Tres veciños de Santa María de Ourol no século XVIII

Tres veciños de Santa María de Ourol no século XVIII

Facendo un percorrido polos libros sacramentais de defuntos de Sta. María de Ourol, nos atopamos tres partidas que nos chamaron a atención, a primeira a de Domingo de Luaces, home que morre indo para a sega en Castela, a de Francisco Cao de Cordido, cura propio da freguesía e Rosa Martínez a cal funda una Obra pía.

DOMINGO LUACES. Estaba casado con Sabela Rodríguez e tiña dous fillos, Thomas e Juan Antonio. O 25 de setembro de 1743 fíxoselle función de enterro a Domingo Luaces veciño que foi desta freguesía, o cal morreu indo á sega na parroquia de Sta. María de Valdera reino de Castela onde se lle deu sepultura, segundo consta da certificación de Don Francisco da Peña cura propio da dita vila, non recibiu sacramento por morrer repentinamente, nin tampouco fixo, nin tiña feito disposición algunha. Dixéronselle nesta igrexa o día referido cinco misas, unha cantada coa súa vixilia e as mais rezadas ofrendouse pola súa ánima dous ferrados de trigo, un carneiro, catro azumbres de viño e as velas acostumadas. Durante o ano ánselle de dicir 30 misas votivas e 18 de exequias, pagouse catro ducados.

FRANCISCO DE CAO E CORDIDO. Cura propio desta freguesía.

Recibíu sepultura na igrexa parroquial desta freguesía o día once na sepultura que se atopa inmediata a porta que chaman pequena, á entrada da igrexa. Fixo testamento o dous de maio de 1758 ante o escríbano da cidade de Mondoñedo e veciño de Santa María de Xerdíz, Joseph García Laredo. Nel manda decir dúas misas de ánima nos Conventos de Sto. Domingo e San Francisco da vila de Viveiro e o seu cadáver foi amortallado en hábito de San Pablo e San Pedro. O día do seu enterro se lle dixeron 16 misas, dúas cantadas coas súas vixilias e as catorce restantes rezadas. Mando de ofrenda por a súa ánima 50 reais de vellón. Mandou se fixese e celebrase o cabo de ano pola súa ánima o día que lle parecese os seus cumpridores en cuxo día se ofrendase por a súa ánima doce reais de vellón. En cada un dos días das funcións de enterro e honras se dese de esmola os pobres a maiores catro cuartos a cada un e os menores dous cuartos. Mandou que pola súa ánima se dixesen 400 misas votivas e polas ánimas dos seus pais, avós e mais parentes 200 misas, mandou outros 100 pola ánima do seu sobriño, D. Francisco Cao de Cordido e Maseda cura propio que foi da freguesía de San Pablo de Riobarba. Iten mandou a cada unha das confrarías da igrexa de Orol unha libra de cera e o lumbre do Santísimo Sacramento 6 reais de vellón por unha vez. Así mesmo mandou que os seus cumpridores e herdeiros perdoasen todo xénero de persoas a que lle estivesen debendo cantidades de diñeiro ou froito catro reais de vellón. Manda fábrica da dita parroquial 1.000 reais de vellón de esmola para reparos e mesteres da igrexa. Mandou o seu sobriño Don Gregorio Cao de Cordido no lugar que chaman de Lucencia na freguesía de Sta. María de Viveiro con todos os grans que nel se atoparan, igualmente no lugar que nomean Reboreda, freguesía de Xerdíz, con dous ferrados de herdade. A morte do seu sobriño estes bens engadiranse o vinculo. Iten legou a María Alonso solteira filla de Francisco Gónzalez defunto veciño de Grandal a súa criada una parte da casa que tiña en Grandal freguesía de Xerdíz e 100 reais de unha vez e as soldadas. Os demais criados, Xan Méndez e Nicolás de Vestraveda cincuenta reais de unha vez e as súas soldadas.

Deixou por cumpridores a Don Joseph Martín Cao de Cordido e Maseda e Antonio cao e Juan Gaso.

ROSA MARTÍNEZ, muller de Domingo García.

Morre o 2 de xullo de 1771. Fixo memoria de testamento o día 25 de xaneiro de 1770 ante os testemuñas Andrés Caetano do Chao, Caetano Miguez, Narciso López, Thomas Pernas e Xan do Chao. Foi soterrado en hábito de Santo Domingo, e deu de ofrenda pola súa ánima dous ferrados de trigo, un carneiro, seis azumbres de viño e trece cerillas o acostumado. Mandou ase mesmo que se gastasen nos pobres 4 anegas de todo grao e catro reais para viño e outros cincuenta en carne ou peixe.

Mandou que se lle dixesen pola súa ánima e obrigacións 116 misas e igualmente se han de decir as 18 de exequias pola esmola acostumada 4 ducados. Manda que polo ano se dixesen 30 misas pola honra e gloria do Señor e cada unha das Dominicas del se lle dixese sobre a súa sepultura un responso cantado, esmola 12 reais. Mandou o vestido mellor da súa pertenza a María Fernández muller de Miguel Albo de Bena veciña de San Pantaleón de Cabanas e toda a mais roupa de vestir a súa filla Rosa Martínez muller de Andrés Rodríguez.

Fundou dúas misas de aniversario sobre os réditos de dous censos, o principal de entrambos 1700 reais, cuxos réditos pagan anualmente Antonio Cao Alfeyran e Thomas Perera de Camba veciños da citada freguesía Ourol, a súa esmola cada unha tres reais. Han se de decir o día da “Purificación de Ntra. Señora y el otro el día de la Asumpción”.

Hospedaxe para pobres

Así mesmo manda que por tempo e espazo de 33 anos cumpridos despois da súa morte os seus herdeiros e en defecto destes o que vivir e habitase a casa de morada onde vivíu a devandita defunta nomeada Rega ou Albizos desta freguesía de Ourol, teñan obrigación de hospedar e dar pousada cando e cada día que se ofrecese a dous pobres ou camiñantes para cuxo efecto mando que á conta dos seus bens téñanse previdas dúas mantas e unha sabana deixando a calquera dos seus herdeiros ou que habita dita casa por razón de traballo desta obra pía e caridade un ferrado de herdade polo espazo do tempo sinalado; este ferrado áchase sito no precitado lugar de Rega e que comprou durante o seu matrimonio. Deixa por cumpridores a Domingo García, Antonio García o seu fillo e ao expresado Andrés Rodríguez o seu xenro.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.