Símbolos nosos
Cando a realidade non se mostra precisamente favorábel a unha idea procuramos analizar con obxectividade os motivos que non permitiron a conxunción de ambas as dúas. Persoalmente acabo eu, nestes casos, sempre ou case sempre, indo á praxe do que fomos construíndo para o goce do que nun sentido xenérico chamaríamos a conquista da felicidade. A ruptura, polo tanto, desa egocéntrica idea de ser feliz que nos couta o pluralizar a meta: ser felices, ti e máis eu, nós, todos e todas.
E sempre tamén chego a unha especie de entrada ao ensoño dos símbolos que a nosa cultura foi creando para deixar referencia constante na necesidade de mostralos. Todos eses símbolos creados como representación da forma de realizar o pensamento ou idea, tan ricos e mesmo animados, son fundamento do que, nun hipotético mundo feliz, realizaríamos arreo, non para un momento, senón para toda unha vida.
A sociedade, os mesmos colectivos máis dinámicos da mesma, fóronse mecanizando nos últimos anos até extremos que agora chegamos a padecer con angustia. E digo isto a respecto do que o ser, como tal, quere conseguir na vida con meta no goce, pois se estamos aquí é para gozar, non para sufrir nen torturarnos. A batalla creou esas mostras simbólicas: modelou bandeiras, expresouse con idiomas propios, variados, ricos sempre, creou formas de divertirse, inventou mundos felices nos que os inimigos da felicidade colectiva eran sometidos a xuízo en representación de bonecos ou figuras deformadas e ben identificadas... Que plástica fermosa, que riqueza de cores e movementos, que expresividade achegada aos territorios da perfección. E canto, canto sacrificio.
O capitalismo salvaxe entrou a saco nestas expresións culturais dos desexos para destruílos. Saben os seus actores que destruír a creación colectiva humanizada é símbolo para el dese outro mundo de robot creado para o sometemento e a ganancia, loxicamente, económica.
Parece lóxico que cada quen loite polos obxectivos que ten marcados e definidos. E sería lóxico tamén que os diversos actores actuasen en función dos seus intereses. Mais aquí rómpese esa lóxica, porque os chamémoslle sometidos, desorientados xa ou esquecendo o seus obxectivos, comezan a dar voltas arredor da confusión e da constante contradición. Xa non miran aquilo que é autenticamente popular e fermoso, rico na emoción e na forma de presentalo. Andan a cegas buscando, quizabes, o sorriso de quen os combate ou manipula. O símbolo, así, xa non lles ten atractivo ou, téndoo, non o perciben (O símbolo é paradigma do ser e posibilita en certo modo que as cousas sexan, di J. Olives Puig, no prólogo ao Dicionario dos símbolos, de Chevalier e Gheerbrant).
O símbolo, bandeira de diferenciación que pode abrir conciencias e traer o contraste borrado xa nesta etapa que segue a presumir de democracia, liberdade e benestar, mais, iso si, ferido unha chisca por unha crise que os mesmos que a montaron a van gobernar xa de forma absoluta.
Teríamos que abrir os ollos e caer dese pedestal escuro ao que nos subimos hai tempo, e mirar simplemente o que nos deu fantasía, quimera e a posibilidade doutros mundos posíbeis. E vou poñer un só exemplo de que isto é así e do gravísimo erro no que caemos e que seguimos empeñados en manter:
Hai unha vila no extremo suroriental da Galiza que se chama Viana do Bolo. As súas 35 parroquias organizan cada ano un dos Entroidos máis alegres, vivos e creativos do noso país. Imaxinade 35 parroquias esquilmadas, agonizantes debido á rapina desa Comunidade Europea sacrificadora da variedade económica e do xenuíno, sen a alegría xa dunha mocidade expulsada da súa Terra e que, pese a esta situación extrema, renace cada ano con centos e até milleiros de persoas que nunha especie de milagre aparecen os días de Entroido para animar os folións. Daquela poderemos ver ducias de vellos, nenos e mozos vestidos co fantástico colorido da seda e dos panos e as abarrocadas pantallas levadas polos Boteiros sobre as súas cabezas. Os outros personaxes, as xentes variadas, en folión comunitario, levarán martelos, sachos ou gadañas, cornos, bombos... para tocar un son repetido e diferente por cada parroquia que animará a brincar e recuperar esa alegría natural (da natureza) que a cultura urbana desterrou e sempre condenou.
Un observador atendo decatarase de que os grupos que forman os folións están compostos por xentes que maioritariamente non son de Viana. Todos os vellos e vellas da parroquia, os pouquichiños nenos e nenas tamén, xentes con problemas mesmo físicos... o completo do mínimo que queda. E quen se fixe ben decatarase de que os mozos que están na emigración tran os seus amigos de distintos países para que o folión non morra. E que a maior parte da xente que o forma xa non é de aqui, senón de fóra, de maís aló da Galiza, doutras culturas diferentes.
Mais o domingo Gordo ou día principal do Entroido, alí estarán centos de persoas para desfilar nos folións variados e máxicos ante as autoridades que presiden desde un palco durante toda a mañá. Este ano acudiron os conselleiros de Educación e Cultura. E eu non deixaba de pensar que estes eran os responsábeis de enterrar milleiros de euros na Cidade da Cultura, e que negaran unha mínima axuda para a realización deste Entroido. Unha cultura viva tan propia nosa desprezada polos señoritos urbanos que xa perderon toda sensibilidade ante a nosa riqueza cultural, e por estes gobernantes que combaten calquera forma de diferenciación.
Pero tamén pensaba nas outras xentes máis sensíbeis que loitan polas características que a nós nos diferencian, e que sen embargo se manteñen pasivos ante este tipo de demostración do noso carácter nacional. O máis terríbel que pode ocorrer é ser vítima do prexuízo e non decatarse de que o seu deber estaría en animar durante os longos meses de invernía os traballos de preparación deste Entroido, porque nel está o sentimento nacional, a comunicación colectiva e o motor que daría paso á transformación do sentimento en conciencia: o símbolo, pois, que nos chama cada día e que é garante principal do noso futuro. O seu deber estaría, en fin, en organizar a protesta dos folións ante as autoridades, pois para se mover hai que organizar, e para permanecer hai que combatir.
Hai centos de exemplos da expresión da nosa cultura popular que poderíamos analizar aquí. Pero baste só este para chamar a atención sobre outras formas de actuación máis poderosas para manter a tradición do noso xeito de expresarnos que pasan desapercibidas. Como hai outras formas de chamar a atención sobre os crimes e roubos que se perpetúan cada día noutros países ante a máis negra indiferenza da sociedade autodenominada culta e democrática. Na procura do tesouro o maior equivoco estará en buscalo fóra cando o temos ao noso carón. E na procura de novas actuacións ante a nosa sociedade, para non nos seguir equivocando, estará tamén e principalmente, o esgarabellar na tradición de séculos para reavivala e mesmo transformala. Só así axudaremos a cegar o camiño do xenocidio cultural que os imperialistas de todo signo seguen a avivar. E só así sementaremos as flores e os risos que son antídoto efectivo contra a desilusión planificada.