Un adeus a José Saramago

Hoxe, domingo 20 de xuño, dámoslle o último adeus a José Saramago. Tras o seu falecemento en Lanzarote o pasado venres, o goberno portugués decretou dous días de loito pola súa importancia intelectual e literaria. Onte chegaba ao Salão Nobre da Câmara Municipal de Lisboa e hoxe partirá para o cemiterio onde será cremado. As súas cinzas ficarán en Portugal por desexo expreso del.
Era un escritor moi querido, admirado e lido que en 1998 recibiu o Premio Nobel de Literatura, o único en lingua portuguesa. Morreu con 87 anos e unha extensa obra nos diferentes xéneros. Destaca sobre todo no romance con obras como Levantado do chão, 1980; Memorial do convento, 1982; O ano da morte de Ricardo Reis, 1984; O evangelho segundo Jesus Cristo, 1991; Ensaio sobre a cegueira, 1995; Todos os nomes, 1997; A caverna, 2000; O homem duplicado, 2002; Caim, 2009; e tamén publicou en 2001 un conto infantil A maior flor do mundo que o ferrolán Juan Pablo Etcheverry adaptou ao cinema.
A publicación de O evangelho segundo Jesus Cristo veu rodeada de moita polémica pois a Igrexa sentiuse atacada e isto provocou que o goberno portugués excluíra esta obra dunha listaxe de obras que optaban a un premio europeo. Saramago decide nesta época vivir en Lanzarote e desde 1993 compartiu residencia entre a illa canaria e a súa casa de Lisboa.
Os seus libros eran agardados polos lectores/as pois sempre sorprendía co tratamento de temas de actualidade como o último romance no que traballaba que era sobre o tráfico de armas. A pobreza, o papel da Igrexa, a conciencia, a hipocrisía, a denuncia aparecían nas súas obras nunha linguaxe clara, directa e chea de emoción, facía da realidade arte. José Saramago tiña como obxectivo provocar a reflexión, conseguir que se pensase, unha pretensión moi necesaria e ás veces difícil de acadar.
Saramago representa unha vida dedicada á literatura e á defensa da liberdade, da xustiza e da paz. Literatura e compromiso foron xuntos. Non renunciou ás súas ideas para obter maior recoñecemento como escritor. Antes de que lle concederan o Premio Nobel el mesmo dixera que se tiña que renunciar aos seus ideais que prefería non ter o Premio. Tiña unha forte personalidade e en ocasións protagonizou polémicas e controversias. Foi unha persoa cunha gran dignidade ao longo de toda a súa vida. A lucidez que mostrou até o final da súa vida vese na negativa a participar nun encontro cultural co Papa en Lisboa o 12 de maio deste ano ao que foi convidado polo presidente portugués.
Foi unha persoa cun claro compromiso co seu tempo e desde 1969 militou no Partido Comunista Portugués. Participou de maneira activa na Revolução dos Cravos e na vida partidaria. Foi un dos primeiros responsábeis da organización da Festa do Avante, festa cultural e de música organizada polo PCP desde 1976. En 2008 na Festa do Avante realizáronlle unha homenaxe polos 10 anos da obtención do Premio Nobel ao que non puido acudir por motivos de saúde. Entre outras actividades, no acto proxectaron un filme que incluía un saúdo do escritor.
A relación de Saramago con Galiza e de Galiza con Saramago simboliza as dificultades nas relacións de Portugal con Galiza e de Galiza con Portugal. Por un lado, Saramago (Portugal) non recoñeceu a nosa existencia como nación diferente de España; e por outro; Saramago (Portugal) foi recoñecido por algúns galegos/as despois dun recoñecemento de España. O achegamento de Galiza e Portugal é necesario mais nunhas condicións de igualdade que leve un recoñecemento recíproco sen idealismos. A maioría da sociedade galega e portuguesa mostra unha indiferenza sobre esta cuestión que fai difícil o intercambio cultural que tanto nos enriquecería a todos/as.
Nós debemos cambiar esa visión e termos a lusofonía como referente pois a lingua é un elemento de unión e non necesitamos unha lingua allea para lermos a Saramago. A mellor homenaxe a José Saramago é a lectura da súa obra no galego da outra banda do Miño.