San Xoán: tradición, fogueiras, sardiñas e aculturación

San Xoán: tradición, fogueiras, sardiñas e aculturación

As tradicións, que son convocatorias ás instintivas e sabias chamadas do pasado, poden mellorar, sofisticarse, esperpentizarse ou corromperse. E como todo as tradicións tamén viran, mudan e cambian... e aínda, a pesares de deturpalas, nelas sempre queda o pouso dunha solemne mensaxe ancestral.

Nestes amenceres que arrodean o solsticio de verán, cando na tradición se acendía o "Lume Novo" e se limpaban as lareiras do remol pasado, algúns curiosos avivarán a súa ansia de saber: pacientemente estarán atentos, horas e horas e se as nubes o permiten, ante os vellos altares megalíticos para ver o xogo sedutor dos raios do Deus Sol cos pétreos fitos megalíticos, de vida e morte, erguidos sobre a Terra. Non faltan á cita cofrarías de novos druídas e bardos que afinen súas liras, vestais vestidas de branco e coroadas de flores, organizado ritual ante as ergueitas pedras fitas, afiadas cara ó ceo, "Standing Stone", título tamén dunha composición clásico-céltica de Paul Mccartney, acaída pro evento. Concorrencia asombrada, coutada entre os circos de pedra, ou entre a pesada arquitectura das chantas dos dolmens... as misteriosas pedras da soidade, no resto dos días compañeiras das bestas bravas, do gando do vento, do cavilar labrego... Non faltarán a cita anual para descubrir o xogo agarimoso do sol roxo da alborada que fura baixo os linteis, entre as chantas e entra polos corredores das antas para iluminar a negrura da ultratumba. Velaí o principio-fin dos enigmas. O son da gaita e do pandeiro, seu ecoar, non atopa mellores escenarios. Concorrencia en Stonehenge, nas chairas inglesas de Salisbury, en Avebury, en Brodgar, os circos de pedras das illas Orkney, no túmulo de Newgrange das ribeiras do Boyne da verde Erin, en Carnac e na illa de Gavrinís no Morbihan da Bretaña, entre os alineamentos dos Almendres da Evora lusitana... e o pondaliano e noso Dombate acorazóuse demasiado e por exceso de celo a todo fenómeno natural.... os enigmáticos altares fecundativos de San Guillerme de Fisterra, o Pindo, o Monte Seixo nas terras de Montes, o Monte das Chantas no Valadouro....altares da Serra Faladoira, pedras que falan soias no silencio do tempo para quen teña afiada a sensibilidade da Terra. E haber hainos e hainas con algo prendido do espírito panteísta e animista de Prisciliano ou do mago Merlín. Un canto o sol.

Moitos herdos da Galiza megalítica, castrexa e ancestral afloran co lume e o serao da noite de San Xoán, a que nos emperramos en chamar "meiga", como a tantas cousas incomprensibles diste noso labiríntico cabo do mundo. O caso e que toda maxia e misterio atrae a curiosidade, e onde hai atracción hai concorrencia e feira. Principio imperecedoiro nas relacións e no marketing comercial. Pois velaí compre aproveitar as chamadas do instinto cada vez que o almanaque da a volta a redor do Sol e celebramos equinoccios e solsticios. Agora toca o solsticio de verán, a despedida da primavera. Cando o ritmo do sol coa auga, a terra e o aire, os Catro Elementos en harmónica conxunción, farán que as flores se vaian convertendo en froitos maduros. Compre celebrar a festa da vida e dar renda solta ós instintos, ás vellas tradicións que levan a relacionarnos, a socializarnos. Agora aqueles escenarios de encontro, de feira e festa, están asfaltados ou cementados, galonados por todo un catálogo de mobiliario urbano. Polo campo todos son valados de aramio, con somier por cancela, setos de tulla delimitando propiedades de chalets, as campas urbanas de feira e festa trocáronse en aparcadoiros ou escaparates da ilustración municipal de cada momento. Non queda sitio aberto, permitido e controlado para celebrar a tradición de xuntarse arredor do lume na noite do 23 de xuño . Noite curta que abre á celebración do profeta entoleirado do Bautismo. Soamente queda a praia inmaculada, os brancos areais formados pola eterna moenda das ondas, debullando o nacre das conchas... exclusivos altares de aquelarres para as viúvas dos vivos, as meigas de Coiro na Praia de Areas Gordas, no Mar de Cangas. A praia era considerada sacra na tradición, o baño, a pureza, a fartura, a vida entre os encaixes de puntilla das ondas. Nove ondas na Praia de Nosa Señora da Lanzada a bater no ventre das mozas. Noite, lúa e sal, e si acaso o dardo de luz dalgún faro a muiñar e petar intermitente, querendo contar unha mensaxe antiga.

Cada San Xoán, como a Festa dos Magostos, o Nadal, o Entroido, os Maios...son festas, chamadas da tradición agraria, a que tanto da de xantar a urbanitas como a ruralitas. Homenaxe á vida, con luz, canto e quentura de lume, cos produtos da Terra, que no San Xoán son sardiñas asadas que mollan o pan, pementos, cachelos...o que complementamos con outras xenialidades particulares, ate ben entrado o sol dun novo día.

Por tanta interferencia, manipulación e supermercadeo a tradición degrádase e corrómpense. Hai quen entende a socialización con botellón, nocturno e con aleivosía, e velaí a festa da noite maiúscula, o macrobotellón, a superdose de todo, de viño adulterado en cócteles vomitivos, decibelios, lixo, vandalismo a renda solta.... As musas e as meigas da tradición foxen polo horizonte escuro, desnortadas, amarrándose á luz do Faro. Nos novos libros alguén dirá que a tradición de facer as fogueiras sobre as brancas areas das praias viña de antigo. Deica o noso pasado a festa era nas campas abertas, nas eiras, no cimo dos fachos e mesmo na porta de cada casa, lonxe das lagoas e do respectado mar das engaiolantes sereas, das castigadas cidades asolagadas, as que deixaban escoitar o laido das súas campás. Casas e campas que noutrora e por este tempo se engalanaban con grinaldas de xestas e campaíñas floridas. Namentres na soleira das ventás deixábase ó serao da noite unha xofaina con auga mesturada con franciscanas e humildes flores, sabugo, romeu, margaridas ... para na mañá seguinte, nun novo rito de anovación, servir para lavarse, un anual bautismo, lembranza de que formamos parte da Terra e deste planeta no que mandan os Catro Elementos, a máis da Banca, a Empresa, a Relixión e a Milicia, adobados polos medios de comunicación.