Santiago o Maior, apóstolo galego

Santiago o Maior, apóstolo galego

Que non se deixe enganar o lector polo título deste artigo, o apóstolo Santiago, o seguidor de Xesús, non naceu en Galiza, non viviu no noso país e na miña opinión os seus restos non descansan na cidade de Compostela, claro que isto é tan só unha opinión persoal.

Tanto os defensores coma os detractores da autenticidade dos restos conservados en Compostela esfórzanse por afianzar a súa teoría con novos datos históricos.

Non vou entrar nesta discusión, impórtame moi pouco se os restos conservados son os de Santiago ou de Prisciliano (teoría aparecida no XIX e aínda vixente) xa que iso é secundario se temos en conta todo o que orixinaron eses restos, que converteron a cidade de Compostela na capitalidade, xunto con Roma, do mundo cristián.

Tampouco vou entrar na discusión de se Santiago predicou ou non en Hispania, mellor sería dicir, máis correcto polo menos, na Gallaecia, tal e como recolle o beato de Liébana nos seus Comentarios á Apocalipse de San Xoán (776-786). Cando o beato afirma que Santiago predicara en Gallaecia non o fai por ser nacionalista galego, nin moito menos, faino porque na época en que escribe a Península Ibérica estaba dividida en dous territorios: o conquistado polos musulmáns, ao que se lle chamaba Spania, e o libre, alleo á presenza militar árabe, denominado Gallaecia. Este feito, importantísimo para entender a nosa historia e por ende a historia do estado español, foi esquecido, por non dicir borrado, das historias oficialistas, reducindo ata o grao máis ínfimo o importante papel xogado polo Reino de Galiza.

As preguntas de se Santiago predicou ou non en Gallaecia ou se os restos conservados en Compostela son os do apóstolo son secundarias. A pregunta verdadeiramente importante é a de por qué tanto a predicación coma a presenza dos restos de Santiago son vinculados con Galiza e non con outra parte do estado español?

A esta pregunta déronselle distintas respostas. Sánchez Albornoz apuntou a idea de que a monarquía asturiana potenciara o culto a Santiago en Galiza para apoiar ao estamento eclesiástico en detrimento da nobreza galega. Para minorar o poder desa nobreza, que no século IX quitaba e poñía reis, a monarquía potencia un poder eclesiástico forte e leal ao rei. Na visión de Sánchez Albornoz deixase claro que a monarquía é asturiana e polo tanto allea a Galiza e ao seu territorio. Na visión de Albornoz, por moito que o intenta, non se pode ocultar o papel destacado que a nobreza galega estaba a xogar nese momento. Debía ser moito o seu poder cando se fai necesaria a potenciación do outro estamento para frear aos nobres galegos, os mesmos nobres galegos que acudiron en axuda do rei Ramiro, ao que colocan no trono do que fora expulsado.

,Realmente os supostos restos do apóstolo Santiago xorden en Galiza porque é o único lugar no que pode xurdir, porque é aquí onde é necesaria a súa aparición.

Os historiadores sitúan a aparición do sartego na primeira metade do século IX, nun momento en que o Reino de Galiza estaba a loitar cun poderoso Califato de Córdoba, para o cal aínda non significábamos unha ameaza, pola nosa escaseza de forzas militares. Tamén loitaba Galiza contra o imperio franco de Carlomagno quen, contando co apoio de Roma, quería converterse na única potencia militar cristián.

Ademais disto a igrexa galega quería desvincularse da igrexa de Toledo. Porque para ter un reino totalmente independente ademais dun territorio, dunha monarquía, dunha cultura e dunha fala necesitas unha relixión propia. Por iso cando aparece ese sartego en Compostela vese nel o elemento unificador entorno ao cal aparecerá unha nova igrexa galega, independente xa da de Toledo, e un novo reino. Xa non é o reino de Galiza, é moito máis, agora é o reino cristián de Galiza. Os musulmáns tiñan a súa cidade santa, a Meca, os cristiáns tiñan Roma e o novo poder que xorde, Galiza, ten Compostela.

A invención ou aparición do sartego de Santiago non é un fenómeno creado por un rei alleo ao noso territorio para minguar o poder da nobreza galega tal e como ata agora nos contaron. O famoso sartego é algo que os propios galegos creamos para darnos unha unificación relixiosa e diferenciarnos dos cristiáns non galegos. O sartego de Compostela é unha das pedras básicas sobre a que asentamos a nosa independencia tanto política como relixiosa.

Cando no ano 1920 a Asemblea das Irmandades da Fala celebra o día Nacional de Galiza, o 25 de xullo, día de Santiago, sabían moi ben porque o facían, sabían moi ben a significación que tivera para Galiza a aparición do corpo do apóstolo.

Iso tamén o sabía moi ben a ditadura franquista que converteu o elemento unificador galego no patrón de España, polo tanto Santiago deixaba de ser galego para converterse en español.

Non conseguiu a ditadura acabar co sentimento nacionalista que tiña a súa festividade o 25 de xullo, nin tampouco os gobernos galegos da transición, que prohibiron e reprimiron violentamente as manifestacións que conmemoraban o Día da Patria Galega. Para min a única denominación correcta para este día.

Santiago, o fillo de Zebedeo, o apóstolo de Xesús non era galego, mais o apóstolo Santiago aparecido en Compostela, sobre o cal se crearon os Camiños de Santiago e sobre o cal se organizou un novo reino cristián, o galego, ese, ese si era galego, porque é algo que nós creamos para nós.