Tempo de Entroido


Estamos no tempo do Entroido, un tempo que se considera de rebeldía e caos, pero todo está moi controlado para que a orden social non se altere.

Coa chegada da modernidade e o triunfo da "razón", pensaban moitos que as festas tiñan os días contados. Pero non foi así. Moitas desaparecen, pero outras transfórmanse para adaptarse aos tempos e, algunhas, reviven con novos bríos. O que si está claro é que a festa xa non é aquel elemento clave no calendario, algo que marcaba ritualmente o transcorrer do tempo ao rachar o seu paso lineal e ligándoo á natureza. Polo tanto agora a festa ten que resituarse nunha nova concepción do tempo. Outros efectos da modernidade con perniciosa incidencia sobre o ciclo festivo son: por un lado a constitución da identidade máis alá do local, do lugar con referencias ben marcadas simbólica e culturalmente, polo que ás festas incorpóranse novos participantes e, sobre todo, espectadores, simples voyeurs que non participan nin se identifican cos rituais que se están a celebrar; por outro, temos a entrada de novas formas de subxectividade fronte ao colectivo como referente claro de identidades. Pero nestes tempos de predominio do inestábel e do descontinuo a festa actúa, ao igual que outros fitos do patrimonio cultural, como áncoras que permiten apoiármonos como sociedade en algo cimentado na nosa herdanza cultural, en algo que ten a solidez e seguranza que dá a estabilidade e permanencia no tempo e, así, afirmámonos ante un futuro que sempre aparece como incerto e inseguro. O seu carácter de data establecida no calendario xa é unha forma de perpetuación, unha maneira de crear memoria colectiva, aínda que aquí falemos en concreto do Entroido, unha festa móbil, unha festa que non ten unha data fixa no calendario.

Os primeiros estudos antropolóxicos sobre as festas falaban de rememoración dun caos primixenio, da pervivenza de ritos pagás, da explosión de vitalidade e, tamén, de irracionalidade. Hoxe as opinións van por un camiño ben distinto. Para empezar xa non se fala dun ritual illado nun contexto máis amplo, senón dun feito social total e complexo que permite lecturas poliédricas.

Sen dúbida unha das festas máis tratadas pola etnografía e pola antropoloxía no noso país é o Entroido. Dispoñemos dunha certa base bibliográfica sobre o Entroido, algo que nos permite xa avanzar por un camiño ben marcado e posibilita que poidamos ter unha visión cando menos ampla deste importante feito cultural e social. Dispoñemos de monografías sobre aspectos locais desta festa, tamén de intentos máis sintetizadores e de dar visións máis amplas, como tamén temos traballos feitos desde unha certa lixeireza e parcialidade que non serven para estudar esta realidade.

Para empezar falando do Entroido diremos que non é unha supervivenza de certas festas romanas, como as saturnalias, aínda que si se puideron incorporar elementos das mesmas. Todo o contrario, o Entroido nace e consolídase nun contexto medieval e católico. Non hai, polo tanto, "supervivenzas pagás" e si algo que nace cunha idea de control social. Nada de festa subversiva, en tal caso rebeldía controlada para que todo siga no seu sitio.

O Entroido hai que entendelo no contexto da chamada cultura popular e, esta, é un conxunto de elementos que funcionan dentro dunha lóxica, algo que ten a "súa" coherencia. A cultura popular non é un conxunto de cousas raras e inconexas, senón un conxunto de significados que hai que ler en conxunto. Polo tanto o Entroido non é un elemento pagán illado que resiste heroicamente os embates do océano da moral católica. O Entroido é unha festa cristiá que se consolida nunha sociedade europea controlada polo catolicismo. Está estreitamente ligado co tempo de Coresma, ese período que no calendario cristián serve para preparar aos fieis para a morte e resurrección de Cristo, para a Pascua. Polo tanto a Coresma é un período especial de dura penitencia e abstinencia (sexual, xaxún, de comer carne, praceres, diversións, etc.) para a purificación, porque todos eses praceres sensuais eran vinculados pola moral católica co Mal. Na Coresma, ademais, os cregos examinaban aos seus fieis da doutrina cristiá e o que non a sabía era un mal veciño, un perigo social.

Pero para que a vida non sexa só un absurdo val de lágrimas, de vez en cando hai que permitir algún exceso. Así que antes de entrar nese tempo de abstinencia permítense certos excesos, e á Coresma contraponse un tempo de excesos, de carnalidade e luxuria, un tempo no que divertirse e saciarse até que o corpo aguante. E isto é así para permitir que o mundo funcione baixo a normalidade da norma moral e evitar revoltas que poñerían en perigo ese sistema. Permítese o exceso uns días para que o resto do ano todo siga o seu camiño normal: a xente traballe, coma e se divirta dentro duns límites normais e controlados. Tamén para demostrar que non sempre se poden facer excesos, que iso non sería natural, sería algo máis propio do mundo animal, que non ten alma. Polo tanto non se pode entender o Entroido se non é en relación directa coa Coresma e co que esta significa no calendario cristián. O Entroido é un tempo no que o mundo vai ao revés, no que as cousas desenvólvense como a igrexa católica non quer que sexan normalmente. E isto era unha mensaxe pedagóxica: o desastroso que sería unha sociedade que funcione con normas distintas as establecidas tradicionalmente polo sistema dominante. Non estamos diante dunha festa radical, caótica e liberadora, o Entroido é unha festa conservadora, unha festa creada polo sistema para preservalo.

O Entroido galego non é outra cousa que unha variante do europeo, pero peneirado co baruto da nosa especificidade cultural.

Hoxe o Entroido segue vivo pese aos moitos envites que sufriu ao longo do tempo, pero as funcións que cumpre xa non son as mesmas, como o contexto social tampouco é o mesmo. Actualmente o Entroido é, en moitos casos, un simple esteticismo competitivo, algo que se foi dulcificando, que foi rebaixando os niveis que podían ferir a certas capas sociais ben establecidas. Aínda así vemos como cada ano nalgún dos concellos ou vilas galegas hai descontento por parte dos gobernantes e outros que non aceptan as críticas que se lles fan desde algunha comparsa.

Cómo actuarían si se atoparan cun grupo musical contratado para actuar nunha festa e que chegue, non só disfrazados os músicos, senón co bombo rachado, a gaita sen fol, a trompeta é un coleiro, etc., e soben ao escenario para tocar e tocan toda a noite. Estes músicos estaban celebrando plenamente o Entroido, entendían, cousa que hoxe non se concibe, que traballo e diversión non eran cousas incompatibles. Isto ocorreu nun Entroido organizado por un dos casinos que había na vila de Muxía antes de 1936.

Outro caso: a comezos dos anos oitenta do século pasado na miña parroquia quixemos organizar o Entroido desde unha asociación veciñal. Cando pensábamos que tíñamos todo preparado e organizado dous veciños, dos máis vellos, desfixéronos todo e alteraron o noso ordenado programa. Demostráronnos o que era o Entroido.