Risco de censura en Internet
O pasado 21 de decembro de 2010 a Comisión de Economía do Congreso dos Deputados rexeitaba a disposición final segunda do Proxecto de Lei de Economía Sustentábel, unha disposición coñecida popularmente como a "Lei Sinde" en lembranza da súa promotora, a actual Ministra de Cultura, Ángeles González Sinde. Esta disposición final, introducida na Lei por sorpresa en decembro de 2009 durante a súa tramitación en fase de anteproxecto, estabelecía unha modificación da Lei de Servizos da Sociedade de Información pola que se capacitaba o Ministerio de Cultura, a través dun novo órgano ministerial denominado Comisión de Propiedade Intelectual, para proceder ao peche sumario das páxinas web sospeitosas de vulneraren os dereitos de propiedade intelectual (nomeadamente, as páxinas de descargas de música, filmes, series, libros electrónicos, videoxogos ou programas informáticos) sen necesidade de orde xudicial.
Esta pretensión do Ministerio de Cultura foi contestada inmediatamente nun Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet subscrito por un amplo colectivo de cidadáns e que a día de hoxe conta cun grupo en Facebook de case un cuarto de millón de membros. O manifesto sintetiza en dez puntos a postura da comunidade internauta, nunha declaración encabezada pola premisa de que "os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión". De modo máis explícito: "Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo". Cómpre salientar que tamén se posicionaron en contra das intencións do Ministerio os catro principais provedores españois de acceso a Internet (Telefónica, Vodafone, Ono e Orange), aínda que no seu caso a motivación fose fundamentalmente lucrativa.
Para mirar de contrarrestar estas críticas, o Consello de Ministros introduciu na súa proposta unha referencia matizada á autorización xudicial debida. No texto do Proxecto de Lei aprobado finalmente polo Goberno, indícase que será a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional quen, a instancias da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura, decidirá o peche das páxinas web identificadas como sospeitosas de delito pola Comisión. O papel do xulgado da Audiencia Nacional quedará limitado á comprobación de que o peche non afecta ningún dereito fundamental garantido no artigo 20 da Constitución Española relativo á liberdade de expresión, e a ditar nun prazo improrrogábel de catro días a autorización ou a denegación do peche. Se o xulgado entende que pechar unha páxina web non conculca o dereito á liberdade de información e de expresión recoñecido pola Constitución, decretará o peche da páxina web identificada pola Comisión do Ministerio de Cultura sen xulgar o fondo do asunto, isto é, sen xulgar se a páxina pechada é culpábel ou inocente da acusación de vulnerar os dereitos de propiedade intelectual. Unha vez pechada cautelarmente a páxina web, tería lugar o xuízo correspondente por ese delito a través dun procedemento ordinario que podería demorar o seu tempo e que con toda probabilidade había de finalizar nun veredicto de inocencia de acordo coa xurisprudencia actual. En resumo, o obxectivo desta reforma auspiciada polo Goberno sería o de limitar o papel do poder xudicial no peche de páxinas web en favor dunha Comisión do Ministerio de Cultura, e o de facilitar o peche sumario preventivo das páxinas sospeitosas.
Poucos días antes da chegada do Proxecto de Lei ao Congreso, o 3 de decembro, o xornal El País revelaba un conxunto de telegramas do Departamento de Estado de Estados Unidos filtrados por Wikileaks nos que a embaixada estadounidense en Madrid detallaba as presións realizadas sobre o Goberno español para lograr unha lei contra as descargas á medida da súa industria cinematográfica. A resposta social en contra da aprobación da Lei Sinde callaba en manifestacións por todo o Estado, a plataforma Red SOStenible organizaba un envío masivo de correos electrónicos e chamadas aos deputados membros da Comisión para explicarlles a súa postura e a organización de consumidores FACUA facía chegar ao Congreso 30.000 sinaturas. Finalmente, o 21 de decembro de 2010, o Goberno levou o seu Proxecto de Lei de Economía Sustentábel a unha Comisión de Economía do Congreso dos Deputados na que os representantes do PNV, CC e ERC solicitaron que se votase á parte a disposición sobre o peche das webs. Tras máis de oito horas de debate, a Lei Sinde foi rexeitada cos votos en contra dos representantes do PP, CiU, PNV, CC e ERC-IU-ICV, con 18 votos a favor do PSOE e 20 en contra do resto dos grupos.
O Proxecto de Lei de Economía Sustentábel chega así agora ao Senado sen a disposición antidescargas. No Senado vaise someter a trámite a partir do 15 de xaneiro e aí vai ser onde moi probabelmente o PSOE tente de novo colocar na lei un redactado semellante a través dunha emenda consensuada co PP e con CiU. De ser aprobada esta emenda no Senado, o Proxecto de Lei seguiría o seu trámite coa súa inclusión, e podería ser ratificada definitivamente no Congreso a finais de febreiro.
Como dixo o presidente da SGAE, Teddy Bautista, tras coñecer o rexeitamento da Lei Sinde na Comisión de Economía, "esta no será la última ni la más dura de las batallas". Algo menos fino estivo o seu colega Alejandro Sanz, chamando "covardes e hipócritas" aos políticos españois por non protexeren ben os seus intereses. De calquera xeito, a batalla contra a censura previa na rede continúa. Algunhas iniciativas na rede para freala consisten no envío de correos electrónicos explicativos aos membros do Senado, a participación nun fotomatón web para dar a cara contra a Lei Sinde ou a autoinculpación de intercambiar cultura libremente mediante a integración no buscador de descargas da Lista de Sinde.