Réquiem polo CGAC


A crise tamén chega aos centros de arte contemporáneo. Neste contexto o CGAC anuncia a posibilidade de cobrar a entrada pensando non afogar definitivamente na crise. Mais os problemas deste centro veñen de moito atrás, veñen mesmo desde os seus comezos, e a crise está facendo aboiar as súas debilidades. Parafraseando ao seu director diremos que ten un problema de visibilidade.

A década dos oitenta do século pasado trouxo a proliferación de centros de arte contemporánea en Europa. Aquí chegaron un pouco despois, pois non podíamos ser europeos nin modernos sen ter un centro destes, a ser posible un en cada cidade, e apareceron os contedores, pero valeiros de contido. A filosofía de fondo era simple e propia de antollo infantil: eu tamén quero un.

Pero xa pasou o tempo deses caprichos e estes equipamentos culturais están nunha situación de stand by, pois cando os crearon non había máis proxecto cultural que facer exposicións para encher as paredes, isto no caso do CGAC, na Cidade da Cultura, que ía ser un gran equipamento cultural, nin iso.

Ao carón das propostas defensoras do CGAC flotaba a desculpa dunha necesidade imperiosa de chegármonos ao contemporáneo. Mais nunca se pensou neste centro como un lugar de encontro ao redor da arte, nin como un lugar de coñecemento. No fondo había unha certa filosofía de conquista e de cosmopaletismo, de levarlles o evanxeo da contemporaneidade aos incivilizados, conscientes de que a cultura destes era inferior e atrasada, ancorada no mundo rural.

Pero nada de potenciar o propio. Os que pensamos que calquera proxecto de futuro e de modernización das estruturas culturais ten que partir do propio, fomos alcumados como "ensimismados" e outros cualificativos, como si a defensa de o propio estivese enfrontado ao internacionalismo e ao cosmopolitismo, á incorporación de novas ideas, e disto hai exemplos na arte galega, por exemplo Luís Seoane.

Somos da opinión que un centro de arte contemporánea tería que ter como función educar e informar desde a cultura do noso tempo para que o usuario, como algúns queren chamar aos visitantes, teña outros elementos para interpretar o momento no que vive. Pero seguen pecando da vella idea ilustrada de museo: botín de guerra e obxectos cunha finalidade estética que unha minoría, unha élite, pode interpretar, fronte ao resto dos mortais que non ten idea do que é iso e da función que cumpren. O museo como lugar para a marabilia, pero non como lugares para comprender a cultura na que vivimos, para reflexionar sobre as desigualdades e diferenzas. Mais esta idea propia da ilustración nada ten que ver coa de cultura nunha sociedade democrática, onde tería que ser algo ao servizo da sociedade e para servir á cidadanía no seu camiño á liberdade e ao benestar.

Tamén tería que ser o CGAC un centro receptor de ideas procedentes dos campos relacionados coa arte (artistas, críticos, estudosos, cidadanía en xeral), para crear novas opinión, novos conceptos e, porque non, novos usos sociais. Pero non foi así, non interesa que haxa puntos de encontro e, á larga, o centro acabou por distanciarse non só da cidadanía, senón mesmo da que tería que ser a súa base social: o propio mundo da arte. Pero esta desvinculación, diríamos que total, sempre existiu neste centro.

Nestes proxectos feitos cos pés moi lonxe da terra, pensaban os promotores que a audiencia viría ao facer un edificio deseñado por un arquitecto de sona e logo cartos, veña cartos, pero non relación coa contorna inmediata. Cando, no caso do CGAC, o interesante debía ser unha programación orientada á formación reflexiva e crítica do visitante. Hai quen mantén que a apreciación da arte hai que entendela como unha experiencia e que o coñecemento terá que chegar así a través da sensación que o visitante experimenta diante dunha obra de arte. Pero, na arte chega só co coñecemento a través dos sentidos? Algo así como si as ideas, os conceptos e o coñecemento estivese flotando nas salas dos museos e o visitante entra a cazalas como se fose cazar bolboretas no campo. Nada importa o contexto, a realidade social inmediata.

O CGAC está en crise, non é un centro de referencia para as artes, si é que algunha vez o foi; tampouco contribuíu a que a sociedade entenda ou aprecie mellor a arte contemporánea ou saiba máis sobre a arte que se fai no noso país. Igualmente non serviu para potenciar a creación desde aquí, como non foi un centro de acollida. Pero aquí segue habendo a necesidade dun espazo de apoio á creación artística, desde apoio tanto na formación como no proceso de creación e difusión.