Repensar o cristianismo

Quen estea atento á cultura actual, seguro que lle é indicativo o título “repensar”. Os franceses inventaron un neoloxismo -ressourcement- para indicar “repensar e recuperar”. “Repensar e recuperar o Cristianismo” é a referencia ao libro-homenaxe a Andrés Torres Queiruga.
Trátase dunha obra ambiciosa, de 615 páxinas, de 60 autores máis o homenaxeado ATG. El mesmo enfía a súa biografía e analiza, brevemente, os artigos dos 60 autores. Faino con benevolencia e contextualización.
É unha obra que non podemos deixar de ler e de divulgar. É unha análise dos escritos de ATQ e unha colaboración aos temas máis fronteirizos da súa teoloxía. Porque ATQ é un teólogo creativo, un teólogo que intenta rescatar o pasado e alumar o presente. É un miradoiro do cristianismo moderno.
No texto homenaxe temos 60 apreciacións; algunhas extensas e centradas no cristianismo actual. Comeza a sección dedicada ao estudo dos eixos teolóxicos do autor, un amigo da escola, X.L.B. Barreiro, pp. 41-59. Recorre a etapa enteira do empeño de Queiruga no estudo das obras de A. Amor Ruibal:
Pese ao longo camiño percorrido, ATQ aínda non está satisfeito coa exposición, recuperación e mesmo aplicación do pensamento ruibaliano… Para cumprimentar esta cuestión, e ir saldando a débeda, procura responder con investigación serias e moi documentadas. Na primeira delas para acadar o grao de Doutor en Teoloxía (Constitución y evolución del dogma, Roma, 1976). Unha segunda tese de doctoramento (Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xabier Zubiri, Santiago, 1990).
Non é, logo, estraño que ATQ recupere o correlacionismo ruibalián e se confese sucesor na busca da renovación filosófica e teolóxica de A. Amor Ruibal. Diría máis, con Amor Ruiball comezou a regar este país unha fonte teolóxica da que é mestre -con alumn@s- ATQ. E que só precisa de sede para un escola teolóxica.
S. Madrigal, pp. 103-126, ve na obra de ATQ a un teólogo que desenvolve un dos eixos do Vaticano II, o da colexialidade. Co título de Poder, autoridade e democracia na Igrexa, escrebe:
,“Durante a Idade Media, consolidado o réxime de cristiandade, todas as relación estaban rexidas polo principio da autoridade e da obediencia sen máis matices -coma o caxato do home vello- parecía o máis normal. Hoxe, a autoridade que non pode ser negada, debe ser exercida dun modo novo. O caso do primado papal, despoxado das súas estruturas feudais e decimonónicas, esixe unha reiterpretación teolóxica e unha reestruturación práctica desde un novo recoñecemento da función do sucesor de Pedro á luz da escritura e da tradición, como algo que non pode ser desterrado da fe católica”.
Alfonso Novo, pp. 127-140, remove textos bíblicos e teolóxicos para contextualizar outro dos eixos teolóxicos de ATQ. Deus é un Deus de amor tal e como Xesús o presenta; un Deus anti-mal, non autor do sufrimento nin de castigos:
"O inferno é, obviamente, a antítese da salvación. Polo tanto, se é verdade que Deus quere e é autor da salvación, o inferno é o que Deus non quere. Polo tanto, “o inferno non pode ser considerado, de ningunha maneira e baixo ningún pretexto, como unha acción positiva de Deus”… A expiación só tería senso positivo se producise un efecto psicoloxicamente reformador en quen pecou, si e só se o castigo o fixese recapacitar na magnitude do seu crime de tal modo que puidese cambiar a orientación xeral da súa vida”.
Como nestes tres casos, imos alimentando coñecementos nos autores desta magna obra. Hai para escoller: filósofos, teólogos, historiadores, poetas. Unha obra digna do homenaxeado para curar prexuízos e satisfacer urxencias de verdade cristiá neste Galiza que o autor da a coñecer desde a súa cultura.