Slow Food vs Fast Food: da comida lixo ao xantar de vagar

Non deberíamos utilizar o concepto de novo modelo para algo que en realidade levamos facendo os galegos e as galegas desde tempos inmemoriais. En realidade o termo de novo utilízase para contrapoñelo ao modelo que pretende impor o imperialismo por excelencia. Nada hai máis distante para nos, que gozamos tanto do xantar e da vida pausada, que o que se pretende establecer polas grandes cadeas multinacionais de comida rápida. Porén o "slow food" traducido como "xantar de vagar" vai moito máis alá e propón unha filosofía que leva aparellada oportunidades de negocio sustentábel e mesmo de recuperación da terra.
O movemento ecogastronómico "xantar de vagar" ten a súa orixe en Italia en 1989 como reacción ao modelo de vida e xantar rápidos, e trata de impedir a desaparición das tradicións gastronómicas locais e fomentar o interese pola nutrición, a orixe, os sabores e as consecuencias das nosas eleccións alimentarias.
Pódense sintetizar en catro os puntos fundamentais desta corrente alimentar: dotar de identidade cultural ás temáticas relacionadas coa comida e o xantar, individualizar os produtos alimenticios e as modalidades de produción ligadas a un territorio gardando a biodiversidade e promovendo a súa categorización e protección como bens culturais, aumentar a cultura alimenticia, particularmente das xeracións máis novas, co obxectivo de acadar a plena conciencia do dereito ao pracer e o gusto e por último fomentar a práctica dunha calidade de vida baseada no respecto ao ritmo e o tempo naturais, ao medio ambiente e a saúde dos consumidores.
En Galiza o movemento tivo a súa xuntanza fundacional no salón de actos da Confraría de Pescadores de Lira (Carnota) en febreiro de 2008 tomando o nome de "Convivium Galiza". Como inmediato obxectivo está o de incrementar o número de produtos galegos na "Arca do Gusto" do movemento internacional. Esta ferramenta recupera e cataloga sabores esquecidos e produtos gastronómicos de excelencia recoñecida que se atopan en perigo de extinción, e grazas a ela máis de 800 produtos de todo o mundo están documentados e postos en valor.
Galiza conta con tres representantes na Arca: a Centola de Lira, o millo corvo de Bueu e o Porco Celta. Entre os aspirantes podemos atopar, de momento, a galiña piñeira de Mos, as galletas maruxas, as zamburiñas de Ares e os Mirabeis. Pero non queda aquí o proceso, o seguinte paso é a creación de restaurantes quilometro cero, proceso que conduce a un consumo responsábel e xusto, involucrando a varios axentes que poden atopar nel un modelo de negocio novo e sustentábel.
Os restaurantes quilometro cero acreditados consumen produtos de granxas próximas a eles, de aí o nome, reducindo así a distancia entre o pequeno produtor e o consumidor, podéndose incrementar o control sobre o proceso produtivo de alimentos naturais libres de transxénicos e de elementos non ecolóxicos no seu coidado, ademais de respectuosos co medio ambiente e de alta calidade. Eses produtos son logo elaborados de xeito tradicional promovendo as receitas culinarias de sempre.
Sabido é o grande éxito destes produtos naturais, que os que os cultivan ou coidan venden directamente ao pequeno comercio e que non son nada doados de conseguir polo consumidor se non é encargándoos previamente. As claves son a súa calidade e o coñecemento e a confianza que se ten na persoa que os facilita, pagándose con gusto incluso un maior prezo que normalmente está xustificado. Hai pois mercado neste nicho de negocio que provería aos restaurantes, e este mercado non pasaría por unha maior explotación, que iria en contra da propia filosofía e natureza do proceso, senón por unha maior cantidade de persoas traballando en pequenas explotacións. Como vemos o comercio xusto e o consumo responsábel entran de cheo na natureza do movemento.
Conservar a gastronomía e as boas costumes, que non se perdan os sabores e alimentos característicos de Galiza e cambiar a mentalidade dos consumidores non é doado xa que moitos destes produtos son moi selectos e polo tanto máis caros e de venta máis complicada. Como exemplo o porco celta, en perigo de extinción hai vinte anos, similar ao porco popular pero máis exquisito, que como contrapartida ten menos carne e polo tanto é mais difícil que compense economicamente a súa manutención. O esforzo é, pois, maior, pero paga a pena dabondo.
Un dos principais obxectivos é pois protexer os produtos galegos en perigo de extinción. O abandono da poboación do rural cara ás cidades provoca que se perdan as formas tradicionais de traballar no campo e consecuentemente hai alimentos que se non se protexen van a desaparecer. Non se trata tanto de protexer receitas típicas, poñamos por exemplo o caldo galego, como de velar pola supervivencia de determinado tipo de grelos en perigo. E polo camiño cúmprese outra finalidade, a de reactivar a economía do rural conseguindo o retorno da poboación, obxectivo fundamental que tan beneficioso sería para o noso país.
Nas últimas eleccións municipais, o BNG incluíu no programa dalgunhas localidades o favorecer a aparición e o sostemento de establecementos de xantar de vagar ou slow food. Como complemento pulábase polo mantemento das chamadas hortas urbanas. Este tipo de hortas, que se lle ceden á veciñanza en réxime de alugueiro e cun arrendo simbólico, permiten que a veciñanza que así o desexe, poida cultivar algunhas verduras para o seu consumo persoal. Este sistema revélase moi útil por varias razóns: para aliviar as economías familiares neste tempo de crise e paro, para manter o contacto coa terra por parte das familias inmigrantes, para crear e practicar costumes sans e produtivos e para darlle saída ao consumo de comida ecolóxica que elimine os produtos químicos. Esta actividade complementaríase coa acaída formación dos/das interesados/as que o necesitasen.
Así pois, ocórrensenos moitas actuacións que as administracións poden levar a cabo para fomentar a volta ao rural, a produción de alimentos ecolóxicos e en perigo de extinción e a instalación de restaurantes quilometro cero institucionalmente recoñecidos e postos en valor. Entre elas a realización de todo tipo de actos para dar a coñecer eses produtos enxebres, nomeadamente xornadas gastronómicas. Os obxectivos son tantos e os beneficios tan numerosos que a aposta ten que ser decidida.