San Simón: De como "aillar" aínda máis a memoria desta illa
Semella que o obxectivo é borrar o rastro do sucedido na illa de San Simón. O proxecto que presenta a Consellaría camiña cara a incompatibilidade da súa dinamización cultural e turística co feito incuestionábel de que "San Simón" foi o corredor da morte de milleiros de persoas que agardaron sentenza nese paradisíaco lugar e que vivían cada segundo coma se fóra o último, saboreando cada mirada, cada conversa, cada sorriso, cada bágoa...
Sen entrar nas causas políticas de quen obedece a unha pesada herdanza ideolóxica que parece incapaz de superar, simplemente desde a perspectiva puramente comercial, mesmo excluíndo todas as outras consideracións que para moitos teñen máis importancia, esta decisión é un despropósito.
Certamente, o anterior goberno soubo demostrar que era compatíbeis e rendíbeis o uso deste espazo como lugar da memoria coa súa promoción turística e aínda que quedou a medias o seu desenvolvemento, é concluínte que desprezar este aspecto é empobrecer a oferta e o atractivo deste "produto". Poñéndose xa na posición dos que só teñen unha concepción economicista, queda en evidencia o carácter militante, exclusivamente partidista, de quen desbota esta dimensión.
Se Auschwitz recibe ao ano 1 millón 300 mil visitantes non é pola súa beleza natural, e se manteñen enchufado o mausoleo de Lenin non é porque os gobernantes actuais de Rusia lle teñan simpatía, senón porque recibe mais de un millón de visitas (3000 diarias). A memoria vende. E administracións de moi diferente signo teñen iso claro, só desde unha cegueira ideoloxista moi torpe se podería caer na tentación de mudar de política a respecto da illa de San Simón, desprezando un reclamo máis ao que só se lle fai unha referencia obrigada sen ningún contido detrás.
Isto, o beneficio crematístico, para asociacións sen "animo de lucro" como as que se dedican a recuperación da memoria histórica non é obviamente a razón do seu desasosego, máis si que lle resulta preocupante pois aínda que houbese distancia ideolóxica entre os novos administradores da Illa e estas entidades, si que cabía, cando menos, poder chegar a un punto de encontro entre uns e outros pola posibilidade de confluír o interese económico e o memorialista.
O 18 de xullo do ano pasado, como xa é tradicional fíxose unha homenaxe na Illa aos presos que alí estiveran e aproveitouse para ter unha xuntanza entre diversas asociacións que manifestaron a súa inquietude, facendo pública unha declaración na que se alertaba sobre o cambio de política que se viña detectando sobre este asunto. Diante do curso dos acontecementos, o día 5 de xaneiro de 2010, 18 colectivos asinaron un manifesto que a respecto da Illa dicía o seguinte:
"Perante o cambio de usos para a Illa de San Simón, demandamos que a mencionada illa sexa considerada "Lugar da Memoria" de especial significación na historia de Galicia e como tal debe ser sinalizado, patrimonializado e promovido, de maneira que alí se poidan desenvolver todo tipo de actos de recoñecemento, homenaxe e difusión da memoria de todas aquelas persoas que sufriron a perda da vida e da liberdade por ser demócratas".
,
Finalmente, no día 28 de maio fíxose unha presentación do proxecto que a Consellaría de Cultura ten para a Illa de San Simón, e confirmouse as sospeitas que apuntaban na dirección de relegar a memoria histórica a unha cita baleira. Diante disto acordouse urxentemente enviar un comunicado e solicitar unha entrevista co novo xerente da Fundación "Illa de San Simón" que se concreta nas seguintes demandas mínimas:
1º) Se respecte a musealización xa acometida na Illa en lembranza da Colonia Penitenciaria, incluíndo a exposición, as placas de homenaxe e as distintas propostas estéticas xa realizadas.
2º) Se facilitan as visitas de grupos promovidas polas asociacións memorialísticas.
3º) Se leva a cabo o Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón nun prazo razoable de tempo.
4º) Se permite realizar o acto que, dende o ano 2006, se ven celebrando o día 18 de Xullo na Illa como homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en Galiza.
É de agardar unha resposta favorable da Fundación e da Consellaría, e que os que ocupan hoxe esas responsabilidades asuman unha postura institucional e non exconcluintemente partidista, tal como están dispostas a facer as diferentes asociacións de recuperación da memoria histórica, polo ben dun patrimonio común que sería unha irresponsabilidade dilapidar.