Un lugar para a memoria de nós
Hai cousa de algo máis dun mes que as portas da Igrexa de San Domingos apareceron un bo día pechadas e, desde entón, os mortos permanecen no seu silencio sepulcral agardando unha resposta da sociedade civil.
O antropólogo Jack Santino fala de "santuarios espontáneos" para referirse aos novos lugares de "culto" aos que acode a cidadanía tras un crime colectivo. Cita varios destes lugares relativos a recentes feitos internacionais: "Mourning Wall" da cidade de Oklahoma a onde a xente acode a depositar flores polos mortos da explosión dunha bomba colocada por un "da casa" nun edificio de oficinas do estado; a chamada "revolución das flores" en Inglaterra tras a morte da princesa Diana; o "zona cero" en Nova York despois do ataque do 11 de setembro; e o caso da madrileña estación de Atocha, todos eles no chamado "mundo occidental", fóra deste mundo semella que non conmemoran aos seus mortos. E fala da "memorización da morte" relacionando estes feitos con outros como as Nais da Praza de Maio ou as conmemoracións do "Bloody Sunday" en Irlanda do Norte (por certo agora investigada a actuación do exército británico por unha comisión oficial e pedido perdón polo novo goberno de Londres).
E isto débese á conxunción da memorialización da morte dunha persoa coa armazón das condicións sociais que causaron esas mortes. Conmemorar algo ou alguén é celebrar algo ou alguén. A palabra "santuario" é usada aquí porque estes lugares son máis que sitios ou monumentos en honor dos mortos. Son tamén testemuños mudos e todas as nacións teñen un lugar especial, un "santuario permanente", para abrigar os restos daquelas persoas aos que se lles recoñece, digamos, un senlleiro papel a prol do colectivo. E isto é así cando menos desde que Cimón descubriu os supostos restos de Teseo, o mítico rei dos atenienses, nun sarcófago de pedra na illa de Skyros a que fora liberar dos piratas. O que Cimón levou a Atenas foi unha conciencia de identidade, o reforzamento dun capital simbólico.
De sempre o culto aos mortos foi un elemento distintivo da humanidade. E algúns monumentos mortuorios públicos son marcas na paisaxe simbólica dun país, como foron as mámoas para os nosos antepasados, lugares aos que volver ou facer un alto no camiño do esquecemento, recordar que somos e que somos sociedade.
Pero chámanos a atención que ante esta presenza constante da morte na sociedade se peche, sen máis, un lugar cunha carga simbólica importante para unha boa parte da sociedade galega, e non galega. E isto pasa nunha cidade na que ten un mito fundacional ao arredor dun sartego. Como si os outros lle fixeran competencia. Xa pasara co Panteón Real, sempre denominado "Capela das Reliquias", e foi unha campaña iniciada desde a asociación cultural O Galo que chamou a atención sobre este outro elemento do noso patrimonio até entón usado como cuarto para os trastes.
Non son os arcos oxivais de San Domingos os que nos levaban até alí, non era o espazo material, senón un recordo asociado a unha idea de país, de sociedade, de convivencia en común, de sentimentos. Pechándonos o sitio péchannos de feito a capacidade de recordar colectivamente, de ter memoria, porque o recordo tamén é un fenómeno social colectivo.
Diante do Panteón podemos dicir que estamos diante dun aspecto do noso patrimonio cultural e o patrimonio representa a cultura dun pobo, a memoria colectiva. Pero este aspecto non ten porque ser vivido como un elemento cultural clave da vida do presente, pero iso non quer dicir que haxa que ocultalo á sociedade.
O Panteón de Galegos Ilustres funciona como unha autorrepresentación de nós para fóra, e como unha axuda na creación de sentido comunitario para dentro. Nel hai algo que asociamos cunha memoria colectiva social e cultural, cunha razón de ser e de existir. Actúa, pois, como un lugar da memoria e un lugar con memoria, para conmemorar. Visitar o Panteón de Galegos Ilustres é un exercicio da memoria e a memoria tamén é un exercicio de lexitimación. Nos sentimos unidos ao compartir uns símbolos, nos sentimos pertencer a un mesmo grupo.
Cando se trasladan a Bonaval os restos de Rosalía, no Pleno do Concello de Compostela o concelleiro Alfredo Brañas pide que a institución municipal se implique para darlle "maior esplendor" ao acto fúnebre. Pero na mesma acta podemos ler que o "magnífico mausoleo" foi levantado a expensas dos fillos de Galicia e dos residentes en América (e poderíase recomendar a lectura desta acta aos compoñentes da actual corporación municipal). Agora os seus descendentes non poden acceder ao mesmo e ocúltaselles algo que lles pertence porque o herdaron dos seus antepasados.
As sociedades constitúense de intereses diversos, e a coexistencia require consenso e organización. É difícil entender como un edificio eclesiástico que estaba en mans da administración pública, desde a súa desamortización en 1835, pase agora ás da igrexa e esta non teña outra alternativa que pechar a porta. O Panteón debe ser aberto e xestionado pola sociedade civil.