nomes que figuran na folla de créditos para comprobar que abondaban os “galaxios” e “pesegos” transfugados ao PSOE, que se a UPG pediu ou non á militancia que non mercase a revista... En computo, a revista morreu e deixou o terreo aberto á nova xeira do tamén semanario A Nosa Terra, que durou moito máis; pero igualmente morreu.
Talvez porque o meu trato con Ramón Piñeiro discorreu sempre en terreo neutral, nunca padecín o síndrome da mesa de braseiro, e sempre considerei fóra de toda lóxica política a súa idea, levada á práctica, mesmo persoalmente, de tentar galeguizar aos partidos existentes, no canto de facer un propio cunhas firmes raiceiras nacionalistas. Sabemos o que pasa cando se xuntan mazás sans con outras infectadas. Pero con respecto aos medios de comunicación teño moi claro que cada partido debe de ter o seu para uso dos seus militantes e simpatizantes. Chega con ver algúns comentarios que obran ao pé de certos artigos nesta moi digna Terra e Tempo para ver as reaccións que provocan nos alleos que se achegan a ela. A parroquia nacionalista xa conta con este órgano. Non sei quen vai ler o novo semanario fóra do nacionalismo, nin se vai servir de apostolado, atraendo adeptos á causa nacional e soberanista. A errada loita piñeirista a prol da utópica galeguización dos españoleiros é a que eu aplicaría, talvez tamén con idéntico resultado negativo, aos restantes medios de Galicia, pois mentres non consigamos que o Faro de Vigo, cando fala o noso voceiro nacional, empregue a lingua galega, nada avanzaremos.
De todas maneiras fago votos a Titivillus, trasno dos scriptoria medievais, para que o que agora está nacendo nunca figure encadernado nun único tomo na miña biblioteca.