Sobre as festas e feiras medievais
Ás festas de exaltación gastronómicas de moitos e diversos produtos hai que unir, desde hai varios anos, feiras ou festas, supoñemos que de exaltación da historia, que ofrecen aos asistentes, xunto con bebedizos de variada procedencia e, por suposto, xantares abundantes e exóticos, un mergullamento no pasado, habitualmente medieval, que, imaxinamos, pretenden suplir con grande parafernalia, a historia de Galiza inexistente nos currículos escolares galegos.
Para unha mellor integración no logrado ambiente festivo e doutros tempos, só é preciso os asistentes acudiren ao convite de se vestiren coas roupas axeitadas o que, xunto cos convenientes adornos de rúas, prazas e balcóns, envolve as vilas festeiras nunha grande cenificación complementada coa recreación de algún acontecemento histórico local, ruadas, e postos de venda ambulantes que pretenden reproducir o ambiente da época homenaxeada.
En principio, non ten nada de mao que se realicen a este tipo de eventos para a promoción cultural, turística, económica coa nosa historia como pano de fondo, tan precisada de difusión e popularización como está. Ademais son moitas as vilas do noso país que ofrecen un marco único para estas conmemoracións ao seren mostra palpábel da importancia política e cultural de Galiza e o seu reino, malia as mudanzas experimentadas na súa fisionomía polo propio paso da historia, con ataques ao patrimonio incluídos.
Mais, salvo excepcións moito honrosas que case sempre proveñen do asociacionismo cultural que non lle ten medo á descuberta do propio país, nesa volta ao pasado que asolaga tantas vilas no verán galego, parece que se agocha un intento de revisar a historia non só través da negación explícita, senón tamén da sutil desaparición de calquera elemento que induza, cando menos, a pensar nun pasado histórico plenamente de noso, non subordinado.
Na maior parte destas festas é imposíbel sabermos que é o que se está a celebrar. A parte das vestimentas de aluguer e a decoración patrocinada, non se nos ofrece a posibilidade de achegarnos, aínda que for só un pouquiño, ao contexto histórico, non para volvermos ao pasado, imposíbel fóra da imaxinación, senón para o comprendermos mellor, e de paso darnos a oportunidade de nos imbuír máis no clima que se pretende reproducir.
Tanto desaparece calquera semellanza coa realidade presente ou pasada, que un non sabe se está en Corcubión, en Betanzos, ou en Alba de Tormes (provincia de Salamanca). O peor é que esta falta de orientación non se debe a que moitos edificios e espazos públicos fiquen tapados detrás de grandes lonas coloridas, cheas de escudos e letras góticas, nin a que comerciantes e mercadorías medievais sexan as mesmas aquí e acolá (que tamén), senón a que non hai ningún elemento que poida servir de referencia para nos situar nin non espazo nin no tempo. A sensación é a mesma que se pode ter ao entrar en calquera grande cadea comercial, todas iguais con pequenas variacións, na Coruña ou en Lisboa.
O perfeccionismo que se busca nas decoracións e outros dispositivos, non se ve na lingua dos trobeiros que pasean as súas músicas e cantigas polas rúas nestas festas medievais, e que non desafinan nin deixando fuxir un chisco de sotaque galego, malia as composicións da época estaren todas en galego desde Ortegal ao Miño, ao Mondego e a Toledo.
Dá vergoña a falta de reparo de Concellos e empresas organizadoras en solicitaren á xente que adapte a súa vestimenta desde o calzado á roupa interior, ás supostas esixencias e modas medievais, mentres o interese por que o galego, lingua de calquera actividade na época, ocupe o mínimo espazo é nulo. Nin sequera nesas representacións de fitos locais, utilizados como escusa para a feira e que comezan faltando á fidelidade histórica buscada, no idioma utilizado polos protagonistas que, non por casualidade, non é o noso agora nin o era hai 800 anos. Polo visto é máis barato alugar un traxe de época que usar a nosa lingua.
Se cadra é demasiada susceptibilidade. Sabemos que as festas non teñen nunca ningunha intencionalidade, son así porque si, agás se se fixeren con algo de sensibilidade cara o propio, porque nese caso pode resultar excesivamente galego ou politizado, que é a nova maneira de desprezar por anormal e maquiavélico, o que en calquera outro lugar do mundo sería, e de feito é o normal.
Pretenden facer anormal e estraña a existencia de festas galegas e populares como as que haberá no San Froilán do 2011, mais semella que non se fartan co presente e tamén nos queren roubar as festas do pasado.