Tres epis-odios


EPIS-ODIO UN

Telecinco, programa GRAN HERMANO. Non o vexo nunca, e se me aparece facendo zaping bulo a darlle ao botón coma se vira ao demo. Pero un aviso dun colega púxome sobre a pista dun youtube -xa levo dous anglicismos, que envexa de idioma- no que unha concursante lle pegaba couces coma unha burra ao galego, non por falalo mal, que falaba en Pacoruñés con gran dominio, vítima coma el da incapacidade de fuxir do seu aborrecido acento, senón por falar contra el. Nin sequera a insistencia da súa atónita contertúlia, namorada da música do noso idioma, lograba convencela de que o galego non é unha porcaria de lingua. Cuspía aquela túzara todos os epítetos sobre a nosa fala que eu recordaba da época mais negra, que non a mais perigosa se cadra: dialecto de brutos, paletos, ignorantes...Contou que un día até tivo un bajón que case morre porque un mozo guapo ao que quería ligar se dirixiu a ela en galego. Por suposto, o galán perdeu todo o atractivo para ela en canto soltou os seus bufidos en vernáculo -seguramente de Lugo-, que seica lle é a máis tosca das nosas variantes dialectais. Nunca vin unha expresión de auto-odio tan exacerbada. E digo AUTO-ODIO ex profeso, para os que non cren nesa expresión, que din que ninguén se odia a si mesmo, que todos nos queremos e que é un invento dos nacionalistas radicales exacerbados por cojones -outra expresión da tiparraca- que na última parte do seu discurso empeza a recuar, seguramente por darse conta de que estaba dicindo ía ser moi mal recibido no seu pais de mierda, como así foi, e quitarlle votos e opcións ao maletín de cartos que seica lle dan a quen gañe o concurso, e empeza a dicir todo o contrario do que viña baduando, que lle gusta o acento galego, que os nacionalistas non son tan túzaros e remata así: "Es una pena, nuestro propio idioma, tío, y que lo hagamos nosotros!"

Eu alusino, tío (En Barbansón, que é outro dos dialectos que menos lle gusta á elementa).

EPIS-ODIO DOUS

Reportaxe en varios xornais galegos. Lánzase un Distintivo de Calidade para o leite galego. Pero para expresar esa calidade utilizase o feminino: "galega 100 %!. Digo eu, será un erro involuntario dun/ha castelán falante que aínda non se afixo á nosa triloxía alimentaria que se diferencia no xénero cos seus equivalentes en español: o sal, o mel e o leite. Deso nada. É por falsas razóns comerciais cara o mercado español falante. E unha pretensa cortesía que devén nun esperpento servil. Para que non lles soe mal aos clientes casteláns, poñenlle ás garrafas e tetrabriks -outro- un logotipo onde á palabra "GALEGA", xa eivada do seu xénero por referirse ao leite, se lle intercala un chorro do branco produto que caendo polo medio fai o outro ele que lle falta para estar tamén en castelán. Qué idea, está en castelán e en galego, bilinguismo perfecto, joderos, nacionatas!. Pois non señor, porque en galego non está. Un enxendro. Unha burla branca!

Até pensei, na miña boa vontade, que o cambio de xénero podía deberse a que se cadra o logotipo fai referencia aos produtos lácteos galegos en xeral, e se foran a maioría deles femininos, pois mira, unha concesión ao xénero maioritario. Pois non, repasade: iogurt, queixo, requeixo, leite mazado...non se sei hai mais, pero polo menos a maioria sono, e todos masculinos. Volvo alucinar, e mais ao ver ao Feixóo pousando ufano por tras do desgraciado logotipo, mentres MEXA POLA NORMALIZACION LINGÜÍSTICA. Fin do É- PIS- ODIO.

EPIS-ODIO TRES

Telemiño, TV local de Ourense. Tertúlia sobre a reforma do voto emigrante. Interveñen diversos persoas relacionadas co tema e representantes de partidos políticos. Entre eles está Ramiro Bieito, Que é Presidente das Asociacións Galegas en Europa, ou así. Tamén é Presidente do PP (español) en Alemaña. Este home, ao que casualmente coñezo dende a infancia, ten unha atormentada historia da que eu fun en grande parte testigo por vivir na mesma aldea, de nenos, aló perto de Chantada. Un perfecto inadaptado que recibía malleiras a cotío do pai e da nai, por facer falcatruadas, ou ao revés. O Ramiro era o terror de San Salvador de Asma. Eu teño que dicir que era dos poucos amigos que tiña segundo me confesa el tamén, cando nos atopamos. Procedía esta familia da zona rural de A Baña, perto de Santiago, onde se falaba galego por todas partes. Na aldea de Chantada tampouco ninguén falaba outra cousa. Cando puido liscar do inferno da súa casa refuxiouse na música, pois cantaba moi ben, sobre todo por Antonio Molina, e acabou de animador en diversas orquestras galegas. Non obstante o seu definitivo futuro non estaba nas verbenas, senón na emigración, e non o digo con retranca, pois foise para Alemaña e, despois de empezar de escaiolista, fíxose axente electoral do PP e acabou acadando a Presidencia do Centro Galego de Nuremberg e a presidencia do Partido, aproveitando a as actividades culturais alí desenroladas, en galego, aínda que ás veces, reclamado polo público se arranca por "Campanero Jerezano" que lle sae de maravilla. É un verdadeiro tesouro para o partido telo alí, xa que manda sacas de votos a eito. Para el tamén é un tesouro ese choio, pois xa hai tempo que a escaiola nin a cheira. Daí que na tertúlia botara chispas da lei que impide que os emigrantes voten nas municipais. Ben, ao que ía: O Ramiro era o único dos seis tertulianos que falaba en español. Alusino en Santiaghés!