Salvemos a cabo Seixas! Antroponimia, memoria histórica e dignidade
A TVG é un instrumento fundamental e imprescindíbel para a preservación da nosa identidade e, en particular, da nosa lingua. Ese foi mesmo o obxectivo que xustificou a súa creación. Por iso debemos estar vixiantes co seu cumprimento e sermos esixentes co tratamento que reciben os temas relacionados con esa identidade lingüística. Tamén acho que unha TVG con ampla audiencia é unha das mellores armas para a normalización do galego e, por tanto, non partillo as actitudes de descualificación xeralizada dos programas que emite. Neste sentido, debo dicir que hai series feitas con moita dignidade e que, en xeral, manteñen unha alta calidade lingüística. Fórono no seu tempo "Mareas vivas" ou "Pratos combinados", por exemplo, e hoxe estano a ser "O Padre Casares" ou "Matalobos". Mais acho nelas algo que, desnecesariamente, atenta contra eses valores que debe defender a nosa televisión pública. Trátase dalgúns nomes ou apelidos de personaxes que adoptan unha forma castelanizada ou deturpada, como é o caso de "Josito" na primeira das series citadas e da cabo "Seijas" na segunda. Dirase que son formas hoxe utilizadas no país, mais tamén o son igualmente "calle", "abuelo" ou "bueno", que con moito bo criterio non aparecen nestas series.
Paréceme especialmente grave o caso de "Seijas", bárbara deturpación dun apelido tan galego como "Seixas", da mesma base etimolóxica (latín saxu) que "Seixo" ou "Seixal". Dármoslle carta de natureza galega na TVG a esa forma falsificada "Seijas" é asumirmos a posición de colonizados e convertermos en irreversíbel un proceso legalmente rectificábel, alén de atentario contra a nosa dignidade individual e colectiva, pois se a toponimia é importante, tamén ten moita importancia a antroponimia, tanto os nomes propios como os apelidos, con frecuencia vinculados á toponimia. Os nomes propios son máis efémeros e dependen moito das modas, en canto os apelidos permanecen na transmisión xeracional; de aí a súa especial importancia. A toponimia foi felizmente restaurada na súa maioría, mais a antroponimia aínda non. A ruptura da harmonía entre ambas pode producir situacións esperpénticas: Juan Villanueva vive en Vilanova, Luís Teijeiro naceu en Teixeiro ou aquel famoso Soy Rajoy y voy a Raxoi a unha junta de la Xunta.
A nosa antroponimia presenta tal grao de alteración e deturpación que se converteu nunha das máis estragadas dentro do conxunto dos idiomas romances, afectando de forma moito importante aos apelidos e de modo case completo aos nomes de pía: Paio, por exemplo, tan frecuente noutros tempos, desapareceu practicamente. Se desfigurar ou ignorar propositadamente os nomes ou apelidos é unha maneira de menosprezar ou degradar as persoas, deturpar ou traducir como criterio xeral a toponimia e a antroponimia dun país é unha forma eficaz de o humillar e colonizar, contribuíndo para anular a súa personalidade e para borrar a súa memoria histórica. Que ficará dun pobo con historia de seu cando se consiga eliminar toda a toponimia e a antroponimia tradicionais e se substitúan por outras deturpadas ou estranxeirizantes?
A preservación do propio nome é un dereito básico. A ninguén se pode privar, contra a súa vontade, do nome e dos apelidos que recibiu de seus pais. Mais iso foi o que historicamente aconteceu na Galiza. Podemos afirmar que tal alteración dos nomes e apelidos das persoas galegas en tempos pasados atentou contra a memoria histórica do país, contra a identidade das persoas e inclusive contra os dereitos humanos. Se unha persoa se apelidaba Teixeiro, por exemplo, a transmutación en Teijeiro foi un atentado directo contra a súa identidade, pois o apelido é un medio de identificación dun individuo como pertencente a unha familia e a unha comunidade, singularizándoo entre outros moitos; cando nacemos recibimos un nome e uns apelidos que nos converten en seres únicos dentro do universo, como unha nova estrela do firmamento; o propio nome reafirma a nosa personalidade singular, como poetizou Manuel Antonio: EU SON! / O meu nome / acenderá unha estrela nova / en cada constelación.
A negación do propio nome é igualmente unha forma de degradación da persoa, rebaixando a súa autoestima e a orixinar complexos de inferioridade. A bárbara castelanización, ou en moitos casos pseudocastelanización, dos antropónimos foi imposta na Galiza como consecuencia da xeral imposición dunha lingua allea a partir de fins da Idade Media. Nese proceso de imposición lingüística desprestixiouse o idioma galego e decreceu a autoestima dos galegofalantes, chegando algunhas persoas a renegaren dos seus apelidos e a colaboraren na deturpación castelanizadora.
O obxectivo era borrar as marcas máis visíbeis da existencia dunha comunidade con lingua e cultura de seu; e iso produciu nuns casos a castelanización da forma galega (Puente por Ponte), mais noutros moitos casos o que se conseguiu foi a simple deformación pseudocastelanizadora da forma lexítima (Teijeiro, Ameijeiras, Seijo, Seijas) ou a bárbara hibridación (Carvajal). A castelanización é, pois, o obxectivo, mais non sempre se logra, tanto por dificultades propiamente lingüísticas como pola ignorancia dos axentes deturpadores. Na castelanización dos apelidos seguíronse as mesmas pautas que na toponimia, coas correspondentes equivalencias e ou traducións: Souto -> *Soto, Outeiro -> *Otero, Montouto -> *Montoto, Salgueiro -> *Salguero, Cabaleiro -> *Caballero. Tamén se produciron numerosos híbridos: Carballo -> *Carvajo, Soutelo -> *Sotelo. Igualmente, a alteración deturpadora dos apelidos galegos afectou aos formados por un sintagma composto de preposición de + artigo + substantivo mediante a falsa segmentación da contracción da preposición co artigo (da Ponte -> *De Aponte, da Cuña -> *De Acuña), mediante a eliminación da preposición con aglutinación do artigo ao substantivo (do Campo -> *Ocampo, do Pazo -> *Opazo), mediante a eliminación da preposición e o artigo (do Barro -> *Barro) ou pola simple tradución (da Fonte -> *de la Fuente).
Moitos dos nosos apelidos foron deturpados aínda a finais do século XIX, cando se xeneraliza a inscrición nos rexistros civís, por un funcionariado castelanizado que normalmente era analfabeto en lingua galega e que cometeu auténticas barbaridades no desempeño do seu labor, con interferencias da ortografía castelá e tendo tamén en conta a ausencia naquela altura dun estándar culto do galego. Como imos, entón, dar por válido agora un procedemento corrompido desde o inicio? Hai que outorgar carta de natureza a unha aberración histórica pola simple razón de que xa está feita? De ningunha maneira. Felizmente, grazas tamén á batalla dada no Congreso polos deputados nacionalistas galegos, comprometidos coa lingua, hoxe é posíbel restaurarmos os nosos nomes e apelidos, xa sen problemas legais que o impidan. Non se debería, pois, repetir nunca máis aquela lamentábel situación, contada por Lesta Meis nun breve artigo publicado n´A Nosa Terra no ano 1924, e que tantas veces se debeu repetir en diferentes lugares do país, cando unha señora chega a un xulgado dicindo que se chama 'Fulana Meixide' e o funcionario lle espeta aquilo de que Usted se llamará Fulana Meigide.
Cada un de nós ten hoxe a oportunidade e a responsabilidade individual, xa sen impedimentos legais, de recuperar para si propio e para os seus familiares máis próximos a forma auténtica do seu nome e apelidos, contribuíndo desa maneira a devolver ao país esa parte de identidade colectiva perdida e a súa memoria histórica. Así como a restauración toponímica é unha competencia e unha responsabilidade dos poderes públicos, a restauración antroponímica depende directamente, hoxe por hoxe, da vontade individual. Neste sentido, sería bo que as persoas máis comprometidas coa defensa do galego e da nosa identidade -estou a pensar no profesorado de lingua e literatura galegas ou en deputados/as e dirixentes nacionalistas- desen exemplo e mudasen os "Blanco", "Otero" ou "Teijeiro" nos lexítimos Branco, Outeiro ou Teixeiro.
Todas aquelas persoas que teñen un nome ou apelido deturpado e que realizan os trámites para a corrección desa anomalía, están contribuíndo para restabelecer o equilibrio ecolingüístico necesario e a dignidade do país e de si propias. A recuperación da forma galega auténtica non só non dá problemas como mesmo evita moitos, se se quixer usar habitualmente, para alén da propia satisfacción persoal de vermos corrixida unha desviación histórica e de recuperarmos unha denominación que nos reconcilia coas nosas propias raíces, cos nosos antepasados e coa memoria histórica do pobo galego no seu conxunto, a contribuírmos de paso para a dignificación colectiva.
Os poderes públicos -tamén a TVG- deben ser exemplares a este respecto. Salvemos a cabo Seixas! E con ela salvemos todo o noso rico patrimonio antroponímico.