Un algo de historia non acae mal...

Un algo de historia non acae mal...

Coido que un dos problemas non leves da cultura galega actual deriva da falta de ilación histórica. Demasiadas veces a súa traxectoria se asemella ao mito de Penélope que Xosé María Díaz Castro recriou en poema insuperábel. Non se trata das lóxicas lagoas de coñecemento esperábeis nunha cultura tantos anos desinstitucionalizada, privada de elementos de poder e de prestixio, asociada a unha única clase social, a maioritaria do mundo do traballo, sen megáfonos nin dispositivos de reprodución formal. Trátase dunha despersonalización en forma de ignorancia da diacronía que nos fundou e grazas á cal existimos; trátase de alimentarmos o presente e as súas alternativas de acertos do pasado e de corrixirmos erros xa cometidos. Trátase de recoñecermos, en suma, que somos un povo con independencia intelectual, capacidade creativa e, por tanto, con posibilidades de revirar o rumbo da nosa historia.

Todo isto vén a conto porque se se tivesen lido fenómenos e procesos da historia lingüística contemporánea, teríanse aforrado moitas desfocaxes da mesma na hora actual e a normalización da lingua galega tería camiñado con máis celeridade.

Entre o 4 de Novembro e o 2 de Decembro de 1978, o Instituto Socio-Pedagóxico Galego (que non se puidera legalizar con este nome, por prohibición administrativa, levando desde aquela o nome de Asociación...) organizara, na Facultade de Económicas da Universidade de Compostela, un ciclo de conferencias baixo o título: "Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas"[1]. Por orde de intervención, os conferencistas foron Lluís V. Aracil, unha servidora, Francisco Rodríguez, Pilar Vázquez Cuesta e Ricardo Carballo Calero: idades, xeracións, nacionalidades, dedicacións profesionais... ben variadas, como se ve.

Cada quen desenvolveu un tema diferente, mais chama a atención que as conclusións particulares a que todos chegaron son confluentes no mesmo obxectivo e na mesma aspiración, con acento marcado en aspectos diversos. Aracil recordaba como a independización principia por "aprender dun mesmo, aprender o que lle convén e decidir por un mesmo", avogaba pola produción de modelos orixinais e daba a valer a experiencia como fonte do saber. Francisco Rodríguez diseccionaba o espírito e a letra da Constitución que se promulgaría aquel mesmo ano e denunciaba que a oficialidade real ía seguir sendo a do español como lingua do Estado que seguía a ser unitario, co que o dominio diglósico pervivería en detrimento do galego, a lingua nacional. Na esteira de Ninyoles, desvendaba a intención real da utilización perversa do concepto de lingua materna, como muro limitativo da normalización, e adiantaba un diagnóstico negativo do tristemente célebre "Decreto de bilingüismo", que sería ditado en 1979 por parte do Ministerio de Educación e Ciencia.

Pilar Vázquez Cuesta examinaba a situación lingüística en contextos coloniais como o Perú ou Puerto Rico e, tamén, a depresión de linguas como o francés en Canadá, no Quebec, ou o portugués no período filipino (1580-1640), cunha interesantísima panorámica histórica que deita moita luz, diacrónica e actual, sobre o caso galego. Ricardo Carballo Calero estudaba a fortuna histórica do galego, a través de tres chanzos ben marcados: a formación do mesmo, a dialectalización e a recuperación. "Língua e identidade" e "O galego e a Galiza" son os seus derradeiros capítulos. Non resistimos a tentación de os transcrebermos literalmente, porque a súa vixencia, a súa actualidade, é total:

Se non temos o menor desexo de manter a identidade de Galiza, é excusada a nosa preocupación pola língua. Mais se queremos manter aquela identidade, na língua temos o mellor instrumento para consegui-lo. A língua é un sacramento, é dicer, un signo visíbel de comunión nunha determinada participación de ideais. Evidentemente, a língua non confere nacionalidade. Hai moitas nacións de língua española ou portuguesa que non se confunden coas antigas metrópoles. En troques, hai nacións plurilíngües. Unha nación é unha vontade colectiva de destino comun. Como dicia Renan, un plebiscito incesantemente renovado. Mais cando se dispón dunha língua própria, non se comprende o seu abandono polos que desexan manter a identidade do pobo que a fala.

Podemos, en consecuéncia, imaxinar unha Galiza que non fale galego. Por exemplo, unha Galiza absolutamente castelanizada. Ou, se queremos pensar nunha situación menos radical, unha Galiza onde o galego sexa respeitado, mais non promovido. Ou mesmo unha Galiza onde o galego sexa considerado como unha reliquia histórica, ou como unha típica modalidade folclórica que a fins turísticos conveña conservar. Poderíamos estabelecer reservas nas que un fato de labregos e de intelectuais, vestidos con monteira e cirolas -os homes- e dengue e mantelo -as mulleres- vivesen subvencionados polo Estado, consagrados a falar, escreber, cantar, rir e chorar en galego con acompañamento de gaita. Cousas semellantes vian-se e ven-se noutras latitudes. Mais hai unha tradición, segundo espuxemos, que aspira a outra fortuna para o galego. Esa tradición, a de Murguia e a Académia Galega, a de Risco e a revista Nós, a de Villar Ponte e as Irmandades da Fala, a de Otero Pedrayo e o Seminário de Estudos Galegos, para non citar senón figuras e institucións científicas e literarias, propugna o galego como língua de Galiza. Para os que nos educamos nese ambiente, non hai outra fórmula satisfactoria. Non vemos a Galiza falando noutra língua que o galego. Claro que este ideal implica problemas de organización, debidos ao estado en que a língua se atopa, à preséncia social do castelán e à existencia dun idioma oficial da Administración central. A resolución destes problemas incumbe aos políticos. Aos estudiosos da língua corresponde-nos fornecer a información precisa para esa resolución. E facer votos por que os que temos xa calcado desde hai tempo o sarego da vellez, presenciemos, endebén, a reinstauración definitiva -à que todos son convocados con respeito e amor- do galego na vida de Galiza[2].

Máis de trinta anos teñen estas palabras desque foron proferidas e non perderon aínda o seu carácter profético. Aínda resoa nos meus ouvidos a ovación interminábel con que foron acollidas e aplaudidas polo público presente (a mencionada Aula Magna da Facultade ateigada: máis de quiñentas persoas) e non podo deixar de pensar na lucidez de quen, na que sería derradeira década da súa vida, atinaba a situar con tal clareza os perigos da conxelación do galego nun neorrexionalismo inane, vaciado de toda normalidade social, onde o signo galego fose só decorado estilístico. Igualmente, acertaba a sinalar as necesidades de normalización social e pública da lingua que as precisaba solucionar, única denotación sociolingüística verdadeira do termo "normalización".

O legado histórico de que se declara herdeiro o ilustre profesor é o que eu teño a ben reclamar hoxe, incluíndoo a el, claro está, para comprender algo non do que se pasou onte, historicamente falando, senón do que está a se pasar no presente, na máis rigorosa actualidade. Talvez, así, se derruben mellor as cercas da camuflaxe, da sofisticación, da pasividade estupefaciente, da superficialidade... con que hoxe batemos en tantas ocasións á hora de coñecermos análises e valoracións sobre a lingua galega.

[1] Publicado como libro por Edicións Xistral, en 1980, con este mesmo título e prólogo de Santiago Esteban Radío, na altura presidente da AS-PG.
[2] Ibidem, páxs. 127-128.