Tan perto e tan lonxe
Por iniciativa da AGAL e co selo de Através editora, publicouse recentemente o Sempre em Galiza de Castelao no padrón portugués. Na pasada semana tivo lugar en Compostela o lanzamento público desta edición coa presenza de Francisco Rodríguez e Camilo Nogueira, dous dos prologuistas da mesma. A presentación deu pé a un interesante coloquio sobre a actualidade do obra de Castelao mais tamén sobre a necesidade de traballarmos para un maior e mellor coñecemento mutuo, reciprocamente beneficioso, entre Galiza e Portugal.
Con efecto, a aparición en portugués da obra-chave do pensamento político nacionalista propicia unha dupla reflexión. Dunha parte, sobre a actualidade e vixencia do pensamento de Castelao, particularmente en relación coa lingua e os dereitos nacionais de Galiza, oportuna sempre e máis agora cando se van conmemorar os 125 anos do seu nacemento. Doutra, sobre a escisión histórica de Galiza e Portugal e as súas consecuencias ao logo dos séculos, e de aí tamén sobre a situación presente.
Como ben sinala Francisco Rodríguez na súa achega, "este livro lembra-nos a portugueses e galegos, com palavra incisiva e apaixonada, a história partilhada, mais tarde desfigurada intencionalmente ou simplesmente anulada para a adequar ao statu quo peninsular, o de dous estados que estão tão perto mas tão longe, em prejuízo da Galiza". Castelao apunta os elementos claves da historia común, lonxe da deturpación da historiografía española que o nacionalismo aínda hoxe traballa para contrarrestar, mais tamén da interpretación que lle foi operacional á oficialidade portuguesa. Portugal constrúese en boa medida negando as súas orixes. Non admira, polo tanto, que o común da historiografía portuguesa esqueza a Galiza para facer nacer o Portugal independente "do reino de Castela e Leão".
É de interese mutuo tamén a tese que sustenta Castelao, na liña histórica do nacionalismo, de o galego e o portugués seren a mesma lingua. Tese, aliás, que é practicamente consensual na romanística e, en xeral, na comunidade lingüística, mais que algúns vultos da oficialidade galega se empeñan en negar. E aínda, a aposta pola reintegración política de ambos países a través dunha Confederación Ibérica, para o que sitúa como condición indispensábel a soberanía da Galiza.
No que di respecto á situación presente, é fácil constatar que existe de facto un descoñecemento recíproco da realidade auténtica dos dous países, para alén tal vez dunha minoría cultivada na Galiza e dunha minoría intelectual, aínda mais exigua, en Portugal. O problema real é o coñecemento e a percepción que ten do outro o conxunto da poboación. Entre nós, aínda subsisten os prexuízos face aos portugueses, unha sorte de lusofobia que, no entender de Pilar García Negro, non é máis que unha expresión da real galegofobia, do auto-odio que aínda padecemos.
Por outro lado, é máis que evidente a ignorancia e o desinterese que existe pola Galiza nun Portugal que está fatalmente atraído pola cultura española. Ao dicir trocista e mordaz de Quico Cadaval, os portugueses da Galiza interésanse por un grande centro de peregrinación, El Corte Inglés de Vigo, e outro máis modesto, a catedral de Santiago de Compostela. E na verdade até pode ser bastante certo. Se deramos unha vista de ollos a algún xornal portugués, veremos como é case anecdótica a información sobre a Galiza.
Tomemos como exemplo un dos diarios de maior tiraxe, o Público. Unha simple pesquisa lévanos á conclusión que, para alén das noticias nas que tamén está envolvido Portugal ou portugueses, practicamente non se fala da Galiza. E aínda menos en termos de interese pola súa situación política. De facto, desde a información das eleccións de 2009, a única referencia que encontramos á Galiza é sobre a celebración do Día da Patria deste ano: Milhares de galegos manifestaram-se hoje nas ruas de Santiago de Compostela, em Espanha, para exigir a proclamação da Galiza como "uma nação", num protesto convocado pelo Bloco Nacionalista Galego (BNG).
A desaparición física da alfándega non apagou, polo tanto, as barreiras mentais. A unión de mercado non levou aparellada lamentabelmente a simbiose cultural. Resulta difícil de entender -se nos abstraermos, claro, dos condicionantes políticos- como é que após tantos anos de teórica integración, que propiciou unha crecente relación económica, non sexa natural unha relación política e cultural máis fluída. No ámbito cultural, xa o dixemos, téñense dados paso importantes mais, infelizmente, de escasa transcendencia social sexa en Galiza, sexa en Portugal. No ámbito político, para alén das circunstanciais relacións institucionais, temos apenas un inoperativo Eixo Atlántico e unha Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal que Feixoo vén de desfigurar e baleirar do mínimo sentido identitario coa incorporación de Castela-León.
Mais baixemos ao socialmente visíbel. É aceptábel que anos despois de o aprobar o Parlamento Galego e do compromiso parlamentar do goberno español, en ambos casos pola iniciativa do BNG, non sexa posíbel recibir en Galiza as televisións portuguesas? Non sería normal podermos ler as mellores obras da literatura internacional -cando menos aquelas non lanzadas polas editorias galegas- na variante internacional da nosa lingua. Porén, aínda hoxe resulta difícil encontrar libros en portugués nas librarías galegas. Por que, mentres en Estremadura a Junta promove o estudo do portugués no ensino obrigatorio, o goberno galego o dificulta?
A constatación desta realidade debe servir para continuarmos a axir, procurando en todo o caso sermos máis activos e eficaces. O interese da noticia sobre o Día da Patria, alén da súa excepcionalidade, radica en que grazas a ser cuberta pola Agência LUSA foi amplamente difundida por diversos medios do país veciño. Talvez un pequeno esforzo suplementar para achegar a actualidade social e política á mídia portuguesa dese froitos interesantes. O obxectivo é converter normal, e mesmo en institucionalmente normal, o que hoxe é excepcional.
Oxalá que a difusión do Sempre en Galiza en Portugal contribúa para un público mais amplo se achegar á realidade de Galiza como nación. Mais os esforzos non deben ficar aquí. Para o nacionalismo é fundamental dar a coñecer internacionalmente a causa nacional da Galiza. Moito máis nun espazo que nos é natural. Mesmo para alén das escollas normativas, é claro que unha relación fluente e normalizada entre Galiza e Portugal, quer no ámbito político, quer no cultural, só podería ser beneficiosa para as partes. Do noso lado, contribuiría sen dúbida para situármonos de forma vantaxosa no espazo lusófono, para vivificar a nosa lingua e cultura, e para podermos afrontar con máis e mellores armas a ofensiva da crecente españolización.