Tópicos interesados: arredor dos símbolos e da iconografía de Santiago

Tópicos interesados: arredor dos símbolos e da iconografía de Santiago

O topónimo da cidade debera ser "Compostela", e o de Santiago deixámolo como nome do Apóstolo pacífico, investido cabaleiro matarife e celebrado nela. En todo caso Compostela de Santiago, xa que os filólogos din que este topónimo deriva de "compositum" =cemiterio" e "estela" que é o fito que sinala un enterramento. Lembremos as estelas funerarias de tantas culturas orientais da antigüidade, e mesmo as galaico romanas, caracterizadas por ese simbolismo ascético, o que partindo do caos inicial que as suxeita á terra coroase en cosmogonía xeométrica, en circos, rosáceas, trisqueles,etc. Compostela: necrópole ó fin e ó cabo do mapamundi.

Invento e realidade proveitosa: camiños de vida arredor dunha tumba.

Tamén, neste país que nos empeñamos en facer e propagar de magos, meigas e máxico, hai outras versións míticas relativas ó topónimo Compostela e que desbordan o maxín: aquelas que se refiren ás sinales divinas, señas, estrelas ou luceiros (¿?) -e que volven tolos ós afeccionados ós fenómenos paranormais- coas que nunha noitiña do ano 813 se emocionou Fiz do Solovio, (o que vivía debaixo da parra de viño, posiblemente bo bebedor) ó marcarlle e descubrir o enterramento do mesmísimo que se dicía santo e distinguido Apóstolo. Iso das pirotecnias e de todo fenómeno ígneo levámolo moi prendido nos xenes por estes confíns e non hai festa sen luceiría de foguetes, nen cemiterio sen lámpadas ou fogos fatuos Eran tempos de razzias que viña do norte e do sur, de Carlomagno unificador, de Alfonso II o Casto de Asturias e do bispo de Iría Teodomiro. Todo un anuncio de principios. E "Se non é vero é ben trovato". E a verdade e que a peregrinación, con todo o que significa de comercio e cultura, o Pórtico da Gloria, Compostela e Galiza, son realidades máis alá das cinzas de calquera ilustre defunto sacro ou profano.

Todo pode ser posible e se non o é a meritoria capacidade de fábula encargarase do resto. Os seres limitados que somo, faremos deste confín estrela, encrucillada de camiños que van e veñen a un sartego singular que se di do amigo íntimo de Cristo. Outros non deixarán de atribuílo ó heresiarca panteísta Prisciliano, espírito que aínda pervive, a pesar de todo neste xeito de ser e facer entre paisanaxe e paisaxe. Os dous decapitados en diferenza de terra e tempo. Escintilar de símbolos para un marketing ideolóxico e comercial en relación co eterno e o efémero, cos enigmas da vida-morte: A cuncha de vieira, a Epifanía, a estrela sobre o sartego... e infindas lendas ascéticas, cantos e contos dos que andan o camiño, dos que e aprende a desprenderse e do que aprende a aprendelo todo como dono e señor.

Universo de símbolos para unir o cabo da vida co da morte...

Labirinto de ritos de pasaxe, de iniciación ó longo dun xeito de "Xogo da Oca" que nos leva polo camiño do Sol, do Oriente ó Occidente, sabendo aturar a sorpresa das aventuras e das desventuras na busca dun Paraíso Perdido, dunha nación negada, aquel co que aínda soñan e se aquixotan os seguidores de Ulises , de Jakson o dos Argonautas, de Breogán de Brigantia... daqueles cabaleiros xenerosos que se xuntan e contubernian poderes, buscadores de cálices para elixires de concordia, entre monstros, trasnos, xanas... ou cantos de serea, como Arturo o dos "Cabaleiros da Táboa Redonda", aconsellado por Merlín e que pasados os séculos serán devocións que se revestirán interesadamente de Santiago, de San Martiño ou de san Xurxo, un xeito de caudillos, de Cid Campeador, adalides de imperios. Entre tantos outros mais humildes santiños andantes, ós que na súa individual e intransferible "peregrinatio" de insatisfeita busca acontécenlle particulares soños de eternidade: o San Brandán que navegou sobre unha illa que resultou ser balea; o San Amaro que na súa andaina a Compostela deixou transcorrer tres séculos como e foran tres días, igual que lle pasou a Ero de Armenteira, o frade que sen darse conta, ante unha fonte e un paxariño entretívose, como se nada, outros trescentos anos, para voltar en si e atoparse cunha realidade diferente... Trahamunda de Poio, unha das cen doncelas que encadeada e desterrada a terras musulmáns, apoiada nunha palmeira e na súa señardade, cavilaba en estar entre a tribo dos seus nas fogueiras do San Xoán ... e nesa noitiña máxica para os galegos fíxose o milagre: a moza e á palmeira, nun tris e pola arte das milagres apareceron no seu Poio natal.... Cousas destes confíns de magos e meigas, que aínda non deron todo o que puideran dar literariamente para seguir a encadrelar fábulas, como fixeron Otero Pedrayo, Cunqueiro, Urbano Lugrís, Seoane...

Pero tamén símbolos, fráxiles, que se manipulan, revisten e disfrazan ó gusto dos poderosos, dos imperios. Velaí o uso e abuso da imaxe do Apóstolo, no que repara a sagacidade e a retranca de Castelao: entronizado baixo o Pórtico ou presidindo o Altar do seu templo, hierática imaxe ou ídolo sedente, ó que se achegan os peregrinos para confirmar a súa andaina, e farano en ritos de pasaxe e de iniciación, entrando no templo, tocando todo, metendo os dedos na columna, dando golpes e unha aperta íntima, facendo cruces, axeonllándose, entrando e saíndo por unha e outra porta, das sombras dun panteón á luz. Imaxe do Apóstolo pacífica, como un patrucio que acouga sobre o caxato do seu maxisterio, cetro ou vara dos sabios, e na outra mau, a cartela, o certificado que o acredita como Xacobe, o "Fillo do Trono". Agarda e recibe á porta da súa casa ó que chega de lonxe para furar na cerna dos misterios. Un novo Xúpiter galaico con grandioso templo dedicado, edificado sobre ruínas máis antigas dunha cidade romana desaparecida, quizais Pría e cunha tumba, un "martyrium"singular, dun xerarca. Todo é posible, incluso que as reliquias dun Apóstolo chegaran á Gallaecia nunha barca de pedra, daquelas que nas rutas con oriente transportaban pedras de estaño, ferro ou ouro... sobre esa posibilidade falábanos o lembrado profesor Rabanal Álvarez.

Tamén a imaxe do Apóstolo representase vivo ou defunto por estes cabos do mundo: na ribeira do río dos Iberos, axeonllado ante a Virxe que se lle aparece sobre un ara ou piar pagán, para pasar a ser castiza Pilarica; ou bautismando cunha vieira e na fonte padronesa de Santiaguiño do Monte a unha régula, a unha princesa galaica, Lupa, a moza que logo sometida polos romanos sería raíña indecisa... a mesma que despois de moitas peripecias permite que o corpo do Apóstolo, levado nun carro de touros bravos amansados e guiado polos seus discípulos Teodoro e Atanasio pase polo Dugium fisterrán, cidade que foi castigada e asolagada, logo polo Monte Ilicino, polo Pico Sagro e que finalmente permitiría que enterraran o corpo santo nunha terra libre de dominio, o Monte Libredón e na Arca Marmórica... Santo Memorial.

O pacifico discípulo pescador que se fai cabaleiro e caudillo matarife

Pode ser que todo o devandito sexa unha invención interesada do século IX para avivar a fe e a paixón e aguilloar á xente fronte ós invasores, cando nestes confíns aqueles "paios" ou "pelaios", se refuxian e fortalecen en antigas covas. Convite á peregrinación, a anovar a e crear vencellos, fronteiras. Velaí a imaxe do Santo camiñante, peregrino, co seu morral, caiado, cabaza, esclavina e sombreiro, coa cuncha de vieira para identificalo como camiñante cara ós confíns do Vello Mundo. Os franceses gustan moito desta iconografía, refínana co "charmais" e o "glamour" que os caracteriza para erguela en altares, levala a relicarios, medallas, acibeches... E mesmo se define a vestimenta de peregrino, coa que se reviste o San Roque e mesmo se amortalla a Raíña Santa Isabel de Portugal, señora do Rei Poeta Denís de Portugal. E tamén, maliciosamente, a imaxe do Apóstolo farase cabaleiro de capa i espada, como un emperador romano que despois de Clavijo, blande ardor guerreiro e bandeira por campos de batalla de imperios. No Renacemento esta imaxe espállase polas terras conquistadas, como "Santo Adalid, Patrón de las Españas", ó que os musulmáns imploran... senón máis despiadado e sanguiñolento, decapitando á destra e á sinistra. A igrexa perde o seu norte, faise racista, inquisitorial, encirra, escolle e separa... cousa que non ten nada de santa.