Representación do feminino no imaxinario colectivo: a propaganda
De Marcial, no seu epigrama 41, por exemplo, -"(...) tu puella non est,/ et tres sunt tibi, Maximina, dentes..."- á Rima 56 de Bartolomé Leonardo de Argensola -"Aunque Ovidio te dé más documentos/ para reírte Cloe, no te rías,/que de pez y de boj en tus encías/ tiemblan tus huesos flojos y sangrientos"- , sen pasar por alto a Quevedo -" Quéjaste, Sarra, de dolor de muelas/ porque juzguemos que las tienes, cuando/ te duelen por ausentes, y mamando,/ bocados sorbes y los sorbos cuelas", atopamos a burla de mulleres desdentadas, síntoma evidente de idade avanzada, algo que, lonxe de vivirse con naturalidade, era obrigado sentir coma un peso, na medida en que afastaba a muller da escasa vida pública que lle era permitido vivir co que isto implicaba de distancia do asunto erótico, isto é, do gozo de amar.
Daquela, temos nestes textos un xeito ominoso de criminalizar a vellez feminina, contemplada dende un poder masculino que si podía, a pesar da lonxevidade, insistir en amar, sen se sentir culpábel por iso. É esta satirización da senectude da muller, unha forma máis de violencia instalada no subconsciente colectivo, con tal forza que, aínda a día de hoxe, pervive e chega, nalgúns casos, a atormentar. No en tanto, a violencia é tan ampla, tanto estende os seus brazos, que non se conforma unicamente con indicarnos os períodos nos que podemos e debemos amar, mais tamén como cómpre que nos presentemos en sociedade para ser dignas de tal galardón. Porén, isto é tan evidente que fatiga comentalo. Entón, centrarémonos aquí no xeito en que estas forzas invisíbeis dictaron e dictan a representación do feminino na mente das persoas e de cómo isto dificulta a nosa convivencia.
Partiremos xa que logo dunha premisa obvia: vivimos nunha sociedade patriarcal dende hai séculos que se ten servido, entre outros, de pensadores e escritores para crear unha conciencia de dominación. Os versos citados inicialmente constitúen un claro exemplo do que estamos a dicir. Pero hai máis, moitísimo máis. Temos pois, dende que a historia escrita nos permite facer memoria, constancia da estereotipación das mulleres, subdivididas en dous grupos: as boas e as malas.
Das mulleres malas, sempre asociadas a condutas libidinosas polas que ser criminalizadas, existen tamén abondosas mostras. Vexamos agora un exemplo disto nun poema de Fernand' Esquío no que o autor di que agasalla con "quatro carallos franceses" a unha abadesa, e "dous" á prioresa, deixando ver que ambas as dúas son insaciábeis e teñen de seu auténtica ansiedade por practicaren o sexo: "A vos, Dona abadessa,/ de min, Don Fernand' Esquío/ estas doas vos envío,/ porque sei que sodes essa/ dona que merecedes:/ quatro carallos franceses,/ e dous aa prioressa." Outro exemplo irritante desta criminalización e burla do desexo sexual feminino témolo tamén na cantiga de Afonso Eanes do cotón, na que o poeta acusa unha muller de non lle pagar os servizos sexuais que el, moi amabelmente, lle prestou para calmar o furor uterino que a traspasaba: " Ben me cuidei eu, María Garcia,/ en outro día, quando vos fodi,/ que non partiss'eu de vós assi/ como me parti já, mao vazia,/ vel por serviço muito que vos fiz;/ que non me destes, como x'omen diz,/ sequer un soldo que ceass'un dia."
Por medio destes fragmentos, entre outros moitos que existen, preténdese reflectir, por unha banda, a insistencia nun aspecto feminino considerado vergonzoso, a devandita incontinencia sexual criminosa dende un punto de vista meramente masculino, e, pola outra, como isto foi utilizado para xustificar a necesidade de dominio e control sobre a muller. Neste punto é onde a Igrexa ocupa un lugar preponderante como difusora das condutas lascivas e pecaminosas das que era necesario afastar as mulleres para telas a raia. O matrimonio era pois o ámbito idóneo para sometelas. Así, todas as mulleres sensatas rematarían casadas ou, no mellor dos casos, nun convento. E dicimos no mellor dos casos, porque casadas con Cristo, poderían polo menos evitar a violencia física, aínda que seguían a estar sometidas ao poder do clero, evidentemente masculino.
Eis un exemplo de cómo se entendía que debía ser unha muller virtuosa no libro de Fray Luís de León, La perfecta casada: "Lo que decimos mujer de valor; y pudiéramos decir mujer varonil (...) quiere decir virtud de ánimo y fortaleza de corazón, industria y riqueza y poder." Pola contra, no referente ao home, o autor aclara que "(...)ser dotado de entendimiento y razón, no pone en él loa, porque tenerlo es su propia naturaleza." Segundo isto, o home non precisaba dun control tan exhaustivo, agás nalgún que outro caso de esaxerada conduta salaz, como foi o dos sacerdotes caricaturizados por teren unha "barragana" na casa -coa que "copularen" libremente-naquela famosa pasaxe dos clérigos de Talavera do Libro de Buen Amor. Nela facíase referencia ás cartas do Papa que prohibían este amancebamento: "Las cartas recibidas eran de esta manera;/ Que el cura o el casado, en toda Talavera, /no mantenga manceba, casada ni soltera:/ el que la mantuviese, excomulgado era."
Está claro entón que houbo, ao longo da literatura, moitas mulleres culpábeis e moitos homes vítimas das súas envolventes formas. Algunhas ben interesantes por certo. Pensemos, por exemplo, nas amorais e libertinas, como a soñadora Enma Bovary, a sentimental Ana Karenina, e a propia Madame de Rênal (Le rouge et le noir, Stendhal), menos citada que as anteriores e non por iso menos interesante, na medida en que constitúe, nun principio, un feixe de virtudes propias dunha muller de ben, proclive á corrupción por un poder masculino que, en todo momento, anda atento, agardando o intre axeitado para a seducir, inducido, por suposto, por esa fermosura incandescente e sutil que a condenaba.
Sobre o aspecto físico de Madame de Rênal, o narrador explica que "Era unha muller alta, ben feita, que fora a beleza da comarca" e engade que "Tiña un certo aire de sinxeleza e de xuventude no seu andar; aos ollos dun parisiense, esta graza inxenua, chea de inocencia e vivacidade, chegaría mesmo a espertar ideas de voluptuosidade. Se ela se decatase desta clase de éxito, chegaría a sentirse moi avergonzada". Ao respecto da súa forma de ser, deixa claro que era "(...) demasiado tímida e dun carácter en apariencia moi desigual(...). Era unha alma inxenua que non chegara nunca sequera a xulgar o seu marido e a confesarlle que se aburría.". Así é que, Madame de Rênal, formaba parte ,inicialmente, dun ideal feminino procedente do imaxinario masculino, instruído na dominación, que herdara os prexuízos precendentes ao respecto das consideracións sobre o que tiña de ser a conduta feminina, dentro e fóra do matrimonio.
Daquela, observamos novamente, como se volve insistir nun constructo patriarcal que, carente dos medios de comunicación actuais, se serviu da liturxia relixiosa e da literatura como medios de difusión máis eficaces, isto sen ter conta do adoutrinamento machista practicado no ámbito doméstico ou nas primeiras escolas, onde continuamente se incidía nesa idea sexista de superioridade masculina.
O máis curioso deste asunto das mulleres protagonistas na novela realista do século XIX, é que todas elas remataron abandonadas, tristes, e, nalgún caso, mortas. Daquela, deberíamos intuír unha mensaxe aleccionante nestas obras?. Creremos que hai unha intención política de perpetuación da dominación por parte dos seus autores, ou, pola contra, aceptaremos que tanto Flaubert como Tolstói ou Stendhal, reflectiron a situación real dunha muller irreal, cunha serie de calidades morais moi desexábeis -antes da corrupción-, ás que se engadiría unha certa intelixencia e sensibilidade artística, pouco frecuente na maioría dunha poboación feminina fundamentalmente analfabeta?. Soñaba Flaubert con amar a Enma Bovary?. Puido Tolstói considerar nalgún momento que ese mundo social comunitario de igualdade que arelaba non podía existir sen solventar a cuestión de xénero? Unha revolución comunista sen liberar da opresión ás mulleres?. Recoñeceremos entón que até os máis bos e xenerosos, coma Tolstói, foron vítimas dunha educación sexista que procuraba para a muller un ámbito de "pretendida paz", inexistente por suposto fóra do fogar?
E, de sermos sinceiros e aceptarmos que até os grandes pensadores e novelistas foron só grandes parcialmente -contemplaron o mundo, potencialmente mellorábel, dende un único punto de vista, condicionados polo imaxinario colectivo preponderante, difundido de xeito recorrente nas escolas e igrexas, ou a través da literatura, pintura, escultura precedentes-, e entenderemos a importancia dunha revisión constante e rigorosa dos medios de difusión actuais (prensa, cine, radio, televisión e escolas) para evitarmos incorrer nos erros do pasado?.
Prantexamos estas cuestións porque observamos, na nosa sociedade, unha interiorización extrema das mensaxes directas ou subliminais, das que non existe conciencia. Parece que estamos tan afeitos/as á presencia de mulleres estereotipadas (boas, maternais, fermosas, novísimas, esveltas) que apenas reflexionamos sobre a violencia implícita inherente. Por iso, ao ver un anuncio de tenis Easy Tone, de Reebook, por exemplo, poucas persoas se sentirán incómodas ante a presenza de corpos femininos en pantalóns ben curtos, vistos dende atrás. Inevitabelmente, incidiremos nisto, temos asociada a felicidade a tres piares básicos: xuventude-beleza-delgadez. Daquela, non nos cuestionaremos nada en absoluto, e, coma antaño fixera a igrexa, ou os propios textos literarios, insistiremos nunha visión rancia das mulleres e do seu corpo, das súas espectativas vitais.
Tampouco non caeremos na conta dos intereses agochados detrás da presenza de corpos masculinos nos anuncios, dende unha óptica sexi, chegando a interiorizar a idea de igualdade no tratamento do home e da muller neles. No en tanto, a verdade é que nin a democratización da beleza -productos de distintos prezos para diferentes niveis adquisitivos e oferta de financiacións de tratamentos estéticos para todas as persoas, de todas as clases sociais-, nin a cousificación dos corpos, obedecen a criterios de igualdade, pois non perseguen ideais construtivos e carecen de toda ética, na medida en que os seus intereses son exclusivamente pecuniarios. A cousa está clara, porque conformarse con vender cremas só para mulleres cando é posíbel ampliar o mercado incluíndo os homes como destinatarios deses productos e obter maiores beneficios?
Por esta razón, pensar sobre a publicidade e afondar nas mensaxes ten moita importancia se queremos liberarnos de prexuízos sexistas e clasistas, propios dunha sociedade egoísta que se debate entre o pracer e o desexo, deixando á marxe o compromiso social ou a xenerosidade, contribuíndo ao "sálvese quien pueda".
De todos modos, a pesar de que o home comeza a aparecer tímidamente nos medios "cousificado", é ben certo que a muller continúa sendo a principal vítima desta violencia. Así, podemos observar, como, anuncio tras anuncio, se nos inculcan os tres obxectivos básicos citados -beleza, xuventude, delgadez - ademais dun novo que tamén afecta aos homes, aínda que en menor medida, a eficacia, unha característica imprescindíbel para exercer de nai, esposa, traballadora, amiga, anfitrioa, en síntese, para ser a muller completa, pensada e decidida, novamente, polo ollo masculino que arrastra unha representación do feminino cinguida fundamentalmente á estética reforzando así a dominación simbólica tan ben definida por Bourdieu que, como el moi atinadamente explica, afecta por riba de todo ás mulleres da pequena burguesía.
Recolleremos aquí as palabras exactas deste autor por reflectir diafanamente o que intentamos explicar: "As mulleres da pequena burguesía, das que sabemos que levan ao extremo a atención cos coidados corporais ou a cosmética e, nun sentido máis amplo, a preocupación ética e estética, son as vítima privilexiadas da dominación simbólica, mais tamén os instrumentos para transmitiren os seus efectos nas categorías dominadas. Ao estaren obsesionadas pola aspiración a se identificaren cos modelos dominantes -como o amosa a súa tendencia á hipercorrección estética e lingüística (eis a importancia dunha linguaxe non sexista)-, son especialmente propensas a se apropiaren a calquera prezo, é dicir, case sempre a crédito, das propiedades distinguidas por ser distintivas dos dominadores, e contribúen á súa dominación imperativa..."
Daquela, de afondarmos un pouco máis nesta cuestión e seguirmos as teses de Bourdieu, veremos claramente, que a publicidade sexista está vencellada non unicamente á dominación masculina, simbólica ou evidente, mais tamén ao predominio das clases burguesas e, por ende, á forza que o capitalismo exerce no subconsciente colectivo, denominando liberdade ao egoísmo, convertendo o consumo nunha necesidade, dando pulo ás ideas liberais coma se fosen un adaíl do desenvolvemento persoal, fabricando os robinsóns e robinsoas do século XXI, aparentemente modernos, no que se refire ao uso das novas tecnoloxías, e no fondo tan rancios como aqueles homes e mulleres da antigüidade que invocaban o poder sexual feminino, axeonllándose ante el -Lancelot ante a raíña Xenebra, por exemplo- ou desprezándoo e criminalizándoo pola súa suposta perversidade.
Por iso, dende aquel terríbel anuncio de Soberano -es cosa de hombres-, dos chicles Niña ou do scalextric, aos máis actuais de Pronto, Wipp Express ou Actimel -con mamá sempre atenta ás necesidades do seu fillo, mentres o pai está ocupado noutros menesteres-, unicamente pasou tempo. Nada máis, pois os clichés continúan xa que, segundo explican algúns publicistas, a sociedade segue a demandar esa visión rancia da vida familiar, onde a muller é o principal sostén emocional.
Por esta razón, parece evidente que urxen cambios radicais, de fondo, para eliminarmos ese conxunto de certezas estabelecidas que tanto dano están a facer nas sociedades de consumo capitalistas. Precisamos de empregarmos algunhas das ideas visonarias de Bernays (1892-1995) ao respecto da propaganda para xerar novas perspectivas, diferentes modos de actuar e de nos relacionar que poidan resetear o imaxinario colectivo patriarcal e fornecer un novo, non sexista. Cómpre facelo en todos os ámbitos. Sen complexos de ningún tipo. Isto non sería manipulación, pois tal procura de difusión da igualdade non albergaría os obxectivos económicos que si persegue a publicidade, mais éticos e imprescindíbeis para poder avanzar e liberarnos de cargas inútiles.
O dirixismo e a consecuente submisión na relación home-muller, resulta bochornoso. Repetir vellos patróns de conduta é sempre máis cómodo que esforzarse por levar á práctica outros novos. Cómpre facelo en todos os ámbitos, tanto públicos como privados. Isto non sucede. Xa que logo, a coherencia é a asignatura pendente que evidencia unha falsa concienciación da igualdade.