Temos pasado, temos futuro
A edición dixital do "Terra e Tempo" cumpre hoxe un ano. Si, 365 días que dan unha cifra de máis de 57.000 usuarios únicos ao longo deste ano, cifra da que estamos satisfeitos, mais ese traballo non sería posíbel sen as varias ducias de persoas que colaboran de xeito desinteresado co dixital. A eles, os e as autoras dos artigos, a nosa primeira noraboa. O noso é un proxecto de presente mais tamén de futuro. Temos que dicir que xa están dispoñíbeis na hemeroteca deste dixital máis de 1.200 artigos de opinión. A iso temos que sumar os centos de audiovisuais, libros, documentos, cadernos e álbums que xa están no web ao servizo de todos os galegos e galegas. Somos conscientes de que o Terra e Tempo constitúe -e aínda será máis no futuro- unha fonte de recursos de quen desexe saber máis sobre Galiza e o que pensamos como povo.
A nosa irmán maior, a revista "Terra e Tempo" cumpre 41 anos, nós só temos 1, mais a mesma vocación que ela. Ofrecer información e análise sobre a realidade da Galiza e do mundo desde unha perspectiva nosa, propia. Este modesto produto que ofrecemos todos os días do ano non sería posíbel sen o respaldo da Fundación Bautista Álvarez. A nosa independencia de criterio devén de moitos lugares e non é menor non ter que andar a cubrir custes coa publicidade. Esta obviedade cómpre poñela en valor hoxe, nunhas circunstancias tan difíciles para os medios de comunicación galegos merecentes de tal nome.
Fieis ao espírito que nos levou a poñer en marcha hai un ano este dixital que estás a ler, querémos celebrar o aniversario cun libro que constitúe unha metáfora da nosa realidade, a primeira parte dunha obra de referencia sobre a idade media galega de autoría dun dos xigantes da nosa historiografía, Emilio González López, editada en Bos Aires por Luís Seoane, na Editorial Citania. Non nos sorprende a ocultación e o esquecemento da obra de González López, particularmente aquela na que estudia o período do Reino de Galiza, se temos en conta que o noso autor fai unha achega a este época desde unha perspectiva non sucursalizada e aínda menos homologábel nunha dirección academicista. Así as cousas, a par de González López, figura a recuperar e poñer en valor, aparece Galiza como unha realidade de seu, plena politicamente, desenvolta economicamente e á cabeza do mundo no plano cultural.
Ao longo desta primeira parte do libro "La insubmisión gallega. Mártires y rebeldes" aparecerán figuras tan centrais para a nosa historia como Afonso VII "O Emperador", o Conde de Traba, Xelmírez, Xoán de Andeiro, Roi Soga, Xoán de Gante, Inés e Isabel de Castro ou momentos que resultan determinantes para entender a sorte de Galiza como as orixes do Reino após o século VIII, o florecemento de Compostela como capital de Occidente, ou a relación de Galiza cos países atlánticos e Portugal. Estamos certos de que a lectura destas páxinas non nos deixara indiferentes, sobre o que fomos e o que somos, sobre as causas da nosa situación presente e particularmente sobre o grande descoñecemento da historia de Galiza como reino de seu e a necesidade de rescatar esta parte da nosa vida como povo fechada a cal é canto. Saben eles que na medida que os galegos e galegas descoñezan o seu pasado, os galegos e as galegas de hoxe seguiran orfos na procura do seu futuro. Sabemos nos que na medida que as galegas e os galegos de hoxe coñezamos ese pasado de loita e liberdade, estaremos prestos para seguir esa historia de insubmisión, con mártires e con rebeldes, que permitirá recuperar a nosa soberanía.