Treme


Despois da interpretación do tema Skokiaan baixo a atenta mirada de Elvis Costello móstrase o plano da vista nocturna da cidade de Nova Orleans. De seguido, a pantalla fúndese a negro. O silencio da noite ráchase cuns pasos que introducen unhas pequenas luces brillantes, movéndose ao son do que parecen ser as ferreñas dunha pandeireta. Un berro profundo, potente e seco aumenta o misterio que me incorpora progresivamente do sofá, estrañado polo que amosa a pantalla. Prodúcese outro berro intenso. Da escuridade emerxe unha impactante e fermosa figura que estoura nun vello cantar (transportándome, irremediabelmente, á aparición de Odetta no “No Direction Home” de Scorsese). É, o xefe, que despois de conseguir o seu propósito, esbáese de novo na noite preta da que saíra. Desconcertado por este primeiro capítulo, baixo a tempada completa.

A cadea estadounidense HBO -responsábel en grande medida de darlle á televisión unha calidade antes só reservada ao cinema- e David Simon -autor de dúas series como Generation Kill e The Wire- son os artífices de TREME. Unha serie para televisión que aborda en profundidade e sen complexos os efectos visíbeis –e os non tanto- do paso do furacán Katrina no ano 2005 pola cidade de Nova Orleans. É esta unha cidade con particularidades máis acentuadas que noutras zonas do imperio ianqui. O choque de culturas europeas, africanas e americanas froito da colonización do “novo mundo” e a chegada en masa de man de obra esclava, non só creou unha música tan particular como o jazz, senón que converte esta cidade nun ser estraño dentro dos propios EUA. Unha identidade ben marcada e diferenciada que semella querer resistir á globalización no propio corazón do sistema.

Sen caer no efectismo da espectacularidade da catástrofe, a trama principal céntrase no drama diario da cidade, mais hai que sinalar que igual de relevante é o marco no que sucede todo: a música invadindo ata o último recuncho, o bulir das rúas na supervivencia á traxedia, a caótica efervescencia dunha cidadanía recostruíndo o perdido, co colofón na celebración do Mardi Grass. A cultura emerxe coma unha personaxe central da historia, sendo unha parte importante da mesma a segunda liña, mostra da cultura da morte en Nova Orleans. A fascinante simbiose de música e tradición esconxuradora da pena, resulta un fermoso empurrón de optimismo e vitalidade para aliviar a morte.

Treme atrapa axiña pola boa descrición das e dos personaxes desta historia coral sobre o barrio negro máis antigo dos EUA, logrando unha rápida identificación cos protagonistas. Mulleres e homes que loitan non só para se salvaren, senón para salvaren a cultura dun pobo que abrazan para avanzar. No colectivo atopan a forza necesaria para fuxir da desesperanza, retratando así o desleixo dun goberno insensíbel que multiplicou os efectos xa devastadores do furacán. Capítulo a capítulo, percíbes que a fascinación coa serie non ven só pola potencia das súas historias ou pola súa espectacular (e omnipresente) música, senón pola estraña sensación de estar a ver algo familiar. Ao rematar, no repaso mental dos capítulos despois da sensación de ter visto unha marabilla, é cando caes na conta do valor desta historia, transportábel a case calquera latitude onde impera o neoliberalismo.

Nova Orleans, Katrina, Mardi Grass, música e cultura popular encerran un paralelismo evidente con Galiza, Prestige (por citar un exemplo de tantos), Entroido, cultura e música popular galega. Cunha coincidente melodía de fondo: abandono de políticas de prevención e nula xestión das catástrofes por parte dos responsábeis. Este é sen dúbida o valor desta serie, espertar conciencias valorizando o propio.


,Parece pois, que en Galiza se podería realizar unha serie de similar argumento. Imaxinemos un produto audiovisual que teña como eixo principal a nosa cultura, onde as galegas e galegos que a vexan se sintan identificados con personaxes que defendan a nosa cultura e loiten contra as agresións á nosa terra.

Habería un protagonista que, tras o desastre natural, volvería a súa destrozada vila ante a incompresión da súa familia e mesmo as limitacións das autoridades. Cunha firme defensa dos seus principios, sería quen de sacar da desesperación xeralizada aos seus veciños e veciñas traballando na elaboración dos traxes tradicionais e os preparativos do Entroido, sabedor da importancia dos símbolos para devolverlle a dignidade a un pobo debastado tanto no plano moral como no físico.

Outra protagonista puidera ser unha muller que na procura do seu irmán desaparecido sufrira a burocracia do goberno estatal impasíbel ante o sufrimento das familias simplesmente por seren periferia do sistema, por seren galegas.

E tamén aparecería a personaxe dun historiador local que canalizaría toda a súa impotencia e carraxe vía Youtube. Converténdose na voz crítica de toda a sociedade, vídeos con incendiarios mensaxes políticos e amargas reflexións que conseguen porlle un nó na gorxa ao espectador.

Pero no canto disto, a televisión pública galega parece empeñada en que nos identifiquemos con narcotraficantes, gardascivís e padrescasares. A Galega vén de emitir a cuarta tempada de MATALABOS, serie de grande calidade e éxito, seguida cada martes por un importante número de mozas e mozos, que coido non acontencía dende Mareas Vivas. Por primeira vez, as mozas e mozos galegos usaron ás redes sociais para comentar unha serie en tempo real que non fora das emitidas polas cadeas estatais. Isto non remataba nas noites dos martes, xa que comezaron a aparecer parodias dos personaxes en Twitter logrando que a xente continuase a vivir as historias da serie como unha veciño ou veciña máis de Sardiñeira. Foi tanto o éxito que a TVG, empezou a emitir media hora antes de cada capítulo uns especiais sobre a garda civil e a súa senlleira labor, aos que só lles faltaba poñer un número de teléfono co rótulo: ALÍSTATE!!!

Coido que coa TVG que temos, polo de agora, non veremos unha Treme á galega. Non por falta de capacidade, Matalobos é boa mostra, senón por falta de interese na visualización dunha cultura viva e útil no canto dunha cultura destinada aos museos. Mais no caso de facerse, debería levar o mesmo nome que o barrio de Nova Orleans, TREME, pois ese día comezarían a tremer un feixe de cousas: primero os corsés mentais de moita xente e lóxicamente, despois, as estructuras de poder que nos negan como pobo.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------