Un día calquera, o 3 de maio, festividade da Santa Cruz

Un día calquera, o 3 de maio, festividade da Santa Cruz

Por mor das manifestacións do 1 de maio, nas que se reivindicaban outras políticas que non fosen as dos recortes, Mariano Rajoy advertiu que faría unha reforma, ou axuste como di o PP, cada venres. A partir dese momento alguén tivo a ocorrencia de cualificar o día da semana en que se celebra o Consello de ministros como o “Venres de Dores”, emulando ao que precede á Semana Santa ou Semana de Paixón. Así que para relatar este viacrucis ao que nos teñen sometidos os especuladores e prestamistas, tecnicamente chamados mercados, imos escoller as noticias dun día calquera, por exemplo o 3 de maio, día da invención ou achado da Santa Cruz en Xerusalén por ser o máis acaído para este calvario que estamos padecendo.

Ese mesmo día reuníase nunha Barcelona, blindada por 8.500 axentes pertencentes aos mozos de escuadra, a garda civil e a policía, o consello de goberno do Banco Central Europeo. Había que impedir que os mozos protesten ante os representantes dos responsables da crise que estamos padecendo e se dese unha imaxe negativa para os inversores. O seu presidente Mario Draghi criticaba o fácil que era para algúns gobernos, digo eu como o de Rajoy, subir impostos e reducir investimentos, recomendando recortar o gasto corrente.

Tamén no mesmo día o presidente, negaba que o Goberno fose aprobar o pago polo uso das autovías, a súa ministra Ana Pastor afirmaba que só sería aplicable aos turismos. Como o presidente é home de palabra o que lle hai que entender é que non o faría no consello de ministros do día seguinte, pero que si o fará noutro calquera. Esperanza Aguirre xa dixo que establecería as peaxes na comunidade de Madrid.

Feijoo e a súa lenda de bo xestor

En Cataluña queren cobrar 5 euros nos hospitais por cada día de estancia. Xa cobran por se sentar reclinado nunha cadeira que pode utilizar o acompañante do enfermo. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Núñez Feijoo dixo que actualmente o Sergas non necesitaba pedir axuda aos pacientes, porque Galicia ten unha vantaxe en relación con outras comunidades, pois só terá que recortar unha décima o seu déficit. Considera un logro recortar 69 millóns de euros dos 9.135 do orzamento para este ano destinado a gastos non financeiros.
Pero segundo nos contou Manuel Lago (La Voz de Galicia, 5 de maio), o orzamento reduciuse en 2.291 millóns de euros, dos que 1.532 millóns foron en menos investimento. A consecuencia desta política é que Galicia pasou de crecer 1,5 puntos por encima da media española no período 2006-2008, etapa do denostado bipartito, a menos da metade no 2011, o que ten a súa incidencia no emprego. Desde que Feijoo é presidente perdéronse 118.000 empregos, nunca houbo 276.825 galegos en paro, aumentando nos tres anos do seu de mandato no 33%.

Tamén cualifica de lenda urbana o saneamento das contas públicas porque desde que Feijoo preside a Xunta a débeda pública aumentou en máis de 3.000 millóns de euros, ata superar por primeira vez os 7.000 millóns, o que significa que nos tres anos de goberno endebedou a Galicia nunha cifra similar á acumulada polos catro gobernos anteriores en 25 anos de autonomía.

Outro cheque bebé para o noso drama demográfico

O Consello da Xunta dese día 3, estudou un plan de impulso da natalidade, porque dentro de 40 anos teremos 1,7 millóns de habitantes, un millón menos que na actualidade. Os indicadores de natalidade, fecundidade ou idade media están por baixo da media española e europea, 8,05 nacementos por cada 1.000 habitantes. ¿E que se lle ocorreu a Feijoo para solucionar este grave problema demográfico?, pois incentivar con axudas fiscais a quen teña máis fillos, é dicir restablecer outro cheque bebé que o PP tanto criticou a Zapatero. Con todo Andrés Precedo Ledo veu dicir que estas políticas non serven, lo que necesitamos es crear empleos de calidad, crear entornos competitivos basados en industrias tecnológicas y de conocimiento, especializar nuestras universidades y no crear organismos clónicos. Será nuestra capacidad de atraer inversiones industriales y empresariales en sectores estratégicos lo que permitirá volver a crecer demográficamente y ver como los jóvenes trabajadores aportan nuevos efectivos para la tan necesaria recuperación demográfica (La Voz de Galicia, 4 de maio).

Supoño que agora se entenderá porque Feijoo e o seu conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad, nos venden como favor o que é unha realidade inevitable, que non van subir o número de alumnos nas aulas como propón o ministro de Educación José Ignacio Wert. Aquí non é necesario porque a dispersión xeográfica e a recesión demográfica sitúanos á cola de España e de Europa, con 9,7 alumnos por profesor.

Os vellos so dan gasto

Outra noticia dese día foi a de que en Alemaña o Goberno quere eliminar as intervencións cirúrxicas innecesarias da cobertura da sanidade pública, como as próteses de cadeira. Acaban de colocarme unha e aínda me queda outra. Case me arrastraba para andar. É un perigo que arraiguen estas políticas que desprezan aos vellos porque xa non son rendibles, que so dan gasto, o que ademais dunha falta de humanidade é unha estafa ao contribuínte, porque todos os traballadores ao longo da vida laboral contribuímos coas nosas achegas mensuais, e cos impostos, directos e indirectos, ao mantemento do sistema.

A sanidade non é gratis, como nos queren facer ver os políticos, pagámola todos os cidadáns, en paro ou en activo. Entón ¿por que hai que condenar a unha persoa sa, de 65 anos, a vivir o resto dos seus días sentado nunha cadeira de rodas para favorecer a conta de resultados das mutuas e das administracións responsables da atención sanitaria? Porque se é así ¿para que queremos ao Estado, aos parlamentos, aos gobernos e aos políticos?

En liña con esta política, o Valedor do Pobo, Benigno López, pervertendo a función para a que foi creada a institución e nomeado para presidila, convertíase ese día en defensor das políticas do PP e expuña no Parlamento de Galicia suspender a Lei de Dependencia ante as dificultades económicas. Menos mal que o PSOE e o BNG que cando o nomearon caeron de pardillos colocando a un amigo de Feijoo, agora que lle quedan tres meses de mandato piden a súa destitución, pero o PP dilles que non. E fai ben.

Tres noticias boas

Tamén foi un mal día para Abel Caballero, ao que o PP lle pediu que pedise perdón coma fixo El Rei (Lo siento mucho. Me he equivocado. No volverá a ocurrir). Neste caso o alcalde de Vigo tiña que facelo por ir en coche oficial a unha manifestación.

Non o foi mellor para os afortunados que están nos chiringuitos dependentes da Xunta, porque para aforrar un millón de euros Feijoo rebaixoulles as dietas un 15% por ir aos consellos de administración e as remuneracións dos seus altos directivos que cobran máis que el como presidente da Xunta.

Menos mal que no medio de tanta tribulación, decatámonos de que Baltar fillo empregou na Deputación de Ourense a 95 persoas axudando a Rajoy e a Feijoo a mellorar as cifras do paro, e que o ex vicepresidente da Xunta, José Manuel Romay Beccaría, na súa toma de posesión como presidente do Consello de Estado dicía algo moi sensato, que fronte ao ultraliberalismo había que harmonizar a economía de mercado e os intereses dos máis desfavorecidos, palabras que se poden entender como unha chamada de atención ás medidas tomadas polos seus correlixionarios.

E para rematar unha reflexión. Nese 3 de maio case todos os informativos da noite das televisións, entre eles o Telexornal da TVE 1, abriron coa festa organizada polo Real Madrid e os seus seguidores na praza de Cibeles por gañar a liga. Algunhas ata o transmitiron en directo. Con todo o que acabamos de relatar e os 5.273.600 parados, o 22,85 % da poboación activa, que a noticia máis importante do día fose o ditoso futbol paréceme unha inmoralidade. ¿É posible que sexamos tan parvos ou é que están empeñados en facernos imbéciles?