Suárez Picallo, pensamento e acción
Unha das preocupacións presentes desde o seu natalicio na xeira dixital do Terra e Tempo é rescatar, divulgar e popularizar o pensamento daqueles que nos antecederon na loita nacionalista, convencidos de que os núcleos centrais sobre os que se asenta o noso proxecto político está presente na súa obra doutrinal, seguros de que o seu descoñecemento é un elemento de confusión para comprender a natureza do movemento do que formamos parte e confiados que a súa lectura, á par de actual, permítenos clarificarnos sobre debates que se nos presentan como novos e que os nosos predecesores xa tiñan superados.
Afirmábamos cando inaugurábamos a sección de clásicos do noso dixital que era obxectivo noso amplialo con máis contribucións, incluíndo textos e autores, a fin de familiarizarnos con eles, pero tamén de facelos próximos a todos e todas nós. Sabiamos que o descoñecemento é sempre camiño aberto para o desprezo, máis aínda nunha realidade como a nosa, onde o patrimonio ideolóxico do nacionalismo de preguerra, foinos nuns casos negado polos que tiñan que transmitilo, noutros manipulado por supostos eruditos que se achegan a eles desde unha perspectiva academicista e por suposto deformado, posto que alí estaban as trabes para artellar un movemento político como o que representa o nacionalismo galego.
Ramón Suárez Picallo, aquel mariñeiro emigrante, fillo dun zapateiro de Veloi, dirixente obreiro e militante comunista na Arxentina, xornalista impenitente na terra e nas Américas, nacionalista desde os anos 20, era ben consciente disto, até o punto de que lle fai chegar estas queixas a Piñeiro a mediados dos 50 ao afirmar que "non é posíbel a galeguización da nosa patria se non lle achegamos aos nosos compatriotas as ensinanzas dos que nos antecederon na loita". As atinadas prevencións do de Sada semellan case premonitorias do que aconteceu coa súa obra, esparexida en centos de xornais ou revistas ou no diario de sesións do Congreso, editadas só nunha pequena parte, que con honrosas excepcións agochan as súas aportacións máis destacadas. Agardamos que coa publicación deste feixe de textos, que hoxe iniciamos, comecemos a valorar na súa xusteza a súa contribución no plano teórico, infravalorado ás máis das veces polo seu papel de dirixente sindical e partidario, pero tamén por esa deformación, tan característica da ideoloxía burguesa, de escindir teoría e práctica.
Hai quen quere ver a Picallo como unha "rara avis" naquel universo do nacionalismo dos anos 20 e 30 pola súa confesionalidade marxista. Nada máis falso e ao mesmo tempo mal intencionado. Marxista era tamén tamén o seu compañeiro de despacho Seoane, ou Tobío, ou López Durá. Coa doutrina da Internacional coqueteou na I Restauración aquel grupo rexionalista de Lugo do que facían parte Aureliano Pereira, Castro e López ou Amor Meilán. Influídos polo socialismo utópico atopábanse a xeración anterior do Banquete de Conxo ou do Rexurdimento Pleno, coa nosa Rosalía, tan admiradora de Fourier, á cabeza. Sen esquecer ao grupo Provincialista, liderado por Faraldo, nos que Brenan veu o primeiro grupo socialista da Península. No fondo esta caricatura do de Sada responde a intencionalidade de escindir aos nacionalistas entre progresistas e reaccionarios, para encaixalos no molde da historiografía académica, que une nacionalismo e conservadurismo, para seguir co correlato sobre a existencia de nacionalismos bos e malos e por conseguinte negar o carácter de avanzada social e liberador que o nacionalismo ten "per se". Picallo non vai ser alleo a este debate e xa en 1928 escrebe "...de nuestro nacionalismo -anhelo de libertad para nuestra Galicia y para todos los pueblos que cual a ella les haya sido arrebatada- al "otro nacionalismo", al chauvinismo imperialista, hay la diferencia que hay de la tiranía a la libertad." ou "Queremos, además, que el nacionalismo luche, no sólo por la libertad política e histórica de Galicia, sino que también esa libertad se traduzca en libertad económica y justicia social para el pueblo gallego.". Outro tanto acontece coa súa visión do marxismo, emparentada coa de Mella e Mariátegui, que o leva ao criticar os posicionamentos do socialismo español, "cousa allea, importada, que quixo apricarse tal como naceu e viviu n'outros paises, con problemas distintos e con distinta mentalidade" e a defender unha vía nacional ao socialismo "un movimento socialista galego, netamente galego, d'acordo coa modalidade do noso esprito, dos nosos problemas agrarios, políticos i-económicos". É innegábel a sólida formación marxista do noso compatriota, en repetidas ocasión tense referido a lectura que ten feito dos clásicos do socialismo, a comezar polos utópicos e a rematar por Lenin e os teóricos da Terceira Internacional, o que se cadra explica a orixinalidade das súas posicións e que a partir del poidamos falar de xeito estrito dun marxismo galego, confrontado ao marxismo en Galiza, entendido como un mero apéndice ou translación ao noso País do programa das organizacións da esquerda estatal.
As achegas estereotipadas ás friccións e confrontos que lle tocou vivir ao nacionalismo nas décadas dos anos 20 e 30, e de xeito moi particular ao final do período republicano, pretenden situar aquel debate en termos homologábeis para as categorías académicas, isto é de esquerda ou dereita, poñéndose o acento nas anécdotas discursivas (cuestión relixiosa, participación na Fronte Popular), sobre o fondo argumental. Así, en coherencia co liña hexemónica do nacionalismo, apostou de xeito decidido polo seu carácter pluriclasista "ao lado do esforzo xornaleiro, necesitamos da axuda de alguns capitalistas xenerosos -desgraciadamente estos contanse cos dedos d'unha man e ainda sobran dedos-". Asemade entendía a unidade como un valor en si mesmo, que implicaba diversidade nos aspectos tanxenciais "o galeguismo conta na súa causa homes de todal-as ideoloxías; que ao lado de liberales probados hay relixiosos" e ausencia de fisuras nas cuestións centrais " o programa de Lugo, con algunhas modificaciós de senso liberal e social, condicionado por unha ampria tolerancia pode ser ainda oxe un programa político". Xa que logo, apostaba por unha estrutura unitaria para todo o nacionalismo, que pola súa complexidade tiña que ser de faciana frontista "o primeiro, o inmediato pra un verdadeiro galeguista ten de ser o reconquerimento pra Galicia da sua condición de pobo ceibe". A lectura dos propios textos de Picallo, persoa preeminente do que se vía como a esquerda do nacionalismo, confirman en boa medida as intuicións que vimos de referir ao inicio deste paragrafo sobre as motivacións reais do cisma que vive o nacionalismo co saída do grupo de Filgueira e de Risco. Nun caso e outro, as posicións expresadas nos manifestos que fixeron públicas e posteriormente na declaración da Dereita Galeguista, non era máis que unha coartada para desertar da causa patriótica.
Non imos referirnos aquí ás intervencións parlamentarias de Suárez Picallo, por ser os seus textos máis coñecidos e por contar xa cunha boa escolma dos mesmos, se ben a súa lectura é recomendábel para decatarse que Galiza existe no Estado cando hai presencia nacionalista e particularmente para analizar o papel que xoga o noso País e que pouco mudou este desde o período republicano. Gustariamos de citar por último o seu extenso traballo xornalístico de divulgación da nosa historia, desde a consideración que o de Sada lle daba á recuperación da mesma para construír un futuro distinto para Galiza. Aquí o noso compatriota sitúase nos espazos comúns da totalidade do nacionalismo actuante no momento e sen ningún tipo de complexos enfronta os relatos historiográficos negadores da nosa existencia de seu. Nesta súa faceta, el que se proclama un home inimigo dos símbolos, recréaos, xúntase a eles, divúlgaos porque sabe "que Galicia sólo será grande cuando reconquiste su personalidad perdida hace cerca de cuatrocientos años". Agardemos logo, que os textos doutro grande Ramón, o Don Ramón de Sada, que hoxe poñemos ao voso dispor, sexa de proveito para un mellor coñecemento de nos pero tamén como recoñecemento a este leal nacionalista.