Rosalía e Pondal


Non é moi frecuente a amizade e fraternidade entre escritores e artistas. No caso de Rosalía e Pondal, había algunha afinidade electiva que favorecía unha certa intimidade e confianza mutuas. E non se trataba de afinidades ideolóxico-políticas só, en especial as referidas a unha común preocupación e identificación coa patria galega. Había algún aspecto das súas personalidades que lles infundía cariño e confianza recíprocas, desde a mocidade. A súa forma de proceder, en materia literaria, foi, en grande maneira, antagónica. Ela optou por enlamarse, a cada paso máis, no barro da realidade social, económica, material, cultural e humana do pobo que, para ela, era a súa única patria, prestándolle especial atención ás mulleres, en particular ás populares. Empeñouse en demostrar que Galiza podía ser materia de arte literaria, porque formamos parte da Humanidade, e necesitamos e merecemos atención e expresión da nosa especificidade, para existir en todas as ordes. A visión da realidade por Rosalía transcende a aparencia, o superficial. A realidade é para ela un vasto campo de indagación onde o persoal e o colectivo forman unha osmose que desvela e alumea o sentido, a orientación e as causas de moitos fenómenos. E desta indagación da realidade non deixou á marxe un vasto campo de introspección que afondou nos estratos máis íntimos e velados da psique humana. Semellante atrevemento nunha muller, o que consiste no exercicio da liberdade de pensar e de sentir por ela propia, concretouse nunha potente vontade de creación literaria e de compromiso e servizo ao seu pobo, desprezado, oprimido e marxinado no proceso de creación da nación única española. Esta vontade e compromiso deron os seus froitos, mais contou sempre coa reprobación e a hostilidade dos poderes hexemónicos, que se situaban nunha orientación xustamente oposta ao afán rosaliano. Alén das características psíquicas de Rosalía, e das súas enfermidades físicas, a evolución dos acontecementos políticos e a súa experiencia como muller, escritora heterodoxa, tamén en lingua galega, esposa e nai, non favoreceron nin a súa estabilidade emocional nin o seu benestar material en vida. Rosalía combateu a sensación de fracaso e derrota nos últimos cinco anos da súa existencia cunha rexa dignidade actitudinal, desde unha sensación de illamento e cunha fonda e dorida convición patriótica galega.

Optou Pondal por unha idealidade que, partindo da paisaxe e da insatisfacción pola deformación da Galiza real, crease un mundo mítico, exaltación da valentía, forza e rebeldía, das que, en épocas protohistóricas, en especial, terían feito gala os nosos antergos, e que o bardo bergantiñán gostaría ver resucitadas. Por iso, dá a impresión a súa poesía , en moitas ocasións, dunha radicalidade nacional que, sen ser unha impostura, estaba moi lonxe de ter unha consecuencia práctica na súa vida. Neste aspecto, non deixa de expresar un certo desequilibrio entre literatura e práctica social, ou teoría e práctica, que, en boa maneira, desacougaba e angustiaba a moitos intelectuais con conciencia nacional galega por aqueles tempos. Sen dúbida foi Rosalía quen viviu con maior consecuencia e identificación co país, o que lle tivo custes que agravaron os derivados dunha conciencia feminina nada convencional. Nela si que a literatura é síntoma dunha concepción e práctica vital, que se esforzaron por desvelar aspectos agochados da realidade, polo que a súa obra é dunha grande complexidade temática, filosófica e formal, moi por enriba dos poetas e escritores do seu tempo, e en concreto, das poetas e escritoras. Rosalía móvese desde a perspectiva de quen pensa e sinte desde o epicentro da marxinalidade.

Que podía unir a Rosalía e Pondal nunha amizade gozosa durante moitos anos, e piadosa ao final, alén da súa conciencia galega? Creo que Rosalía comprendía que Pondal non era máis que un mozo, logo home, tímido que, envolto en idealidades, tería a cada paso máis dificultades, para manter compromisos sociais, afectivos e sexuais. Efectivamente após o banquete de Conxo (1856) e as súas secuelas represivas e intimidatorias, parece como se Pondal interiorizase que era psiquicamente fráxil, e afectivamente medoño, procurando na poesía un refuxio que o compensar fronte unha realidade esquiva e ingrata. A evolución de Pondal manifesta a cada paso maior receo perante a sociedade. E por moito que presumir de namoramentos nas conversas íntimas coa súa amiga Rosalía, sempre acababa por encerrarse nunha cuncha protectora. Seguramente Rosalía advertíao, con prudencia e unha pinga de ironía, sobre os perigos para a súa psique de tanta afectividade onanista, sen que el vise na advertencia outra cousa que a reconvención pícara dunha muller coa que se sentía cómodo. Pondal fixo algunhas veces por escrito ostentación de misoxinia de raíz bíblica, relixiosa, ideoloxía polo demais dominante na educación católica. Porén é difícil imaxinar, mesmo nos nosos días, unha escena tan atrevida como a que protagonizaban el, solteiro, e Rosalía, casada, paseando, en animada leria, polas estradas de Cuntis e Caldas, compartindo intimidades e críticas á sociedade pequeno-burguesa que inzaba os balnearios tan da súa querenza. Facía falta moita valentía por parte de ambos. Vía Pondal en Rosalía un espírito protector, en certa maneira a Esperanza, ela, e o Fausto, el, que a súa amiga pintara no seu "ensaio de novela" , La hija del mar (1859). Non deixa de ser moderno, no sentido de atrevido, que o seu grande amigo, e en boa maneira depositario de moitas das súas confesións e confianzas, fose o esposo de Rosalía, Manuel Murguía, matrimonio que, para Pondal, era a encarnación simbólica e real do compromiso na restauración dunha cultura literaria galega que axudase á toma de conciencia nacional nas clases sociais alfabetizadas, cultas. Eles tres coñecíanse desde a mocidade bohemia, naqueles tempos de ebulición no que cada un comezou a trazar e definir o seu futuro, entre 1850 e 1856.

A amizade de Rosalía con Pondal desbordouse chegando a abranguer Eduarda Pondal, a irmá do poeta, cuxa morte deixará fonda pegada na Rosalía moza. A cada paso teño máis clara a tendencia rosaliana a construír personaxes novelescos e, tamén en boa parte, poéticos, a partir de persoas coñecidas e significativas para ela, en sentido positivo ou negativo, da realidade circundante. Non sería de estrañar que, baixo a forma de transfiguración literaria, estiveran actuantes en La hija del mar, por exemplo, sentimentos, actitudes, persoas, conflitos, observados, vividos, experimentados ou intuídos, na súa adolescencia e mocidade. E parece claro que a súa viaxe e estancia na Costa da Morte, na casa dos Pondal, co seu desenlace tráxico, impactou o espírito rosaliano....Pasados moitos anos, cando o traslado dos restos mortais de Rosalía de Adina a San Domingos de Bonaval en Santiago, como antes co gallo da morte, Pondal parece non ter azos, valor, para superar o seu agarrotamento emocional e intelectual e escarvar nos seus sentimentos. Un veo de pudor e a seu inconfesado terror aos abismos da alma e do corpo levouno a unha resposta algo fría e formalista: era moito conflito o que latía na vida e na obra rosalianas. Era incapaz de aludilo e menos de expresalo. Optou pola tanxencialidade, por seguir as pautas de Murguía, velar e loar.

Este ano cúmprense os 180 do nacemento de Rosalía , e os 100 do pasamento de Pondal. As súas obras son un testamento de coñecemento e rebeldía, cada unha coa súa orientación e desexo; as dúas, unha na súa complexidade proteica, e a outra, na súa sinxeleza clásica, representan apostas polo dereito de o pobo galego ser libre e digno. Curiosamente, a terceira estea da trípode da nosa literatura clásica, da nosa renacenza, non tivo amizade nin con Rosalía nin con Pondal, entre outras cousas por ser doutra xeración máis nova. Pondal non gustaba nada, inicialmente, de que o mozo ourensán, Manuel Curros Enríquez, se colocase, a partir de 1880, cos seu Aires da miña terra como o escritor máis lido de Galiza, o máis recoñecido, gozando da admiración e o interese público suscitado polo escándalo provocado pola causa xudicial seguida contra o seu autor a instancias do bispo de Ourense, mentres o silencio e a indiferenza pairaban sobre Rosalía e a súa obra. Mais, andando os anos, non só homenaxeou a figura de Curros con senllos poemas, senón que gustaba presumir de ter sido el e aquel mozo ourensán, xa morto, os que , coa súa obra, elevaran a lingua galega á categoría de lingua de cultura. Curiosamente, Curros, sen tratar Rosalía, si fora quen de facer os dous mellores poemas a ela dedicados, deixando constancia, sen veos ocultadores, nin ritualismo consolador, do que aquela muller representara en vida e do que simbolizaba postmortem.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.