Ser nacionalista implica ser celta?
O P. Wilhelm Schmidt, eclesiástico, de dereitas, intelixente fundador da importantísima revista "Anthropos", creador da Escola de Viena e antinazi radical, o que o obrigou a se exiliar en Suíza, empregaba, como misioneiro, aos membros da Sociedade del Verbo Divino para a recolla de datos etnográficos das máis variadas culturas indíxenas entre as que aqueles facían proselitismo.
Un deses misioneiros schmidtianos, dos que os estudantes chamarían chapóns, pero sen luces, indignouse cuns aborixes oceánicos, porque, segundo o esquema teórico de gradación relixiosa do padre Schmidt, estaban nun nivel de relixión distinto ao que lles correspondería pola súa cultura. Foi, precisamente, a rixidez na correlación dos feitos entre horizontes etnográficos e estadios arqueolóxicos a que motivou que esta grande Escola de Viena perdese forza e cedese o terreo a outras metodoloxías.
Se o historiador Georges Duby dixo que a Historia é tan só un xénero literario, Clifford Geertz, recoñecido mestre da Antropoloxía Postmoderna, defendeu que un texto antropolóxico non é máis ca outro discurso ou relato, igualmente literario. Non é, segundo el, unha ciencia, polo que precisa que o autor sexa coñecido e identificado para poder ser interpretado. En canto á idea, podo dicir que concordo con ámbolos dous investigadores, pero engadindo que este pensamento non é precisamente recente e, entre nós, o introdutor do celtismo, Verea e Aguiar, deixou dito, en 1838, que "a Historia ten que ser a parte máis instrutiva, máis útil e agradable da literatura". Nihil novum sub sole, como dixo Cicerón, que tamén non foi el o construtor do repetido dito.
O romanticismo decimonónico, procurando para o pobo galego unha identidade baseada na prehistoria, espallou en verso a idea de Verea, retomada con forza e criterio científico por Murguía. Os poetas como Pondal chegan ao pobo, e o século XX arranca con Irmandades da Fala, Covas Célticas, Xeracións Nós e Seminarios de Estudos Galegos constituídos por homes bos e xenerosos que insisten no diferencialismo da nosa terra. E, cando Florentino López Cuevillas, a mediados de século, publica o seu soberbio compendio, faino baixo o título de "Civilización Céltica en Galicia", aínda que a verba celta, practicamente, só apareza no título. A Gallaecia do norte xa era consciente de ser distinta: era celta. O mesmo que a Gallaecia do sur do Miño, malia tratarse da mesma cultura, tiña seguridade, porque así o quixo o Imperio Novo de Salazar, de que era Lusitana. Estamos diante de identidades políticas, non científicas, o mesmo que cando os revolucionarios franceses se dedicaron a cortar cabezas e a expulsar a aristócratas francos alén do Rin, reivindicando unha primitiva patria gala. O conde de Gobineau enxalzou a nobreza dos francos fronte ao que Toynbée considerou unha pedantería do pobo revolucionario. En Inglaterra, país no que, hoxe, día 9, penso falar sobre estas cuestións na Universidade de Cambridge, considéranse anglosaxóns, quedando para os científicos os pobos, de linguas célticas ou non, que habitaban a illa ata a chegada destes bárbaros históricos.
Os galegos queren ser celtas, sen se parar a pensar que, non sendo que aceptemos a idea de que aquí estaba a súa patria orixinaria, que despois da glaciación se espallaría por toda a Europa Occidental, os celtas chegaron ata aquí e eliminaron, do xeito que fose, aos antigos e orixinarios galegos que nesta nosa terra habería. Eu, xa que logo, podo preferir ser máis galego e chorar polos que os celtas invasores aniquilaron. Todo iso está moi ben; pero non ten nada que ver coa ciencia histórica.
No ronsel do postmodernismo, púxose de moda elaborar traballos nos que se estuda a obra dun autor, partindo do coñecemento que se ten da súa vida. Eu mesmo teño feito algo así, hai anos. Realizáronse mesmo teses de licenciatura nas que se pretendía seguir esa metodoloxía; pero, en contradición con ela, partiuse do apriorismo de que, xa que os investigadores galegos desde Verea en diante decidiron que Galicia era diferente do resto de España, porque era celta, tódolos actuais nacionalistas galegos tiñan que seren celtófilos e considerárense celtas. Feito o traballo, admiráronse, o mesmo que o misioneiro schmidtiano, por aquilo de que o que máis se asemella a un parvo de dereitas é un parvo de esquerdas, de que, hoxe, a case totalidade dos que defenden o celtismo de Galicia non se caracterizan, precisamente, por seren nacionalistas galegos e mesmo adoitan escribir sempre en español. Outros, nacionalistas militantes e confesos, coma min, somos distintos ab-oríxenes ou, se o prefiren, percibimos unha orixe diferente do noso pobo.
Tivo senso, en 1838, reivindicar unha etnia distinta, como a celta, para construír unha terra, unha patria con características propias; pero podo asegurar que, se, hoxe, pretendemos diferenciarnos do resto da Península, non é boa idea escoller ser celtas, non sendo que queiramos pertencer a unha Unión Europea prehistórica, pois onde si houbo xentes de fala céltica documentada foi precisamente na Meseta, en Andalucía, no sur de Portugal... Se Verea e Aguiar vivise no 2011, el, que era intelixente e sabido, non tería elixido os celtas como pobo da nosa orixe. A min chégame con ser galego, con ser membro desta comunidade que tódalas xentes que pasaron pola nosa nación galega contribuíron a forxar. Como dixo Ernest Renan, en 1882, naquel fermoso traballo no que se preguntaba que era unha nación, "O francés non é nin un galo, ni un franco ni un burgundio. É o que saíu da gran caldeira onde, baixo a presidencia do rei de Francia, fermentaron conxuntamente os elementos máis diversos".