Ti es de ciencias ou de letras?
A cultura non é só unha parte do saber. A cultura son as artes, os estudos sociais, as tradicións e tamén as ciencias. Ti es de ciencias ou de letras? Desde sempre levamos ouvindo este tópico. Os que fixemos o BUP e o COU, tiñamos que escoller se éramos de “ciencias”, de “letras” ou “mixtas”.
Daquela cando menos tiñamos dezaseis anos ao termos que escoller se éramos de “ciencias” ou de “letras”. Isto ía condicionar non só os estudos posteriores naqueles que íamos ir á Universidade, senón que nos defendéramos da nosa ignorancia ou incapacidade para entender algo dicindo aquilo de “é que eu son de letras/ciencias”. Xa estabamos encadrados.
Lonxe de superarse esa dicotomía “ciencias” versus “letras”, os sistemas educativos que seguiron á Lei Xeral de Educación de Villar Palasí (1970) afondaron nela. O aumento da optatividade provocou tamén que parte importante do alumnado abandonara completamente as “ciencias” ou as “humanidades” (como erroneamente ao meu entender se pasou a chamar o que antes se denominaban “letras”, como se as ciencias non fosen humanas) sen a suficiente formación básica como para comprender unha parte importante do mundo que nos rodea. Por suposto que non se pon en dúbida o inmenso logro que supuxo e supón a escolarización obrigatoria até os catorce anos coa Lei Xeral de Educación e logo até os dezaseis anos coa LOXSE. O que se critica é que non se resolvera nin se vai resolver na futura reforma esa formación básica que debe ser un dereito das persoas.
O que se demanda é a necesidade dunha formación básica holística, integradora e interdisciplinar, que nos capacite como cidadanía formada e con capacidade de opinión e crítica. Unha formación en positivo e non por renuncia a coñecementos básicos de certos saberes por seren aparentemente máis difíciles de entender ou por seren aparentemente tamén menos útiles para o noso futuro laboral. Cando na futura reforma educativa, na LOMCE, un rapaz ou rapaza estea obrigado aos catorce anos a elixir se estuda ciencias ou se estuda historia e ciencias sociais, estase afondando un pouco máis nesa incultura. Estámoslle negando o acceso a boa parte da nosa identidade como seres humanos, estámoslle negando a formación para un pensamento crítico e propio. A igualdade de oportunidades que debe ser o principio básico do ensino democrático e libre significa –entre outras cousas- que o sistema educativo sexa quen de preparar aos estudantes tamén para ter acceso ao coñecemento e á cultura en sentido amplo. Non quere dicir isto que todos debamos estudar o mesmo sempre, pero si que haxa uns mínimos comúns a todos, que non se conseguen con propostas segregacionistas e clasistas como as do anteproxecto da LOMCE, onde ademais o éxito escolar vai estar vencellado tamén en parte á situación socioeconómica do alumnado (formación académica versus traballo manual).
Porque ás veces a escolla ciencias/letras significa responder á pregunta: que clase de inculto es ou vas ser? En moitas das ocasións, o alumnado non elixe as materias que quere cursar, senón as que non quere seguir estudando, das que quere escapar. E logo protesta se ten que estudar no bacharelato Filosofía (pouca, pois xa está reducida ao límite), pois aduce que non lle vai ser útil na súa vida laboral, e por tanto é unha perda de tempo. E isto condiciona a súa clasificación: “Eu son de letras, non sei facer contas”, “Eu son de ciencias, non me fagas ler ou escribir”. Ou incluso pensar!
Unha reacción por desgraza habitual no ser humano é desprezar aquilo que non entendemos ou que non somos. Supoño que é un mecanismo de autoprotección. Así, o de “letras” despreza as ciencias porque non as entende e nos as considera parte da cultura. O de “ciencias” despreza as “letras” porque lle parecen inútiles e pouco prácticas.
Foi C.P. Snow, físico e novelista británico, quen conseguiu abrir este debate na sociedade anglosaxona en 1959, cun relatorio titulado “As dúas culturas”. Defendía que cómpre pechar a drástica separación e incomunicación entre ciencias e humanidades, pois “cando eses dous sentidos se disgregan, ningunha sociedade é quen xa de pensar con cordura.” O cada vez maior corpo de coñecementos e especialización laboral levara a principios do século XX ao sistema educativo británico á separación entre ciencias e letras. E así estamos aínda.
É verdade que a enorme cantidade de coñecemento e tecnoloxía que hai actualmente fan case imposíbel saber de todo, cousa que si se podían permitir un moi selecto grupo de persoas no Renacemento ou na Grecia Clásica. Non se pretende isto. O que propoñemos é superar o polo oposto, a limitación evitábel. Non temos que ser de “ciencias” ou de “letras”. Toda a cidadanía ten dereito a un coñecemento básico que nos permita desfrutar dunha novela ou dunha pintura, entender os fundamentos da economía de mercado, por que hai mareas, ou participar nun debate político. Como dicía o Premio Nobel de Física Erwin Schrödinger: “Debemos insistir, por máis evidente e claro que poida parecer, en que o coñecemento illado obtido por especialistas nun eido limitado do saber carece de seu de todo valor. O seu único valor posíbel radica na súa integración co resto do saber e na medida en que nos axuda a responder á máis premente das preguntas: Quen son eu?”