Touriñán


A nova anunciada polo conselleiro de Medio Rural de que as piscifactorías son compatibles coa rede natura é unha mala noticia para o espazo único de Touriñán. Ademais acocha a falsa idea de que se queremos progreso temos que aniquilar o patrimonio herdado, porque Touriñán non é só un espazo natural, é un espazo construído histórica e culturalmente polos seus habitantes. No canto de procurar a territorialización e o afianzamento do local como base do desenvolvemento, o goberno fomentan a desterritorialización e concibe os espazos únicos só como "solares" para ofertar as multinacionais.

Touriñán forma parte do meu mapa mental desde moi neno. Na casa onde nacín, no interior das terras muxiás, cocíase pan de trigo para vender nas feiras e para as festas. Lembro como polo San Martiño, cando os de Touriñán celebraban a festa do seu patrón, chegaban a cabalo homes traendo sacos de trigo e, despois, marchaban cos sacos cheos de moletes de pan. Lembro tamén como podían permanecer varias horas conversando cos da miña casa e con outros que alí se achegaban na busca de conversa e do calor do forno. Podían teren chegado cando aínda non se empezara a facer o pan, entón agardaban até que saíra do forno, marchando despois en plena noite, por camiños para min descoñecidos e cheos de sombras, cara a onde nos noites de temporal escoitabamos o bruar do mar ao lonxe.

Desde a casa onde nacín até Touriñán non hai máis de cinco quilómetros, pero a min parecíame que quedaba moi lonxe, fóra do meu mundo referencial inmediato. Os mapas mentais non configuran as distancias en quilómetros, senón en experiencias que son interpretadas desde as vivencias inmediatas e as lembranzas. E nese meu mapa mental Touriñán aparecía como un lugar lonxe ao carón do mar sempre bruando, onde a vida era difícil, pero un lugar no que, entendía, abundaba o trigo, mentres nas terras na que eu vivía abundaba o millo e o centeo e o mar era percibido como algo perigoso e descoñecido.

A boa colleita de trigo, que entendía se daba en Touriñán, podía deberse ao argazo co que estercaban as terras. O argazo había que ir sacalo, arrincalo din alí, aos cantís cando o había, polo xeral din que saía dúas semanas despois dun temporal. A xente baixaba polos cantís para sacalo e podían meterse na auga até a cintura, despois había que subilo en cestos até un monte ou camposa, onde o amoreaban até que podrecera. Din que o que saía no Salsar era moi bo. No coído non era tan duro collelo.

Do mar pouco máis collían: algúns restos de naufraxios, as crebas, e peixe que pescaban con vara. Eles non ían aos percebes, nin sabían pescar con outras artes. A xente de Touriñán era, como nos fala o poeta muxián Gonzalo López Abente, "pescantin de longa vara, / labrador de curtas leiras ... a percurar pan nas agras, / peixe no mar polas pedras".

Nos anos do estraperlo chegaban até Touriñán as mulleres do Pindo a mallar o millo e, despois, de noite embarcaban millo e trigo nun barco no areal de Moreira.

Tardei en ir a Touriñán. Non lembro cando foi a primeira vez que fun. Si lembro ir aos lugares veciños e camiñar sobre a crista do monte que separa esa costa, alta e sempre batida, das terras do interior de Muxía. Si lembro que cando estaba na facultade teño pateado A Insua na busca de posibles restos arqueolóxicos, pois un profesor de non moi grato recordo, dicía que podía ser un dos lugares onde se ergueran as aras sextianas. O que atopei nunha ocasión, cando morre o día na crus do lusco-fusco, para dicilo na voz do poeta, foron a catro veciños de Touriñán coa escopeta na man á caza do raposo. Seica se agocha nas furnas e ocos da ribeira e sae cando baixa a marea. Tamén lembro que nunha destas xeiras levoume un veciño e visitamos a un coñecido seu. Nesa casa unha señora maior faloume do Castelo, un illote que está na punta xunto ao faro. Chámanlle O Castelo porque hai restos do que puido ser unha construción de tipo defensivo ou relativa á navegación. Sen embargo nas cartas mariñas e nos mapas aparece como O Herboso, topónimo que se repite en varios puntos da costa galega. Este topónimo terá que ver coa herba que crecía alí. De feito, a señora contoume que ían co carro a buscar herba e collían centolas que quedaban entre as pedras cando baixaba a marea, pois coa marea alta non se podía pasar. E como a unha milla deste illote está a famosa laxe, que aquí lle chaman a Pedra Galluda, a onde foron bater numerosos barcos. Mais non é este o único baixo perigoso desta costa, pois cara ao norte, moi preto do Gaboteiro, nos mapas aparece como Punta Buxeirados, está a Laxe da Insua.

En Touriñán á península que forma o cabo máis occidental da nosa terra sempre lle chamaron A Insua. O poeta dixo que "semella co seu lombo seco e pardo / no medio da solemne soedade / un inspirado e fabuloso bardo / xurdindo da lonxana antiguidade".

Este "índice oucidental forte e barudo, / dedo máis longo da galega man; / soberbo promontorio, monte rudo", podemos dicir que comeza ao pasar o lugar de Campos, o lugar máis occidental da terra que habitamos, onde só hai dúas casas e unha delas ten a data de 1673 sobre o lintel da porta. Os seus lindes estarían entre o coído Boal e a punta Finxil. A zona do coído está rodeada de leiras e campos onde non hai moito aínda estaban cultibadas e pastaban cabalos. Esta zona, coñecida como a Camposa da Insua, pode ser onde engorden os peixes cando chegue "o progreso". Desde aquí até o extremo onde se sitúa o faro, instalado en 1898, había cabras, ovellas e cabalos que "estaban sempre alí". Non era un territorio improdutivo, era un complemento indispensable no sistema agrario tradicional. E o gando, como a xente, ía beber á fonte Tiñosa, onde a auga non sabía ben, ou á fonte Garrida, á que tamén acudían os torreiros para levar auga para o faro, fonte que queda a 1 km e mirando cara a ribeira de Viseo. Cerca desta está o Couciñaduiro, onde os mariñeiros que andaban nesta zona a pescar baixaban para cociñar, porque era un sitio onde podían varar e había auga. Agora neste lugar, dime un veciño, é onde os da piscifactoría queren facer a toma de auga.

Quizais a primeira referencia histórica a esta terra estea no tombo de Celanova, cando o bispo Rosendo dota á súa fundación cuns bens "... in Nemancos insula Touriniana" no ano 942.

Quixen traer aquí algúns dos meus recordos sobre Touriñan para dicir que non hai espazos baleiros e improdutivos, que quen fomenta esa idea son os que aproveitando a inestabilidade económica lanzan a idea do baleiro para a desestabilización social. O territorio de Touriñán, e outros, é o resultado da superposición de territorios anteriores, reflicte feitos históricos que falan da xente que o habitou. Agora fálase en termos economicistas e baixo o falso dilema de progreso ou conservación. Dilema que non podemos aceptar porque o noso patrimonio non se pode medir só por criterios de rendabilidade.